Orixe e Evolución do Galego: Substrato, Latín e Superestrato

Classified in Training and Employment Advise

Written on in English with a size of 4.24 KB

Orixe e evolución do galego

O galego é o resultado da evolución, no noroeste da Península Ibérica, do latín vulgar traído polos colonizadores romanos. Para entendermos esta evolución, debemos ter en conta tamén os diferentes estratos lingüísticos orixinados polos desprazamentos dos pobos coas súas culturas e linguas; é dicir, as diferentes linguas que se foron superpoñendo, unhas desaparecendo e outras non, ao longo do tempo.

No territorio coñecido como Gallaecia polos romanos (hoxe Galicia) falábanse linguas sen unidade ningunha. A esas linguas chámaselles substrato do latín, pola influencia que como linguas nativas ou indíxenas exerceron sobre a lingua que se implantou no mesmo territorio. Polo tanto, o substrato lingüístico galego fórmano as linguas que se falaban en Galicia antes da chegada dos romanos, e que desapareceron coa implantación do latín, pero que influíron notablemente na súa evolución no noso territorio.

O substrato prerromano

As linguas de substrato subsistían no período prerromano, que engloba os séculos previos á chegada da cultura e da lingua latinas. As linguas dos pobos que poboaban a Gallaecia reciben o nome de linguas prerromanas ou prerrománicas.

A chegada do latín á Península marca o comezo dun proceso de asimilación cultural. O resultado máis salientable será a paulatina eliminación das linguas prerromanas, é dicir, do substrato prerromano. A lingua prerromana que destacaremos será o celta, que deixou trazos na toponimia e no léxico común, a través de nomes de lugar como Alcabre ou termos comúns como parra, centola, rodaballo ou beizo.

A romanización

Coa chegada do latín podemos falar de romanización, é dicir, o proceso histórico de asimilación e incorporación dos pobos ibéricos ao mundo cultural romano. A romanización foi gradual e produciuse desde o século I a. C. Xa no século III o latín aparece nas primeiras inscricións como lingua de prestixio, e a partir de entón será o latín vulgar o que ocupe todo o territorio. Entendemos por latín vulgar aquel que foi transmitido de forma oral por lexionarios, colonos, comerciantes e funcionarios que chegaron desde diferentes puntos. É dicir, non era un latín culto, senón o latín falado.

Superestrato e influencia das linguas invasoras

O imperio romano entra en decadencia, o que se ve acentuado pola presión dos pobos xermánicos. Estes pobos espallaranse polas antigas provincias romanas, o que precipita a ruptura cultural e lingüística con Roma. O latín evolucionará, desde o século V, influído polas linguas de superestrato, que irán ocupando o territorio. Entendemos por lingua de superestrato aquela lingua invasora que exerce unha influencia sobre unha lingua xa considerada autóctona.

Neste sentido, a influencia das linguas xermánicas primeiro e a das árabes despois sobre o latín vulgar de Galicia fará que o dialecto falado nesta zona desemboque no galego-portugués medieval. Como xa dixemos, en primeiro lugar serán os xermanos, suevos e visigodos, as primeiras linguas de superestrato, que deixarán nomes como Afonso ou Carolina e termos da vida cotiá, nomeadamente aqueles que teñen que ver coa guerra, como estaca ou espía.

Nun segundo momento, o latín vulgar sufrirá un segundo desenvolvemento coa invasión árabe. Esta invasión, tamén lingüística, acelerou o proceso de diferenciación do latín vulgar no século VIII. Por outra banda, a pegada lingüística que nos deixaron contribuíu a enriquecer a lingua. No noso caso, posiblemente esta influencia non foi directa, senón que nos chegou a través doutras linguas veciñas. Deste léxico tan rico cabe destacar palabras como alcalde, alquimia, aceite ou a interxección oxalá.

Do dialecto ao galego-portugués

O dialecto falado en Galicia foi estendéndose cara ao sur a medida que a Reconquista ía gañando terreo, de tal xeito que xa no século IX podemos falar dunha nova lingua, que será coñecida durante a Idade Media como galego-portugués.

Related entries: