A Vangarda Galega: De Cunqueiro a Manuel Antonio
A Vangarda Matizada e a Vangarda Plena en Galicia
Polo tanto, nos movementos vangardistas galegos debemos distinguir entre unha vangarda matizada e unha vangarda plena:
Os movementos da vangarda matizada son movementos especificamente galegos, que non son propiamente vangardistas, senón renovadores da tradición. Inserimos aquí o neotrobadorismo e o hilozoísmo.
O Neotrobadorismo
O neotrobadorismo é unha recreación temática e formal das vellas cantigas medievais, especialmente das de amigo. A publicación dos cancións medievais en Portugal impresionou os escritores galegos, que descubriron un antecedente de esplendor nas nosas letras e decidirono recrealo.
A súa poesía caracterízase por:
- Unha extraordinaria perfección formal, clasicista e recuperadora dos procedementos estilísticos propios da lírica dos Cancioneiros (paralelismo, refrán, leixaprén...).
- Suxeición á estrofa, ao cómputo silábico e á rima.
Dentro desta corrente salientan dous poemarios de 1933:
- Nao senlleira, de Fermín Bouza Brey, fiel ao modelo medieval.
- Cantiga nova que se chama riveira, de Álvaro Cunqueiro, quen engade imaxes modernas ao vello modelo.
O Hilozoísmo ou Imaxinismo
O imaxinismo ou hilozoísmo consiste nunha posta ao día da poesía paisaxística e renova o tema tradicional da paisaxe inserindo unha paisaxe humanizada (onde os elementos da natureza como os animais, ríos, camiños ou árbores aparecen personificados).
As súas características principais son:
- Métrica popular e sinxela.
- Introdución de imaxes moi novidosas, tanto plásticas e visuais como auditivas.
- Predominancia da cor, viva e rechamante.
O máximo representante desta tendencia é Amado Carballo, con dous poemarios de finais dos anos vinte: Proel e O galo.
A Vangarda Plena na Literatura Galega
En canto aos movementos propiamente vangardistas, inseridos no que denominamos vangarda plena, debemos salientar a Álvaro Cunqueiro, quen escribe a principios dos anos trinta dúas obras con achegas claramente rupturistas:
- Poemas do si e non: atopamos composicións cunha clara influencia surrelista.
- Mar ao norde: Cunqueiro segue o creacionismo de Manuel Antonio, presentándonos noutros breves poemas un mar abstracto, puro e luminoso, no que importa máis o xogo verbal ca o contido.
Manuel Antonio e o Cumio Vangardista
Non obstante, o cumio vangardista da xeración acádao o rianxeiro Manuel Antonio coa obra creacionista De catro a catro (1928). Formalmente, De catro a catro é un poemario totalmente vangardista, escrito coas seguintes técnicas creacionistas:
- O esencial son as imaxes: o poema é unha sucesión de imaxes vangardistas, irreais e arbitrarias coas que crea un mundo poético independente da realidade.
- Versolibrismo: abandono total da métrica tradicional.
- Estratos autónomos: máis que estrofas, atopamos bloques que non seguen unha secuencia temporal nin narrativa.
- Tipografía novidosa: disposición irregular dos versos, uso enfático de maiúsculas, ausencia de signos ortográficos, etc.
- Léxico mariño: cheo de termos marítimos, estranxeirismos e tecnicismos.
O fondo existencial en Manuel Antonio
Porén, no tocante ao contido, Manuel Antonio non segue o principio vangardista da deshumanización da arte. Malia que a obra semella superficialmente unha viaxe mariña intrascendente, trátase dunha poesía existencial na que o mundo mariño que nos presenta —cun mar sen cor e nocturno— reflicte simbolicamente os temas da angustia vital do eu poético, do paso do tempo e da soidade irremediables.
Manuel Antonio escribiu outros catro libros que non foron publicados ata os anos setenta (Pousas, Follas sin ollares, etc.). O espírito rupturista e irreverente deste autor aparece claramente plasmado no manifesto Máis aló!