O Teatro Galego e a Súa Normalización
O teatro galego no primeiro terzo do século XX
Dos tres xéneros, vai ser o teatro o que inicie máis lentamente o seu proceso de normalización, a causa do desfase existente entre a publicación de obras e a súa representación, a falta de público e de programación.
O Teatro Rexionalista
As primeiras manifestacións teatrais deste período conforman o que coñecemos como Teatro Rexionalista, continuidade da escasa produción anterior e exaltación do drama rural e histórico. Feito significativo deste período vai ser a fundación da Escola Rexional de Declamación, á que estaban vinculados Lugrís Freire, que publica A ponte, e San Luís Romero, con O Fidalgo.
As Irmandades da Fala e o teatro nacional e popular
Pero van ser as Irmandades da Fala as que leven adiante un verdadeiro proxecto de teatro nacional e popular en Galicia, coa axuda dos integrantes do Grupo Nós e dos autores vanguardistas. A iniciativa sobranceira neste proxecto vai ser a creación do Conservatorio de Arte Nacional Galega. Os homes das Irmandades propoñían a creación de obras en ambientes de clase alta e media, fuxindo do ruralismo, e un teatro de calidade achegándose á liña europea e hispanoamericana.
Cabanillas publica A man Santiña, unha comedia baseada nun enredo amoroso que termina cun final feliz, pero máis adiante redactaría O Marical, drama histórico que representa a traizón que sufriu o mariscal Pedro Pardo de Cela e o seu axustizamento por orde dos Reis Católicos. Xunto con Cabanillas, destacou Villas Ponte, quen compuxo Os evanxeos da risa absoluta, obra na liña irlandesa e no esperpento valleinclaniano.
O Grupo Nós
Os membros do Grupo Nós, aínda que tiveron unha escasa produción, destacan pola súa labor de renovación do teatro galego. Vicente Risco publicou O bufón del rei, drama simbolista que se desenvolve na época medieval británica, no que reflexiona sobre a maldade e o inevitable do destino. Ramón Otero Pedrayo escribiu A lagarada, drama de gran complexidade escénica no que trata os amores dun labrego coa súa criada, pero é Castelao o autor da obra máis importante deste período, Os vellos non deben namorarse, na que relata a vida dun vello que sae malparado polas súas veleidades amorosas cunha moza.
A Xeración do 22
Os autores máis novos pertencentes á Xeración do 22 escribirán na liña vangardista, coas pretensións dunha renovación do teatro, aínda que menos rupturista ca europea. O escritor máis destacado deste grupo é Rafael Dieste, autor de A fiestra baldeira, comedia simbolista con final feliz que xira arredor da dialéctica entre a renuncia ou non ás orixes humildes, e na que se aprecia o rexistro lingüístico do seu Rianxo natal.