Vangardas na Literatura Galega: Renovación dos Anos 20-30
As vangardas na literatura e arte galegas
A literatura e a arte galegas experimentaron sobre 1920-30 un proceso de renovación debido en gran parte ás denominadas vangardas. Con este termo da linguaxe militar desígnanse unha serie de movementos estéticos nacidos na Europa do primeiro terzo do século XX que supuxeron unha ruptura radical coa maneira de concibir a arte existente até entón. Cada un destes movementos constituía un ismo, é dicir, unha corrente cos seus propios postulados que difundían a través de manifestos, textos que sistematizaban os principios de cada ismo, caracterizados por un enorme dogmatismo e un claro afán escandalizador e provocador.
Debate crítico sobre a súa repercusión en Galicia
En Galicia a crítica non ten un criterio unánime sobre a repercusión dos movementos de vangarda no noso panorama literario. Un sector considera que non se pode falar dunha literatura estritamente vangardista, senón máis ben de ecos e influencias dispersas dos diferentes ismos europeos na mesma. Outros, porén, sinalan a presenza na nosa literatura deste período de figuras como Manuel Antonio ou Cunqueiro, que rompen coa tradición poética galega e seguen conscientemente o ronsel vangardista. Engaden no seu argumentario a publicación do manifesto "Máis Alá!" (1922), a existencia de diversas revistas galegas que acollen producións de tendencia vangardista e a aparición de textos xornalísticos en que se postulan as novas correntes estéticas.
A difusión das vangardas en Galicia
A difusión das vangardas en Galicia foi lenta, escasa e moi conflitiva. O propio carácter periférico e non normalizado da cultura e da literatura influíu neste feito. Porén, foi abundante o soporte para a súa difusión, non só centrado nos xornais e outras publicacións periódicas, senón nas revistas de nova creación. Así destacaron na década dos 20 Alfar, Ronsel, Cristal, Yunque, Galicia e Papel de color.
O manifesto "Máis Alá!" (1922)
Como xa dixemos, no noso panorama cultural haberá presenza de manifestos vangardistas, en concreto "Máis Alá", asinado polo poeta Manuel Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro en xuño de 1922. Trátase dun breve folleto de oito páxinas que se estrutura en catro partes. As dúas primeiras dedícanse á crítica do pasado e do presente da cultura galega. A terceira céntrase na afirmación dos conceptos estéticos novos que se postulan: independencia de todo movemento ou etiqueta, procura da orixinalidade desde o máis radical individualismo, defensa da ruptura total coa tradición e aposta pola absoluta renovación de temas e formas.
A cuarta parte constitúe un chamamento ás novas xeracións intelectuais a romper co pasado e procurar o seu propio camiño. Á par deste chamamento estético, o manifesto ten tamén unha compoñente política e ideolóxica: por unha banda, constitúe un ataque ao sector galeguista que non secundou a fundación da Irmandade Nazonalista Galega de Risco e, por outra, constitúe un berro de afirmación da literatura galega como sistema independente e un feroz ataque aos autores que escribían en castelán e imitaban a Valle Inclán.
Os Novecentistas ou Xeración do 25
Os protagonistas deste proceso de renovación artística e literaria son os autores chamados Novecentistas ou Xeración do 25. Son autores nados entre 1895 e 1911, inicialmente fillos espirituais dos homes de Nós que, a partir de 1926, comezan a cuestionar as ideas políticas e estéticas da xeración precedente. Son un exemplo de xeración malograda, ao morreren prematuramente, abandonaren as súas carreiras literarias ou mudaren de xénero ou de idioma de creación literaria. Deixando á parte a figura de Manuel Antonio, que analizaremos con máis profundidade, as figuras literarias máis destacadas desta xeración serán: R. Dieste, Luís Amado Carballo, Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro.
R. Dieste (Rianxo, 1899 – Santiago, 1981)
Foi o grande mestre da mocidade renovadora galega, á que deu orientación nas súas colaboracións cos diarios Galicia e El Pueblo Gallego. Despois de múltiples polémicas