Teatro Galego Contemporáneo: Fases, Tendencias e Autores
TEMA 12.
A morte do ditador Franco provocou unha mudanza radical no terreo literario, reorientando e diversificando a oferta. No teatro prodúcese unha revitalización literaria, mais este é "a irmá pobre" da literatura.
Tres fases no teatro actual
a) Formación de compañías profesionais (1978-1983). Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia emprenden a aventura de facer do teatro a súa profesión. Destaca Sarabela Teatro, en Ourense, compañía exitosa que segue en primeira liña na actualidade. Pásase de obras de política explícita ou alegórica a outras máis diversificadas e máis complexas.
b) Institucionalización (1984-1991). O primeiro fito é a creación do Centro Dramático Galego (1984), primeira compañía pública dependente da Consellería de Cultura, con premios de institucións públicas. Xorden novas compañías profesionais (Teatro do Morcego, Cangas, 1989).
c) Desenvolvemento (ata a actualidade). Multiplícanse as compañías profesionais e aparecen outras de teatro alternativo ou experimental. A posta en funcionamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996) permite unha oferta máis estable e descentralizada, e arranca en Vigo a Escola Superior de Arte Dramática, primeiro centro oficial para o ensino e a aprendizaxe teatrais.
Ao longo destes 30 anos van aumentando tamén as publicacións e coleccións de teatro, como os Cadernos da Escola Dramática Galega ou os Libros do Centro Dramático Galego publicados por Ed. Xerais. Pero tamén neste campo o teatro é a "Cenicienta" da literatura.
Características comúns
Diversificado, é difícil atopar unhas características comúns, pero pódense sinalar catro liñas que con frecuencia se entrecruzan: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta.
- O teatro crítico, comprometido coa realidade, non vai ser tan directo e botará man do humor e a sátira.
- A corrente lúdica maniféstase nas comedias de enredo, musicais, etc.
- A tendencia culturalista, caracterizada polo xogo do "teatro dentro do teatro" e a interrelación vida/escena; a intertextualidade con outros textos da dramaturxia universal, xa cultivada, e a adaptación de novelas contemporáneas.
- Outra liña de importancia é o carácter experimental.
Principais autores
Cabe destacar os autores que participaron nas Mostras de Ribadavia, como Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño, auténticos "pais" do teatro actual.
Manuel Guede Oliva (1956)
Tradutor e adaptador de autores clásicos, foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros. Recibiu o premio Álvaro Cunqueiro no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
João Guisán Seixas (1957)
Características de toda a súa produción son a ironía e a personificación de elementos da escenografía.
Xesús Pisón (1954)
Cunha obra moi extensa caracterizada pola agilidade da lingua e o logrado ritmo escénico, a súa temática é moi variada: desde a crítica social evolucionou a un teatro pesimista e cheo de amargura sobre as dificultades das relacións humanas. Ten tamén teatro infantil de carácter fantástico, moi afastado desa visión pesimista.
Quico Cadaval (1960)
Actor, contacontos, director e autor teatral.
Cándido Pazó (1960)
Tamén actor, guionista, contacontos, director e autor teatral, é un dos máis orixinais, prolíficos e premiados da actualidade. Os seus textos potencian os monólogos ou diálogos que poñen en evidencia as ambicións, carencias e contradicións dos seres humanos. Fixo unha adaptación, Nano, da novela Tic-tac de Suso de Toro.