Teatro Galego: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós

Greek5.79 KB

O Teatro 1º Terzo XX: Irmandades, Vangardas, Grupo Nós

O teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega, por dúas razóns fundamentais:

  • A exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (e o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués).
  • As sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.

A fonte do xuramento (1882) marca o inicio do teatro moderno; de temática case exclusivamente rural, de extensión breve, dominado polo costumismo, con diálogos chocarreiros e personaxes tópicos.

O teatro e as Irmandades da Fala

Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política e reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e do caciquismo), señorial (de pazo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nacional de Arte Galega, que fará máis de cen representacións por ano, e outras Irmandades organizan tamén as súas "agrupacións artísticas". Pero aínda así, o teatro non tivo verdadeira tradición na nosa literatura, polas razóns xa expostas e porque axiña tivo que competir co cine.

Os autores máis interesantes son:

  • Cabanillas: A man de Santiña (1921), no debut do Conservatorio, é unha comedia en prosa na que por primeira vez as clases señoriais falan en galego. En 1926 publicou O Mariscal, escrito por iniciativa de Vilar Ponte, drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
  • Armando Cotarelo Valledor: dominador da técnica teatral, foi autor dunha variada obra destacando a traxedia histórica sobre a execución de Prisciliano, Hostia (1926). Toda a súa obra ten unha grande preocupación pola psicoloxía das personaxes e unha complexa construción teatral, decote cunha grande poetización e riqueza léxica.
  • X. Quintanilla: autor de Alén (1921), escrita para demostrar a universalidade da lingua galega, xa que en galego se poden tratar temas non galegos: o escenario físico é Nova York, o ambiente é unha sesión de espiritismo, aínda que a acción decorre no interior das personaxes.

A Xeración Nós

A Xeración Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica, pero si lle deu un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, facéndoo participar tamén das correntes europeas. Con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas, superando o realismo do anterior: a partir de agora non só van falar galego labregos e caciques, senón tamén fidalgos e princesas, bocois e sapos, pipotes e penedos, os santos do Pórtico da Gloria, os fantasmas... etc.

  1. Vicente Risco escribiu unha única peza teatral, O bufón de El Rei, drama simbolista que relaciona deformidade física e moral.
  2. Ramón Otero Pedrayo escribiu unha extensa obra teatral, na que podemos destacar A lagarada (1928) e Teatro de Máscaras. As súas obras teatrais son máis apropiadas para a lectura que para a representación escénica. A lagarada (1928) é unha traxedia rural de fondo dionisíaco, na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares, campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes. Teatro de máscaras (escrito en 1934 e publicado en 1975) son 16 pezas a xeito de guións ou bosquexos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna e allea ao teatro-texto tradicional, pois son obras que só alcanzan a súa plenitude e naturalidade a través da montaxe e da representación escénica.
  3. Castelao estreou en 1941 (exilio, Bos Aires) Os vellos non deben de namorarse, comezada moitos anos antes. Non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentirse do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.

As Vangardas

Rafael Dieste é o autor teatral da Xeración dos Novecentistas ou Vangardistas. A fiestra baldeira (1927) é unha comedia simbólica sobre a identidade (individual e colectiva). Un mariñeiro volve rico da emigración e encarga un retrato diante dunha ventá. O pintor quere situar como fondo da fiestra unha paisaxe mariñeira, símbolo do pasado humilde do retratado. A muller e a filla opóñense. Entón aparece a "fiestra baldeira" como símbolo da anulación da identidade individual e colectiva. Ao final o conflito resólvese coa aceptación da realidade e do pasado humilde.

En maio de 1936 Filgueira Valverde, o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, publica Agromar (co pseudónimo de J. Acuña).

Download

PDF Word HTML