Termos Fundamentais de Xeografía Económica e Rexional
Classified in Other languages
Written on in
English with a size of 4.67 KB
Vocabulario de Xeografía Económica e Urbana
- Difusión industrial
- Fenómeno que consiste na expansión da industria desde unha área industrial central cara á periferia seguindo os eixos que marcan as principais vías de comunicación.
- Economía sumerxida
- Actividade económica ilegal, non suxeita a control fiscal, que busca non pagar impostos e se beneficia da existencia de bolsas de desemprego, o que permite pagar salarios baixos.
- Economía de escala
- Capacidade que ten unha empresa cando acada un nivel óptimo de produción para ir producindo máis a menor custo; ou sexa, a medida que a produción nunha empresa medra (zapatos, chicles, bastóns, caixas de mistos…), os seus custos por unidade producida redúcense. Canto máis produce, menos lle custa producir cada unidade.
- Enerxías renovables
- Son aquelas que se investigan para substituír as enerxías tradicionais por razóns da súa menor contaminación e capacidade de renovación. Trátase de enerxías como a solar, a eólica, a de biomasa, os biocarburantes, etc.
- Fondos estruturais
- Fondos comunitarios que teñen como obxectivo corrixir as desigualdades de desenvolvemento entre as distintas rexións europeas.
- Materias primas
- Aquelas que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundiais e que son claves por razóns políticas ou estratéxicas para a economía mundial: petróleo, coltán, uranio, gas natural, etc.
- Movementos antiglobalización
- Conxunto de movementos sociais que coinciden na crítica ao sistema económico capitalista na súa vertente da globalización.
- Área metropolitana
- Espazo urbano formado por un núcleo principal e os municipios limítrofes cos que se crean estreitas interrelacións económicas e sociais, as chamadas cidades satélite, que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos, todo organizado de xeito centralizado.
- Área suburbana (periurbana)
- Espazo con predominio de caracteres rurais situado no extrarradio dunha cidade e da súa área de influencia.
- Balanza de pagamentos
- Diferenza entre o valor dos bens exportados e importados por un país nun determinado período de tempo.
- Ecoturismo
- Tendencia dentro do turismo que pon o acento nas prácticas ecolóxicas na explotación turística, como poden ser o respecto medioambiental, o consumo de produtos naturais e locais e o intento de que parte dos beneficios da actividade turística repercuta nas comunidades locais.
- PAC (Política Agrícola Común)
- Conxunto de políticas e normas para o apoio e a regulación da agricultura nos estados membros da Unión Europea. Entre os seus obxectivos están incrementar a produtividade agraria, garantir un nivel de vida equitativo e digno á poboación agraria, asegurar a subministración de produtos ao consumidor a prezos razoables, protexer o medio ambiente e promover o desenvolvemento das rexións máis atrasadas.
- Saldo migratorio
- Diferenza entre o número de emigrantes e o de inmigrantes nun período de tempo concreto.
- Touroperadores
- Empresas dedicadas á xestión completa dunha viaxe turística desde o medio de transporte ata o tipo de estancia e as actividades a desenvolver.
- Taxas aeroportuarias
- Valor que se lle cobra aos pasaxeiros polo uso das instalacións aeroportuarias.
- Industrias verdes
- Tipo de industria que intenta non contaminar nos procesos de produción, distribución e consumo. Para conseguilo, por exemplo, recicla ou reutiliza algún tipo de material (cartón, papel, plástico…), reduce ao mínimo as súas emisións de gases de efecto invernadoiro, dispón de planta de tratamento de auga e de residuos sólidos, desenvolve proxectos de enerxías alternativas, etc.
- PEIT
- Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte elaborado polo Ministerio de Fomento de España que inclúe actuacións en infraestruturas e transportes desde o ano 2005 ao 2020. Entre os seus obxectivos están impulsar a competitividade e o desenvolvemento económico, así como fortalecer a vertebración e a cohesión territorial.
- Franquía
- Concesión de dereitos de explotación dun produto, actividade ou nome comercial, outorgada por unha empresa a unha ou varias persoas nunha zona determinada.