Cuestións de Bioloxía: Lípidos, Núcleo, Meiose e Metabolismo
Classified in Training and Employment Advise
Written on in
English with a size of 7.51 KB
Lípidos e as súas funcións biolóxicas
Explique brevemente o significado destes termos e indique as diferenzas entre eles: ácido graxo saturado–ácido graxo insaturado, fosfolípido-graxa. Como forman os fosfolípidos unha bicapa en presenza de auga? Explique, mediante exemplos, as funcións dos lípidos.
Os ácidos graxos saturados son aqueles que presentan enlaces sinxelos na cadea hidrocarbonada e os ácidos graxos insaturados son aqueles que presentan un ou máis enlaces dobres na cadea. Os fosfolípidos e as graxas son ésteres de ácidos graxos con glicerina, coa diferenza de que o fosfolípido leva ademais un fosfato na súa estrutura. (0.5p).
Os fosfolípidos son capaces de formar unha bicapa en presenza de auga debido ao seu carácter anfipático. Caracterízanse por posuír unha parte polar, hidrófila, e unha parte apolar, hidrófoba. En presenza de auga, dispóñense de xeito que a parte polar queda mergullada na auga mentres que as partes apolares enfróntanse entre elas (0.75p).
Funcións dos lípidos:
- Reserva: Almacenando enerxía en forma de graxas.
- Estrutural: Lípidos de membrana.
- Reguladora: Vitaminas e hormonas.
- Transportadora: Lipoproteínas.
- Dixestiva: Emulsión de graxas.
- Fotosintética: Pigmentos fotosintéticos.
- Protectora: Ceras impermeabilizantes.
O núcleo celular e as súas estruturas
En relación coa Figura 1, que representa o debuxo? En qué tipo de célula se atopa? Indique o nome e función das estruturas sinaladas do 1 ao 6. É o núcleo dunha célula eucariota en estado de interfase.
- Retículo endoplásmico rugoso: Relacionado coa síntese de proteínas.
- Poro nuclear: Estructura dinámica que delimita canais para o paso de sustancias entre o citoplasma e o nucleoplasma.
- Envoltura nuclear: Estructura que delimita ao núcleo e que desaparece no momento da división nuclear.
- Nucleolo: Estructura formada por ADN, ARN e proteínas. As funcións principais son a síntese de ARNr e a formación dos precursores ribosomais.
- Nucleoplasma: Solución acuosa na que se atopa o material nuclear.
- Cromatina: É o ADN asociado a proteínas formando unha estrutura empaquetada e compacta.
A meiose e a formación de gametos
A meiose é un proceso que ocorre na gametoxénese. En qué consiste a meiose e cal é a súa finalidade? Onde hai máis ADN, nun ovocito de 2º orden ou nun óvulo? En un espermatocito de 2º orden ou nun espermatozoide? Razoe as respostas.
A meiose é un mecanismo especial de división celular polo cal, a partir dunha célula nai diploide, se orixinan 4 células fillas haploides. Trátase dunha división reduccional na que as células fillas teñen a metade de cromosomas que a nai, e unicamente a van experimentar algunhas células diploides. Consta de dúas divisións celulares consecutivas divididas en fases, pero antes da 2ª división non hai duplicación do ADN, polo que ao final se forman 4 células fillas haploides. Ademais, durante a meiose prodúcese o intercambio de xenes entre o par de cromosomas homólogos, o que se coñece como recombinación xénica, co que se consegue incrementar a variabilidade xenética dos futuros gametos. A finalidade é lograr a formación de gametos que se fusionarán para dar lugar ao cigoto.
A cantidade de ADN é maior nun ovocito de 2º orde que no óvulo porque, aínda que ambas as células son haploides, a primeira presenta cromosomas con dúas cromátidas e a segunda, cromosomas cunha soa cromátida. O mesmo razoamento é válido para xustificar que a cantidade de ADN é maior no espermatocito de 2º orde que no espermatozoide.
Fermentación e lévedos
Explique brevemente o concepto de fermentación e tipos da mesma. Que é un lévedo? Cite dous procesos industriais nos que participe.
A fermentación é un proceso de degradación anaerobia da glicosa, cuxa finalidade é a obtención de enerxía en forma de ATP e a rexeneración do NAD+. Destacan dous tipos principais de fermentación:
- Fermentación láctica: A glicosa degrádase de forma anaerobia a ácido láctico.
- Fermentación alcohólica (etanólica): É a degradación anaerobia da glicosa a etanol.
Un lévedo é un fungo unicelular. Trátase dun organismo eucariota, con parede celular e sen clorofila. Como exemplos de procesos industriais nos que participa valería: a elaboración da cervexa, a elaboración do viño, do queixo ou do kéfir.
Aminoácidos e enlace peptídico
Explique brevemente a fórmula xeral dun aminoácido. Represente e explique a formación dun enlace peptídico. Como se denomina o composto obtido? Indique as diferenzas entre a estrutura secundaria en α-hélice e en lámina pregada das proteínas.
Un aminoácido é un ácido orgánico que ten no mesmo carbono un grupo amino (-NH2), un grupo carboxilo (-COOH), un hidróxeno (-H) e un 4º radical (-R) que é unha cadea lateral variable que dará lugar aos diferentes aminoácidos (ata 20).
Un enlace peptídico fórmase pola unión do -OH do grupo carboxilo dun aminoácido e un -H do grupo amino doutro aminoácido, liberándose unha molécula de auga. O composto obtido pola unión dos aminoácidos denomínase péptido.
Cando se xeran pontes de hidróxeno dentro da mesma cadea, entre o osíxeno do grupo carboxilo dun aminoácido e o hidróxeno do grupo amino doutro aminoácido, xérase unha disposición en α-hélice. Cando as pontes de hidróxeno se producen entre dous aminoácidos de cadeas distintas ou de segmentos alonxados da mesma cadea, os planos que conteñen os enlaces peptídicos contiguos dispóñense lixeiramente pregados entre si, formando a estrutura en lámina pregada.
O catabolismo celular e respiración
En relación ao catabolismo, responda ás seguintes preguntas: Que entende por glicolise? En que consiste a descarboxilación oxidativa do piruvato? Cal é a procedencia do acetil-CoA no ciclo de Krebs? Que coenzimas reducidas se forman no ciclo de Krebs? Cal é a finalidade da cadea respiratoria?
- Glicolise: É a secuencia de reaccións que teñen lugar no citosol e que conducen á degradación dunha molécula de glicosa en dúas moléculas de piruvato, xerándose ATP e NADH, sen requirir a presenza de osíxeno.
- Descarboxilación oxidativa do piruvato: Consiste na súa transformación a CO2 e acetil-CoA na mitocondria.
- Procedencia do acetil-CoA: A orixe do acetil-CoA que se dirixe ao ciclo de Krebs está na degradación de ácidos graxos, glicosa e algúns aminoácidos.
- Coenzimas reducidas no ciclo de Krebs: Fórmanse as coenzimas reducidas NADH (NADH2) e FADH2.
- Finalidade da cadea respiratoria: Obter enerxía en forma de ATP tendo o osíxeno como aceptor final de electróns.