Castelanismos no Galego: Fónica, Ortografía e Morfosintaxe
Castelanismos no galego
Ademais dalgúns préstamos necesarios (tortilla, bocadillo, sainete...), penetraron no galego moitos outros superfluos, que substituíron formas propias ou restrinxiron os valores das propias. A influencia do castelán afecta a todos os planos da lingua.
Castelanismos fónicos
Aínda que tradicionalmente o plano fónico se viu pouco afectado, na actualidade a influencia do castelán cobra importancia, sobre todo no galego usado polos neofalantes procedentes de familias instaladas no castelán.
- No vocalismo, pode darse a perda da distinción entre vogais medio abertas e medio pechadas. Deste xeito, confúndense palabras distintas (vén / ven, présa / presa, bóla / bola).
- Pronunciar a consoante nasal velar /ŋ/ como alveolar /n/ (*una, *alguna, *unoso por uŋa, alguŋa, uŋoso). Tamén se pode dar o caso de pronunciar como velar todo n final de palabra ante palabra comezada por vogal, sen considerar que o n final é alveolar nalgúns contextos: ben, nin, non, quen, alguén, ninguén, sen, tamén e nas formas verbais seguidas dos pronomes o, a, os, as. Exemplos: non o sei, quen o pillara... /non o sei/, /ken o piλara/.
- Realizar como alveolar /s/ o son fricativo palatal xordo /∫/ (*toso, *sente por toxo, xente).
Castelanismos ortográficos e de acentuación
Consisten no uso da ortografía castelá (*boda, *abogado, *movil, *armonía por voda, avogado, móbil, harmonía) ou do acento castelán (*atmósfera, *parásito por atmosfera, parasito).
Castelanismos morfosintácticos
- A alteración do xénero gramatical nalgúns substantivos: *a sangue, *a nariz, *a leite, *o ponte...
- O artigo masculino en substantivos comezados por "á-": *o auga, *o arte, *o aula, *o alma...
- Ausencia da flexión de xénero dous / dúas: *vinte e dous páxinas...
- Confusións entre te e che: *xa te dixen, *vinche onte...
- O pronome persoal suxeito despois de ca, canda, onda: *onda eu, *máis ca eu...
- "Lleísmo": uso de lle(s) (CI) por o(s), a(s) (CD): *non lle avisei a tempo, *saúdalle atentamente...
- Masculino plural dos demostrativos: *estos, esos, aquelos...
- Plural do interrogativo e relativo: *quenes.
- Formas apocopadas do indefinido e numerais: *calquer, *primer, *tercer...
- Uso do indefinido alguén en construcións negativas: *non come cousa algunha...
- Uso de formas verbais compostas con haber: *había dito, *he feito...
- Formas verbais irregulares: *traduxo, anduven, valdrei, pondría...
- Uso como reflexivos dalgúns verbos: *cominme unha claudia, meréceso, gárdateo...
- Ausencia de artigo co posesivo: *non podía apartas seus ollos dela...
- Posicións incorrectas do pronome átono: *o sinto, *o chiste lle fixo graza...
- Emprego da preposición a con CD de persoa: *convocou aos parentes...
- Emprego da preposición a en perífrases de ir + infinitivo: *imos a ver, *vou a contar...