Historia de España no século XIX: conceptos clave

Classified in Training and Employment Advise

Written on in English with a size of 3.15 KB

Conceptos clave da historia política de España no século XIX

Estatuto Real

Estatuto Real: Nome que recibe o decreto de 1834 polo que a raíña rexente María Cristina de Borbón convocaba as Cortes do reino de España. Polo seu contido, considérase unha “carta outorgada”, xa que a Coroa renunciaba a manter en exclusiva o poder, admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das clases posuidoras, pero conservaba en exclusiva a soberanía e non recollía a separación de poderes nin os dereitos dos cidadáns.

Manifesto dos Persas

Manifesto dos Persas: Documento que presentaron en 1814 deputados absolutistas a Fernando VII tras o seu retorno do exilio en Francia, solicitándolle a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime. O monarca atendeu as peticións restablecendo o absolutismo.

Pragmática Sanción de 1830

Pragmática Sanción 1830: Disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como Lei Sálica, aprobada por Felipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do irmán do rei, o infante Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu á filla de Fernando VII, a futura Isabel II, en herdeira.

Pronunciamento

Pronunciamento: Forma de rebelión militar característica da España do século XIX, na que un grupo de militares, contando co apoio dun determinado sector social, se posicionaba publicamente en contra do Goberno e a favor dunha determinada facción política. Destacan o de Riego, O’Donnell ou Serrano, entre outros.

Sufraxio censatario e universal

Sufraxio censatario e universal: O sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos electos. O sufraxio censatario limita este dereito aos cidadáns incluídos no censo en función dun determinado nivel económico e social, mentres que o universal só establece como condición para votar a maioría de idade. En España, o censatario foi defendido polos liberais e o universal polos demócratas. A Constitución republicana de 1931 estableceu o dereito de voto das mulleres.

Tratado de Valençay

Tratado de Valençay: Acordo de paz asinado en 1813 nesa cidade francesa polo que Napoleón aceptaba a suspensión das hostilidades, o retorno de Fernando VII ao trono de España, a devolución dos territorios ocupados e a renuncia de José I. Tanto as tropas francesas como as británicas debían abandonar España, finalizando así a Guerra da Independencia.

Unión Liberal

Unión Liberal: Partido político fundado en 1858 polo xeneral Leopoldo O’Donnell, que agrupaba a esquerda moderada, a dereita progresista e numerosos militares. Pretendían ocupar o centro político da época e eran partidarios da monarquía constitucional de Isabel II. Gobernaron de 1858 a 1863 e de 1865 a 1866. Tras a unificación de Cánovas, formará parte do Partido Conservador.

Related entries: