As Vangardas na Poesía Galega: Autores e Tendencias

Employment training and career guidance3.58 KB

A Renovación da Lírica Galega

A mediados do século XX un grupo de escritores encargábase de renovar e superar a lírica do século XIX e principios do XX, dándolle un aire moderno e novo á poesía galega. Esta modernización consistiu na incorporación das vangardas europeas na poesía, coa intención de romper coa lírica anterior, fuxindo da imitación do real e buscando o triunfo da estética sobre o compromiso, renovando a linguaxe e os recursos estilísticos. A difusión desta nova poesía foi a través de manifestos (Máis alá de Manuel Antonio) e revistas especializadas publicadas ao longo de dúas décadas por toda Galicia (Yunque…).

O movemento vangardista galego non é tan rupturista como o europeo. Dentro deste movemento podemos distinguir en Galicia varias tendencias:

  • A vangarda plena: representada polo creacionismo de Manuel Antonio, o ultraísmo de Euxenio Montes e o surrealismo de Álvaro Cunqueiro.
  • A vangarda matizada: representada polo hilozoísmo de Amado Carballo e polo neotrobadorismo de Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro.

Autores e Obras Representativas

O Hilozoísmo

O hilozoísmo é un movemento galego, representado por Amado Carballo. Caracterízase pola presenza da natureza como elemento central, presentado a través da superposición de imaxes pero sen romper cos medios tradicionais nin co sentimento. Obras: Proel e O galo.

O Neotrobadorismo

O neotrobadorismo nace froito da popularización da lírica medieval galega que se produce a principios de século a través da publicación de diferentes estudos. Este coñecemento leva aos poetas como Bouza Brey a introducir nos seus poemas metros propios desta lírica, nos seus poemarios Nao senlleira e Seitura.

O outro destacado representante deste movemento é Álvaro Cunqueiro con Dona do corpo delgado e Cantiga nova que se chama Riveira. Tamén é autor dun poemario surrealista, Poemas do si e do non, no que adapta de xeito inocente este movemento pero sen chegar á escritura automática.

Manuel Antonio e o Creacionismo

O poeta vangardista por excelencia é Manuel Antonio. Recolle na poesía a esencia do vangardismo, representado no creacionismo pero dándolle a súa interpretación persoal.

A súa poesía caracterízase pola ruptura coa rima e cos metros tradicionais e a creación de imaxes atrevidas; ademais, introduce o léxico mariñeiro.

A súa produción poética confórmana Con anacos do meu interior, Foulas, Viladomar e De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo, o seu cume creativo, que consta de 19 poemas. Ofrece unha visión do mar e da travesía, do barco e do ceo, que deveñen en alegorías da realidade, da existencia, do ser e do coñecemento do mundo.

A Voz Intimista de Luís Pimentel

Destaca Luís Pimentel coma un dos poetas individuais máis sobranceiros do vangardismo. A través dos seus versos recrea un mundo íntimo e interior no que a morte e a dor son tratadas con delicadeza e sensibilidade. A súa poesía aparece recollida nos libros Sombra do aire na herba e Triscos.

Download

PDF Word HTML