Crises Baixomedievais e a Monarquía dos Reis Católicos
As Crises Baixomedievais (Séculos XIV e XV)
Os séculos XIV e XV son anos caracterizados por un retroceso demográfico e unha forte crise económica, social e política.
Causas da Crise Demográfica
A crise demográfica estivo causada por varias razóns:
- Malas colleitas: A sucesión dunha serie de malas colleitas, debido á abundancia de chuvias e períodos fríos que impiden a maduración dos froitos. Esta serie de anos de pobres resultados agrícolas xeraron fame e, con ela, unha debilitación do sistema inmunitario.
- A Peste Negra: Esta debilidade facilitou a expansión da Peste Negra. Chegada a mediados do século XIV, esta epidemia deixou despoboados moitos pobos e aldeas co conseguinte abandono de moitos campos por falta de man de obra.
- Conflitos bélicos: A mediados do século XIV, a sobremortalidade tamén tiña as súas raíces nos frecuentes conflitos bélicos entre os diferentes reinos e as intrigas pacegas dentro dos propios reinos, que se traducen en inestabilidade política e cambios de dinastías, así como no intento destas de ir dominando á nobreza e ao alto clero.
Impacto Social e Guerras Civís
Esta situación derivará nunha potente crise social que puxo a proba o sistema estamental. Isto explícase na necesidade da nobreza de reter aos campesiños nos seus señoríos e o descenso das rendas obtidas debido á crise global, que fixeron aínda máis duras as relacións feudais.
Pódese dicir que, como consecuencia desta conflitividade, vai ir agromando un novo mundo onde a creación de estruturas estatais será a nota dominante. Estamos ante un período de guerras civís en todos os reinos peninsulares, entre os que cabería destacar:
- A Guerra Civil de Castela (1366-1369): Enfrontamento entre Pedro I e Enrique II de Trastámara, que dá lugar á entronización da Casa dos Trastámara e significa un enfrontamento entre o rei e a nobreza, a cal aposta por Enrique II, moito máis magnánimo con este estamento.
- A Guerra de Sucesión de Castela (1475-1479): Enfronta a Isabel, irmá de Enrique IV, contra a filla deste, Juana alcumada a Beltranexa, acusada de bastarda.
Revoltas Sociais: O Caso Galego e Catalán
Destacan no período baixomedieval tamén as revoltas sociais dun feudalismo en crise:
- As Revoltas Irmandiñas en Galicia: Destaca a revolta dos irmandiños coa creación da Santa Irmandade en 1467 contra os abusos dos señores, que buscan resarcirse da crise económica e demográfica a costa dos campesiños. Aplastados en 1469, destruíron case a totalidade das fortalezas galegas, poñendo a nobreza en xaque.
- A Revolta dos Remensas en Cataluña: Conflito semellante onde os campesiños remensas logran a súa redención previo pago de indemnización aos señores.
A Nova Monarquía dos Reis Católicos
Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, ámbolos dous da dinastía dos Trastámara, acadaron o trono de Castela en 1474 trala vitoria na Guerra de Sucesión contra Juana a Beltranexa, apoiada polo rei de Portugal e filla do irmán de Isabel e anterior rei de Castela, Enrique IV. A renuncia efectiva dos seus dereitos sucesorios ratificaríase no Tratado de Alcáçovas en 1479.
A Unión Dinástica
Ese mesmo ano, Fernando herda o trono da Coroa de Aragón unificando os dous grandes reinos baixo o poder do matrimonio. Porén, os temores de Isabel de que Fernando pretendera ser declarado o único herdeiro lexítimo dos dous reinos por ser varón lévannos a pactar na chamada Concordia de Segovia (1475), pola que ámbolos dous conservarían o seu poder en cada territorio. Estamos ante o primeiro acordo de monarquía compartida de Europa.
Reorganización Político-Administrativa
Os Reis Católicos (RRCC) acometeron unha fonda reforma administrativa e política, e son considerados pola historiografía española como os monarcas que inician a transición do medievo á modernidade. Estas reformas estaban orientadas a fortalecer o poder dos monarcas fronte ao da nobreza, apoiándose nas cidades, marcando o nacemento da Monarquía autoritaria e extinguindo a de tipo feudal.
Entre as reformas e fitos máis importantes destacan:
- Os correxidores e concellos: A consolidación da figura do correxidor como representante do poder real e a formación dos concellos nas cidades, tendo que rexistrar os seus privilexios.
- O Consello Real: Foi reforzado coa figura do secretario real; era meramente consultivo e sen presenza da nobreza.
- O Mestrado das ordes militares: O papa Alexandre VI entregoulle o mestrado das ordes militares a Fernando, o que supuxo unha forte inxección de diñeiro e o aumento do seu poder territorial.
- Xustiza e control relixioso: Creouse un sistema xudicial centralizado chamado Chancelería e creouse o Tribunal da Santa Inquisición para velar pola unidade relixiosa acadada en 1492 trala conquista do Reino Nazarí de Granada (último reduto de al-Ándalus) e trala expulsión dos xudeus e musulmáns. Ese mesmo ano iníciase a cuestión dos cristiáns vellos e novos e dos conversos.
Nacemento da Monarquía Hispánica
En 1515, baixo o pretexto dun enfrontamento co monarca francés, as Cortes de Castela declararon a anexión do Reino de Navarra, formando un Estado que sería denominado posteriormente como Monarquía hispánica.
Cada unha das antigas coroas que o formaban conservaría as súas propias leis e institucións, denominadas privilexios forais, que serán abolidos case definitivamente cos Decretos de Nova Planta de Felipe V en 1716. Asistimos, polo tanto, á fundación, mediante a unión dinástica dos Reis Católicos, do primeiro estado moderno.