Termos esenciais da historia contemporánea de España
Século XVIII: O Antigo Réxime e os Borbóns
Antigo Réxime
Antigo Réxime: período que se iniciou en Europa no século XVI e que acadou a súa plenitude no século XVIII. Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola Revolución Francesa.
Paz de Utrecht
Paz de Utrecht: tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión española e que foi complementado co de Rastatt de 1714. Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos tratados recoñecíase a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais con América) e cesións territoriais a Austria (Flandres e Nápoles).
Decretos de Nova Planta
Decretos de Nova Planta: conxunto de decretos promulgados por Felipe V entre 1707 e 1716 que impoñían, nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña), a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra de Sucesión e por tomar partido por Carlos de Austria. Permitiron a implantación dun modelo de estado centralista e uniforme en España, agás nas provincias vascas e Navarra.
Regalismo borbónico
Regalismo borbónico: política de control e limitación do poder da Igrexa católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o padroado rexio ou dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes (recoñecido polo Concordato de 1753) e o placet ou dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa Sede.
Despotismo Ilustrado
Despotismo Ilustrado: sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento do poder absoluto do rei para que, axudado das luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar a riqueza do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi «todo para o pobo, pero sen o pobo» e o mellor representante en España foi Carlos III.
Motín de Esquilache
Motín de Esquilache: revolta popular acontecida en 1766 en Madrid provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está no descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos.
A crise do Antigo Réxime e a Guerra da Independencia
Abdicación de Baiona
Abdicación de Baiona: renuncias sucesivas, acontecidas na cidade francesa de Baiona en 1808, de Carlos IV e seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte, quen pouco despois cedeu eses dereitos ao seu irmán, que reinou co nome de Xosé I Bonaparte.
Afrancesados
Afrancesados: reducido grupo de españois que apoiou a Xosé I Bonaparte nas tarefas de goberno. Consideraban que o reformismo autoritario francés era o único medio para lograr a renovación e o cambio en España. Ao finalizar a Guerra de Independencia foron perseguidos e moitos exiliáronse a Francia.
Manifesto dos Persas
Manifesto dos Persas: documento que presentaron en 1814 deputados absolutistas a Fernando VII tras o seu retorno do exilio en Francia, solicitándolle a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime. O monarca atendeu as peticións restablecendo o absolutismo.
O Estado liberal e a Restauración monárquica
Pragmática Sanción de 1830
Pragmática Sanción de 1830: disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como Lei Sálica, aprobada por Felipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do irmán do rei, o infante Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu a filla de Fernando VII, a futura Isabel II, en herdeira.
Estatuto Real
Estatuto Real: nome que recibe o Decreto de 1834 polo que a raíña rexente María Cristina de Borbón convocaba as Cortes do reino de España. Polo seu contido, considérase como unha «carta outorgada» xa que a Coroa renunciaba a manter en exclusiva o poder admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das clases posuidoras, pero conservaba en exclusiva a soberanía e non recollía a separación de poderes nin dereitos dos cidadáns.
Unión Liberal
Unión Liberal: partido político fundado en 1858 polo xeneral O'Donnell que agrupaba á esquerda moderada, á dereita progresista e a numerosos militares. Partidarios da monarquía constitucional de Isabel II, gobernaron de 1858 a 1863 e de 1865 a 1866, destacando as campañas de prestixio militar que desenvolveron no exterior.
Cantonalismo
Cantonalismo: modelo de organización territorial que defende a creación dun Estado composto por unidades políticas territoriais soberanas —os cantóns— que mediante acordos libres («de abaixo arriba») se unen formando a federación española. En 1873, durante a Primeira República, os seus partidarios protagonizaron insurreccións cantonalistas, destacando a de Cartaxena, que foron sufocadas polo exército.
Manifesto de Sandhurst
Manifesto de Sandhurst: documento elaborado por Cánovas del Castillo e asinado, en decembro de 1874, por Alfonso de Borbón, fillo e herdeiro de Isabel II, na academia militar inglesa de Sandhurst, onde estudaba. Neste manifesto indicaba a necesidade de restaurar a monarquía borbónica en España, presentándose como un rei respectuoso co sistema liberal constitucional e defensor da orde social e a relixión católica.