Situación actual da industria en España e Galicia: retos e tendencias

Employment training and career guidance5.66 KB

Situación actual da industria en España e Galicia

Desafíos: problemas estruturais e consecuencias da incorporación á UE

Tendencias da industria en España: globalización e deslocalización

O desenvolvemento en España da actividade industrial non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial do 74 evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, e o ingreso de España na UE supuxo o fin do proteccionismo, polo que o mercado abriuse á competencia exterior e provocou o peche de moitas empresas nacionais non competitivas.

Situación actual

A industria española tras a súa entrada na UE viviu un proceso de modernización produtiva, aínda que tivo que superar un período de crise a partir dos anos 90. A mediados dos noventa a industria española converteuse no sector de actividade máis produtivo e a súa economía crecía por riba da media europea. A industria tivo un bo ritmo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral do emprego. En 2007 xorde a crise financeira en Estados Unidos, que afecta á economía mundial; en España reflíctese cunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.

Os desafíos da industria

A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e global:

  • Existe un escaso número de grandes empresas, xa que dominan as pymes; estas teñen a vantaxe de adaptarse mellor ás demandas do mercado.
  • A produtividade industrial é inferior á da UE, feito que incrementa o custo laboral.
  • O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente. Isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son unha boa fonte de ingresos para os países que as crean, pero un enorme gasto para países como España, que deben pagar pola súa aplicación.

Consecuencias da incorporación á UE

A incorporación de novos países á UE afecta á industria española por diversas causas: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, ademais a súa estrutura produtiva é similar á española, a man de obra é máis barata e a súa produtividade é maior. Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.

Globalización e deslocalización

Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; de aquí derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais e das mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón trasládanse ao leste de Europa e aos países asiáticos. Por outro lado, a localización dos establecementos industriais flexibilizouse de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. As consecuencias das deslocalizacións son o aumento da taxa de paro e a perda de emprego do sector secundario, que cada vez tende máis a terciarizarse.

O proceso de industrialización en Galicia

En 1955, cando outras comunidades comezaban o seu despegue industrial, preto do 70% da poboación galega aínda se dedicaba ás actividades agrícolas. Así, o proceso industrializador en Galicia estivo marcado por un evidente atraso, debido non só á falta de iniciativas locais, senón tamén á deficiente organización do sector primario. Ata as décadas centrais do século XX, as únicas actividades fabrís eran o sector naval e as conservas, levadas a cabo pola burguesía catalana en certos núcleos costeiros. A instalación de Citroën en Vigo, grazas a un certo aperturismo económico a partir da década dos anos 50, supuxo o inicio do proceso de internacionalización e diversificación da economía galega. Desde 1960, paralelamente á modernización do sector agrario, chegaron a Galicia varias multinacionais alimentarias que favoreceron o desenvolvemento das actividades primarias ao garantir e estabilizar a demanda industrial dos nosos produtos agrícolas.

Estrutura e principais áreas industriais galegas

Na actualidade, o sector secundario ocupa en torno ao 29% da poboación activa galega, o que indica un importante desenvolvemento do sector nas últimas décadas. As empresas industriais galegas caracterízanse polo seu pequeno tamaño, o que as fai pouco competitivas, ao teren dificultades para incorporar innovacións tecnolóxicas. Os principais subsectores industriais localízanse na área metropolitana de Vigo e no golfo ártabro.

  • Construción naval: localízase fundamentalmente en Ferrol e Vigo.
  • Industria automobilística: concéntrase fundamentalmente en Vigo.
  • Sector alimenticio: destacan as industrias de conservas de peixe, situadas nas rías baixas; os conxelados de produtos do mar, como Pescanova; o sector lácteo en Pontevedra e Ourense; e o grupo Coren, que se converteu na primeira empresa agroalimentaria de España.
  • Industria téxtil: adquiriu un enorme desenvolvemento desde os anos 80. Os principais núcleos de implantación do sector son o eixe Arteixo-A Coruña e Vigo-Redondela.

Download

PDF Word HTML