Humor Gráfico Galego e a Banda Deseñada: Linguaxe e Historia
Classified in Greek
Written on in
English with a size of 3.26 KB
Humor e linguaxe
O humor adoita empregar recursos como:
- Ironía: dicir algo dando a entender que se pensa exactamente o contrario.
- Hipérbole: esaxeración que contrasta coas dimensións normais do relato.
- Xogos de palabras, equívocos e dobres sentidos, mediante:
- Polisemia: palabras que teñen varios significados, de modo que son posibles dúas lecturas, unha seria e outra "cómica" (mesma orixe).
- Homonimia: palabras distintas que son idénticas na forma oral ou escrita (distinta orixe).
- Paronimia: semellanza fonética entre dúas palabras que son totalmente diferentes no significado (case mesma pronuncia).
- Calambur: modificación do significado dunha palabra ou frase agrupando as súas sílabas de maneira diferente.
Ademais, o humor pode apoiarse nun contexto concreto, de modo que co paso do tempo perde frescura ou vólvese mesmo incomprensible ao cambiar as circunstancias de tempo e lugar.
Un pouco de historia do humor gráfico galego
Na historia do humor galego destaca unha ampla nómina de creadores gráficos, desde Castelao, Maside ou Torres, ata os máis recentes, como Xaquín Marín, Siro, entre outros. Moitos deles publican as súas obras en xornais ou revistas cos que manteñen unha colaboración fixa. Nalgúns casos, a súa produción está recompilada en álbums, volumes ou antoloxías.
Tamén xurdiron publicacións específicas de humor gráfico, como a revista xuvenil de humor Golfiño ou a revista Retranca. Grazas ao labor de todos eles produciuse unha progresiva revalorización desta disciplina humorística, que hoxe goza entre nós de gran vitalidade. Os creadores adaptan as súas obras ás novas técnicas e soportes e continúan debuxando a realidade galega de forma crítica e creativa.
A banda deseñada ou cómic
A banda deseñada é unha narración ilustrada na que se combinan imaxes e texto, é dicir, combínase a linguaxe icónica coa verbal ou literaria. As imaxes que acompañan o texto mostran as accións realizadas polos personaxes e desempeñan a función narrativa principal. O texto constitúeno os breves diálogos dos personaxes e tamén as cartelas ou textos de apoio que dan voz ao narrador.
A historia cóntase a partir dunha sucesión de viñetas que presentan distintos momentos da acción. Entre elas poden producirse elipses, saltos temporais nos que se omiten algúns sucesos intermedios.
A linguaxe do cómic: os planos
Segundo a proximidade coa que son representados os personaxes e os escenarios, podemos diferenciar distintos tipos de planos:
- Plano xeral: aparecen os personaxes e o espazo no que se sitúan.
- Plano enteiro: os personaxes aparecen de corpo enteiro.
- Plano americano: cortado á altura dos xeonllos.
- Plano medio: personaxes cortados pola cintura; deste modo, a mirada do lector céntrase na súa expresión.
- Primeiro plano: só aparece o rostro do personaxe.