Visigodos, Al-Ándalus e Reconquista na Península Ibérica
Monarquía visigoda
Os pobos bárbaros presionaron a finais do século IV d.C. sobre as fronteiras do Imperio romano, conseguindo atravesar o limes e instalarse no seu territorio. Así, no ano 409, os suevos, vándalos e alanos penetraron en Hispania repartíndose as súas provincias. No noroeste da Península Ibérica asentáronse os suevos, que formarán o primeiro reino independente de Europa tras a desaparición do Imperio romano de Occidente (476) e permaneceron independentes ata a súa conquista polos visigodos (585).
Os visigodos penetraron en Hispania
A partir do 415 os visigodos penetraron en Hispania en varias ocasións para manter a orde e someter os bárbaros rebeldes, actuando como representantes da autoridade romana. Desaparecido o Imperio de Occidente quedaron como donos do sur das Galias e parte de Hispania. No século VI, tras ser derrotados polos francos (507), os visigodos entraron masivamente en Hispania asentándose na zona central e instalando a súa capital en Toledo. Aínda así, parte de Hispania mantívose independente ou autónoma (reino dos suevos, cántabros, vascóns, dominios do Imperio bizantino no sur) ata finais do século VI, cando as campañas militares dirixidas polos seus reis conseguiron dominar case a totalidade da Península Ibérica.
Entre os visigodos e os hispanorromanos foi producíndose unha paulatina fusión, na que contribuíu poderosamente a autorización de contraer matrimonios mixtos e a conversión dos visigodos (arrianos) ao catolicismo co rei Recaredo (589).
Organización política
Ao longo de toda a súa existencia, o reino dos visigodos caracterizouse pola inestabilidade política (guerras civís, conspiracións e rebelións nobiliarias, asasinatos dos reis), favorecida por:
- A elección dos reis (monarquía electiva). Segundo a tradición goda, a asemblea de homes libres, formada polos guerreiros (nobreza), era a que entregaba o poder por aclamación a un xefe. No reino visigodo de Toledo foi a Aula Regia, formada polos nobres, a que intervía na designación dos monarcas. Tras a conversión ao catolicismo tamén participaron os bispos, que defendían a idea de que o poder emanaba de Deus, quen o depositaba na persoa do rei, estando a súa actuación sometida ás leis da Igrexa e da relixión. Na defensa deste argumento destacou Isidoro de Hispalis.
- A debilidade do poder dos reis, porque non contaban con medios suficientes para gobernar e facer fronte ao excesivo poder dos nobres e dos bispos (que posuían tropas armadas e se facían respectar no seu territorio). O rei esixíalles fidelidade e axuda militar a cambio de beneficios e recompensas (prefeudalismo visigótico). Así mesmo, moitos homes libres encomendábanse ou vinculábanse cos nobres a cambio de protección.
Musulmáns na Península
En 711, tropas bérberes cruzaron o estreito de Xibraltar e desembarcaron na Península, chamadas por parte da nobreza goda, partidaria dos fillos do defunto rei Witiza, para combater o rei visigodo Rodrigo. O enfrontamento produciuse no río Guadalete e rematou coa vitoria dos musulmáns, que iniciaron unha rápida conquista e ocuparon gran parte do territorio peninsular. De acordo co tipo de reinos musulmáns existentes na Península ata 1492, diferéncianse as seguintes etapas políticas:
- Provincia dependente do califato de Damasco (711-750) e de Bagdad (750-756).
- Emirato de Córdoba (756-929): iniciado por Abd al-Rahmán I ao proclamarse emir (príncipe ou soberano) independente do califato de Bagdad.
- Califato de Córdoba (929-1031): iniciado por Abd al-Rahmán III ao proclamarse califa (xefe relixioso) dos musulmáns da Península. Foi a época de maior dominio territorial (sobre todo coas campañas de Almanzor) e a capital, Córdoba, converteuse no maior centro económico e cultural de Occidente (destacando entre as construcións a mesquita de Córdoba e o palacio de Medina al-Zahra).
- Reinos de taifas * e imperios almorábide e almohade (1031-1248): xurdidas da división do califato de Córdoba, as taifas foron pequenos reinos independentes incapaces de facer fronte aos ataques dos cristiáns e dos imperios norteafricanos, sendo dominados polos almorábides (1086-1145) e despois polos almohades (1146-1212).
- Reino nazarí de Granada (1248-1492): derradeira taifa que se mantivo ata 1492, sendo conquistada polos Reis Católicos, poñendo fin a al-Ándalus.
A realidade socioeconómica de al-Ándalus
Os conquistadores musulmáns non formaban un grupo homoxéneo e non ocuparon toda a Península coa mesma intensidade. Os árabes instaláronse nos vales ricos do sur e do leste, mentres que aos bérberes lles tocaron as terras máis pobres da Meseta e do norte. Unha parte da poboación autóctona aceptou a nova situación, abandonou o cristianismo e converteuse ao islam (muladís), e outra mantivo a súa fe cristiá e continuou vivindo nos seus lugares pero sometida aos musulmáns (mozárabes *). Entre as minorías destacaron os eslavóns (escravos liberados e convertidos ao islam) e os xudeus.
Reconquista e repoboación
Reconquista
Denomínase así ao período no que os cristiáns recuperaron o territorio conquistado polos musulmáns, comprendido entre os anos 722 (data probable do primeiro triunfo cristiá na batalla de Covadonga) e 1492 (conquista de Granada, a derradeira taifa musulmá). Ao longo destes oito séculos, nos que se enfrontaron musulmáns e cristiáns, diferéncianse distintas etapas:
- Os inicios (séculos VIII-IX-X). Formación dos primeiros reinos cristiáns no norte peninsular: na zona cantábrica, Asturias (máis tarde reinos de León e de Galicia) e nos Pirineos, onde os territorios ocupados polos francos (Marca Hispánica *) foron tomados pola nobreza local e formaron o reino de Pamplona e os condados de Aragón e Barcelona. Desde estes núcleos os cristiáns avanzaron lentamente cara ao val do Douro e do Ebro, estando sometidos a continuas razzias do califato de Córdoba.
- A expansión conquistadora, alternando con períodos de contención (séculos XI-XII-XIII). A división musulmá en taifas e a reorganización cristiá (creación do reino de Aragón en 1035 e do reino de Castela en 1037, que incorporou a León e Galicia) permitiron un rápido avance cara ao sur, destacando a toma da cidade de Toledo (1085). Este impulso foi freado pola chegada dos almorábides (1086). A expansión reactivouse coa conquista de Zaragoza (1118), pero interrompeuse coa chegada dos almohades (1146). A súa derrota en 1212 na batalla das Navas de Tolosa permitirá aos cristiáns conquistar o val do Guadalquivir pola Coroa de Castela (toma de Córdoba en 1236, Sevilla en 1248 e Cádiz en 1265), mentres que a Coroa de Aragón avanza sobre Valencia (1238) e Baleares (1229).
- Ralentí e fin da Reconquista (séculos XIV-XV). Unicamente resiste o reino taifa de Granada, que será conquistado en 1492.
Repoboación
Paralelamente ao proceso de reconquista desenvolveuse o da repoboación das terras tomadas aos musulmáns, que, debido á inestabilidade provocada polos enfrontamentos entre os dous exércitos, quedaran, en moitas zonas, case deshabitadas. Sobre estas terras aplicáronse os criterios xurídicos romanos e visigodos de considerar que se trataba de bens sen dono e que, polo tanto, pertencían aos reis cristiáns, quen podía dispor libremente deles para levar a cabo a súa repoboación.
Modelos de repoboación
Inicialmente, a modalidade predominante foi a presura * ou aprisio, pola que o rei autorizaba a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e cultivase. A partir do século X os monarcas potenciaron a repoboación e fundación de novas vilas e cidades mediante a concesión de cartas de poboamento * e cartas forais, nas que se recollían os privilexios dos novos habitantes.