Glosario de Historia de España: Términos Clave en Galego
Classified in Training and Employment Advise
Written on in
English with a size of 9.82 KB
PAZ DE UTRECHT: Tratados de paz asinados entre 1713 (cidade holandesa de Utrecht) e 1714 (cidade alemá de Rastatt), que puxeron fin á chamada Guerra de Sucesión, recoñecendo as potencias implicadas a Felipe V como rei de España a cambio de cesións territoriais e determinadas vantaxes comerciais; entre outras: Gran Bretaña obtiña Xibraltar e Menorca, un navío de permiso para comerciar con América e o asentamento de negros.
PRAGMÁTICA SANCIÓN DE 1830: Lei promulgada por Fernando VII en marzo de 1830, que supón a posta en vigor da Pragmática Sanción de 1789 de Carlos IV; esta anulaba o Auto Acordado de 1713 de Felipe V que imposibilitaba ás mulleres acceder ao trono, restablecendo o sistema de sucesión tradicional das Sete Partidas de Alfonso X, segundo o cal as mulleres podían reinar se non tiñan irmáns varóns. Pola súa posta en marcha Fernando VII recoñecía como herdeira á súa filla Isabel.
PRESURA: Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades: a oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados, e a privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.
PRONUNCIAMENTO: Acto de sublevación por parte do exército, cando unha parte do mesmo inicia un levantamento e pronúnciase publicamente en contra do goberno dese momento. Os primeiros pronunciamentos danse no reinado de Fernando VII cando unha parte do exército pide a substitución da monarquía absoluta por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz, pero estes foron habituais ao longo do século XIX.
PUCHEIRAZO: Método de manipulación electoral característico da Restauración borbónica en España para permitir a alternancia pactada previamente entre o Partido Conservador e o Partido Liberal (a quenda pacífica) que consistía na substitución masiva dos votos emitidos no “pucheiro” ou urna electoral en beneficio do candidato oficial.
REGALISMO BORBÓNICO: Política que no século XVIII inicia Felipe V e continúan Fernando VI e Carlos III pola que se pretendía limitar o poder da Igrexa (e aumentar o absolutismo real) afirmando a superioridade da autoridade dos reis sobre a Igrexa e buscando crear unha Igrexa sometida ao rei, controlando os nomeamentos dos altos cargos eclesiásticos, o número dos efectivos, a riqueza da Igrexa e a publicación e divulgación dos escritos papais no propio reino.
REXENERACIONISMO: Movemento intelectual, político e literario que impregnou a vida política española de finais do XIX e principios do XX. Caracterizouse tanto pola análise dos males do país e a crítica ao sistema da Restauración como polo seu propósito de atoparlle remedio e de renovar e modernizar a realidade política e económica de España. Entre os seus membros máis destacados destacan Xoaquín Costa e Ramiro de Maeztu.
SEMANA TRÁXICA: Movemento popular que tivo lugar en Barcelona na derradeira semana de xullo de 1909 en protesta pola decisión de mobilizar reservistas para aumentar os efectivos na guerra de Marrocos, que provocou unha folga xeral para protestar polo embarque dos reservistas; o motín adquiriu tintes anticlericais e o exército interviu para sufocar o levantamento; a forte represión propiciou a caída de Maura.
SISTEMA DE QUENDAS: Sistema de alternancia pacífica no Goberno acordado entre os partidos Conservador e Liberal durante a Restauración, constituíu un dos piares do chamado “sistema canovista” para garantir a estabilidade política e evitar o conflito electoral, consolidándose na rexencia de María Cristina de Habsburgo a partir do chamado Pacto do Pardo (1885) entre Cánovas del Castillo e Sagasta, líderes respectivos de ámbolos partidos.
SUFRAXIO CENSATARIO E UNIVERSAL: Sistema electoral con dereito de voto para os cidadáns, no que o voto pode estar limitado a unha parte da poboación (censatario) ou abranguer a todos os cidadáns (universal).
SUFRAXIO CENSATARIO: Sistema electoral que limita o dereito a participar nas eleccións a un número reducido de persoas en relación á súa riqueza, nivel de estudos, raza, xénero, etc. Foi o máis empregado durante o século XIX coa excepción do período coñecido como Sexenio Democrático.
SUFRAXIO UNIVERSAL: Sistema electoral no que todos os homes e mulleres teñen dereitos políticos e poden participar co seu voto nas eleccións dos diferentes representantes públicos. No século XIX e no primeiro terzo do XX só recoñecía a participación política dos homes; sendo a Constitución de 1931 a primeira que recoñece o voto feminino en España.
TAIFAS: Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Ándalus. Enfrontados entre sí, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer fronte común aos ataques cristiáns. O derradeiro foi a taifa de Granada, conquistada en 1492 polos Reis Católicos (poñendo fin á Reconquista).
TERCIOS: Unidade militar de infantería e marina do exército español creada por Carlos I e vixente durante os séculos XVI e XVII ata a reforma militar borbónica de Felipe V, formada por soldados profesionais e voluntarios que loitaban combinando armas brancas (picas) e de fogo (arcabuces e mosquetes). Distribuídos polos distintos reinos da Monarquía Hispánica, destacaron por número e fama os Tercios de Flandres.
TRATADO DE VALENÇAY: Acordo de paz asinado en decembro de 1813 entre os representantes de Napoleón Bonaparte e Fernando VII polo que se restablecía a dinastía dos Borbóns en España e sentábanse as bases para asinar a paz definitiva entre España e Francia tras a Guerra de Independencia (1808-1814).
UNIÓN DE ARMAS: Proxecto político elaborado en 1625 polo conde-duque de Olivares, valido de Felipe IV, no que propoñía o reparto da carga militar e fiscal entre todos os territorios da Monarquía Hispánica (ata entón recaía fundamentalmente sobre Castela), en base a criterios proporcionais segundo a poboación e a riqueza. O proxecto fracasou pola oposición das Cortes da Coroa de Aragón e pola rebelión de Cataluña e Portugal.
UNIÓN LIBERAL: Partido político xurdido no Bienio Progresista (1854-1856) e liderado por Leopoldo O’Donnell, con responsabilidades de Goberno en 1856 e entre 1858-1863. De ideoloxía liberal-conservadora e posición centrista fronte a moderados e progresistas, a partir de 1866 participou xunto con progresistas e demócratas na conspiración para derrocar a Isabel II.
UNIÓN PATRIÓTICA: Partido político creado en 1924 por Miguel Primo de Rivera, pretendía ser unha institución de apoio á ditadura e de mobilización de masas, oscilando entre un movemento de apoio e propaganda e o partido único do novo réxime.
VALIDO: Persoa da máxima confianza do rei a quen este lle outorgaba a dirección do goberno do reino. O cargo xeneralizouse no século XVII tanto en España como noutros reinos, cando os monarcas abandonaron o exercicio directo do goberno. Destacaron os duques de Lerma e Uceda con Felipe III e o conde-duque de Olivares con Felipe IV.
XUNTAS DO REINO DE GALICIA: Institución representativa das sete provincias galegas e, desde 1528, do Reino de Galicia, nas Cortes da Coroa española ata a reforma liberal de 1834. A formaban delegados dos concellos das capitais de provincia e, se ben non tiñan funcións de goberno, podían conceder cartos ao monarca, ordenar levas militares, distribuír cargas fiscais ou enviar peticións ao rei. Eran convocadas polo monarca e presididas polo Capitán Xeral de Galicia.