O Galego no Século XX: Historia, Características e Situación Sociolingüística
Classified in Training and Employment Advise
Written on in
English with a size of 7.52 KB
O Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Características Lingüísticas Fundamentais
TEMA 4: O Galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
Segue o labor dignificador coas Irmandades da Fala, Grupo Nós, Seminario de Estudos Galegos...
En 1916 créase en A Coruña a primeira das Irmandades da Fala. Con elas aparece o nacionalismo galego e a tendencia de utilización sistemática do noso idioma de forma exclusiva para todo tipo de escritos e tamén nos actos públicos. Ademais, temos un órgano de expresión totalmente en galego: o decenario A Nosa Terra.
Xorde en Ourense en 1920 a revista Nós, con Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, e coa colaboración de Castelao, Bouza Brey e Blanco Amor.
Na potenciación do uso da lingua na prosa científica e técnica ten unha importancia considerable o Seminario de Estudos Galegos (1923), creado por Carballo Calero, Figueira Valverde e Bouza Brey (mozos universitarios).
En decembro de 1931 créase en Pontevedra o Partido Galeguista, que pretendía conseguir a autodeterminación política para Galicia. Reflectiuse na elaboración do Estatuto de Autonomía, plebiscitado maioritariamente pola poboación galega o 26 de xuño de 1936. Os outros partidos, os da esquerda, mantiveron posturas contrarias en relación co galego.
O labor de recoñecemento legal do galego culminará coa inserción no Estatuto dun artigo no que se recoñecía a cooficialidade do galego e do castelán na administración e se admitía un ensino bilingüe nas escolas primarias.
Un dos principais logros desta etapa foi o grao de cultivo da lingua galega tanto na literatura como no ensaio e na prensa e, sobre todo, como lingua formal en conferencias, actos públicos e reunións. Nestas décadas desenvólvese especialmente a prosa narrativa. Tamén houbo un aumento da castelanización da sociedade, debido á escolarización en castelán, á emigración ás cidades e á influencia dos medios de comunicación.
A nivel lingüístico aparece unha liña de achegamento ao portugués. A tarefa principal é a purificación do idioma, eliminando os castelanismos. O seu galego apenas estará marcado dialectalmente e adoptaranse solucións tomadas da tradición literaria ou ben restauradas do portugués, o que daría lugar a arcaísmos e lusismos.
O diferencialismo en relación co castelán e a busca da pureza idiomática procurarán o hipergaleguismo e a pseudoevolución.
No galego desta época son frecuentes o prural en -aes, as terminacións -zón, -zo/-za, a solución -bre, a desaparición de -n- e -l- en voces patrimoniais, a vocalización dos grupos cultos e a invención de formas.
O Galego de 1936 a 1975: Características Lingüísticas Fundamentais
TEMA 5: O Galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
Despois do triunfo das tropas franquistas na Guerra Civil (1936-1939), a ditadura militar instaurada polos vencedores practica unha represión feroz e a lingua galega perde toda posibilidade de acceder ás instancias oficiais e ao uso público. O uso do galego é só familiar e coloquial. Neste proceso a ditadura conta con medios moi poderosos: a escola e a igrexa. A cultura galega só sobrevive no exilio americano.
No 1950 comezan a manifestarse síntomas de recuperación cultural que culminarán coa fundación da Editorial Galaxia. Galaxia quixo servir de enlace entre as xeracións anteriores á guerra e as novas promocións. Nesta editorial edítase e reedítase poesía, contos e relatos breves, promóvese a narrativa, o ensaio e a prosa científica nun intento de estender o galego a campos nos que aínda estaba pouco implantado.
Nas décadas dos sesenta e setenta crearonse os partidos políticos nacionalistas (UPG e PSG). Tamén se crearon asociacións culturais por toda Galicia orientadas ao cultivo e á difusión da lingua e da cultura galegas: en 1961 a Asociación Cultural O Galo (Santiago), en 1963 O Facho (A Coruña) e en 1965 a Asociación Cultural Auriense.
Cando se produciu o éxodo do campo para as cidades, a maioría dos novos cidadáns adaptouse ao esquema diglósico castelán-galego. Como estratexia de adaptación a esa realidade sociolingüística, moitos educaron os fillos en castelán, rompendo a transmisión da lingua ás novas xeracións.
A partir dos anos 50, debido ao labor de Galaxia, elimínase en parte a anarquía gráfica: suprímense apóstrofos e guións, non se representa a segunda forma do artigo despois do verbo, hai preferencia por plurais tipo culturaes, azues ou corazós, e os acentos redúcense ao agudo...
A Real Academia Galega publicou en 1970 unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, que sancionaban algunhas das solucións adoptadas nos textos de Galaxia (acentuación conforme ao castelán, eliminación do -l- intervocálico nos plurais das palabras terminadas en -l-, -ns no plural das palabras rematadas en -n...
O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI: Características Lingüísticas Fundamentais
TEMA 6: O Galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aprobán a Constitución actualmente en vigor. Establécese nela a cooficialidade do galego e do castelán en Galicia.
O recoñecemento oficial prodúcese no ano 1981, no Estatuto de Autonomía, que establece que «a lingua propia de Galicia é o galego» e que «ninguén pode ser discriminado por causa da lingua».
En 1983 entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.
O galego pasa a ser lingua oficial da administración autonómica (Xunta de Galicia, a súa delegación e o Parlamento). O seu ensino é obrigatorio nos niveis de ensino primario e medio. En setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
En setembro de 2005 o Consello de Europa recomenda que en Galicia o ensino sexa principalmente en galego. Na primavera de 2010 apróbase un novo decreto que reduce a presenza do galego no ensino ata un máximo do 50% e pretende introducir como lingua vehicular o inglés.
A lingua está case ausente no ámbito da administración do Estado e no xudicial. A Igrexa católica permite o seu emprego nas misas, pero a súa xerarquía, case toda foránea, prescinde practicamente dela.
Hoxe unha boa parte dos profesionais e da xente nova con mellor formación intelectual utiliza normalmente a lingua galega e ten actitudes favorables cara á súa normalización.
Pero a perda do número de falantes segue acelerándose. Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é. Nas pequenas e grandes vilas, así como nas cidades, cada vez é máis minoritaria.
De acordo coas directrices do ILG-RAG, publícanse a partir de 1982 gramáticas amplas e sistemáticas, manuais ortográficos e de dúbidas, correctores ortográficos, dicionarios e unha gran cantidade de vocabularios técnicos especializados sobre os máis diversos temas.
Tamén neste ano se publican as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, recoñecidas como oficiais pola Xunta de Galicia.