A Segunda República Española: Proclamación, Reformas e Tensións (1931-1936)
A proclamación da Segunda República
O goberno do almirante Aznar convocou eleccións municipais para o 12 de abril de 1931, coa esperanza de obter un bo resultado que o apoiase no poder. O día 14 coñecéronse os resultados: as candidaturas republicanas obtiveron a vitoria nas grandes cidades. Nalgunhas localidades, como Eibar, comezaron a proclamar a república. En Madrid, a xente e os asinantes do Pacto de San Sebastián estaban expectantes ante os acontecementos. O goberno de Aznar presentou a dimisión e os asinantes do pacto formaron un goberno provisional. Proclamouse a Segunda República o día 14 de abril e o rei Alfonso XIII abandonou España.
A evolución da República vai estar condicionada por varios elementos de tensión e inestabilidade, entre os que podemos citar:
- A conxuntura económica adversa, coa gran depresión e o auxe dos fascismos.
- Unha sociedade moi enfrontada e dividida, que adopta posicións intransixentes.
- As numerosas folgas e conflitos sociais.
- O forte anticlericalismo.
- A forte fragmentación política.
O goberno provisional e as eleccións constituíntes
O goberno provisional estaba dirixido por Alcalá Zamora e formado por partidos republicanos e socialistas. Nel entraron os líderes do Pacto de San Sebastián: Alcalá Zamora, Azaña, Largo Caballero, etc. As súas accións tiveron dúas direccións: a convocatoria de Cortes constituíntes e o inicio de reformas para solucionar os problemas principais.
O goberno provisional convocou eleccións a Cortes constituíntes para o 28 de xuño de 1931, modificando a lei electoral: rebaixou a idade para votar aos 23 anos, permitiu presentarse ás mulleres (que seguían sen votar), estableceu a provincia como circunscrición electoral e implantou un sistema de listas abertas.
Os resultados deron a vitoria aos partidos do goberno, e os partidos de dereitas non chegaron a 160 deputados. Con eses resultados non se produciu ningunha variación no goberno provisional, senón que saíu reforzado. Pero tratábase dun parlamento moi fragmentado e non todos apoiaban á República. Rapidamente formouse unha comisión constitucional, á vez que o goberno iniciaba as principais reformas.
A Constitución de 1931
Na comisión constitucional, presidida por Jiménez de Asúa, os debates foron moi intensos, sobre todo os referentes á propiedade, ao dereito de expropiación, á Igrexa e ao voto. Estes debates provocaron a saída do goberno de Alcalá Zamora e a chegada á presidencia do goberno de Manuel Azaña, en outubro de 1931. A Constitución foi aprobada o 9 de decembro de 1931.
Nela o Estado defínese como unha “República de traballadores de toda clase”. Esta definición ten influencia das constitucións de esquerdas (sobre todo da URSS), para afastarse das repúblicas burguesas. Emprega o termo “integral”, en referencia a un Estado enteiro e unitario, que non se fragmenta pero recoñece o dereito á autonomía. Non se emprega o termo soberanía nacional para non chocar, nese momento, coa reivindicación nacional de Cataluña, pero é claro que os poderes emanan do pobo e que se trata dunha soberanía popular.
En canto aos dereitos, a Constitución é moi ampla. Recoñece dereitos individuais (reunión, “asociación”, expresión...), políticos e relativos á familia, á economía e á educación, como se ve no artigo 48, que recolle o dereito a unha educación “gratuíta”, “obrigatoria” e “laica”. Como novidade destacable, recoñece o sufraxio universal masculino e feminino, o matrimonio civil e o divorcio.
A Constitución ten unha forte influencia socialista e recolle o dereito a “expropiacións” (art. 44), nacionalizacións e socialización de certos sectores da produción e dos servizos, mediante “indemnización” por causa de interese público, para poder facer reformas como a agraria.
No referente á división de poderes, establece unha rixida separación. O poder lexislativo reside nunha única Cámara e ten control sobre o Goberno e o Presidente da República. O poder executivo está dividido entre o Presidente da República (6 anos de mandato) e o Consello de Ministros. Finalmente, o poder xudicial está en mans de xuíces.
En relación ao tema relixioso, preténdese a separación Igrexa-Estado. Por iso, España non ten relixión oficial (art. 3).
O Bienio reformista (1931-1933)
Aprobada a Constitución, fórmase un novo goberno dirixido por Manuel Azaña, con apoio dos socialistas. Saen do goberno os radicais de Lerroux. Esta etapa é denominada Bienio reformista e chegará ata setembro de 1933. Recibe este nome polas reformas que vai acometer. As principais afectaron ao Exército, á Relixión, á Terra, ao Ensino e ao Territorio. Todas provocaron un gran descontento en diferentes sectores da poboación.
Reforma do Exército
En canto ao Exército, había que diminuír o poder político dos militares, conseguir un exército fiel á República e reducir o número de corpos e de oficialidade, aumentando a súa eficacia. Entre as medidas adoptadas destaca a Lei do Retiro, que pretendía suprimir os oficiais antirrepublicanos e conseguir un exército fiel á República. Tamén se suprimiu a Lei de Xurisdicións e pechouse a Academia Xeral de Zaragoza.
Reforma relixiosa e educativa
A nivel relixioso, a idea era crear un Estado laico. Isto quedou plasmado na Constitución e complementouse coa Lei de Congregacións Relixiosas de maio de 1933, que levou á disolución da Compañía de Xesús.
Desde o punto de vista educativo e cultural, pretendíase eliminar as altas taxas de analfabetismo, mellorar o nivel cultural da poboación e modificar a mentalidade da xente, creando cidadáns libres e responsables. O Ministerio de Instrución Pública elaborou un vasto proxecto de escolarización, mediante a construción de escolas e a mellora na formación dos mestres. Producirase un forte aumento, a pesar das carencias orzamentarias. Para axudar a estender a instrución puxéronse en marcha as Misións Pedagóxicas.
Reforma agraria
A situación agraria en España podemos resumila nunha poboación na súa maioría campesiña e sen terras, e nunha agricultura pouco produtiva e atrasada tecnicamente. A súa reforma era moi necesaria e, para iso, redactouse a Lei de Bases Agraria, que se promulgou o 15 de decembro de 1932.
A lei perseguía a distribución das terras e o asentamento dos campesiños. Para executala creouse o Instituto de Reforma Agraria (IRA), apoiado polo Banco Nacional Agrario (dotado con poucos recursos). Entregaríanse terras aos campesiños, tanto as entregadas voluntariamente como as expropiadas.
Autonomías
En canto á reforma do Estado centralista e ao desenvolvemento das autonomías, que xa era un dos problemas centrais da política española desde o 98, a Constitución recolle o dereito a que algúns territorios puidesen elaborar os seus Estatutos de Autonomía e organizar o seu propio goberno dentro do Estado “integral”. Eses territorios serán:
- Cataluña, cuxo Estatuto foi votado en agosto de 1931.
- País Vasco, que en outubro de 1936 aprobou o seu Estatuto.
- Galicia, que aprobou o seu o 28 de xuño de 1936, quedando sen tramitar nas Cortes pola guerra.
Crise do Bienio reformista e o Bienio conservador (1933-1936)
A realización destas reformas foi provocando que o goberno de Azaña fose contando con máis oposición. Tamén se foi producindo un aumento da conflitividade social, como os sucesos de Casas Viejas, que foron contestados cunha forte represión e que xerarían máis descrédito para o goberno. A isto hai que sumar o intento de sublevación de Sanjurjo, que indicaba o descontento das forzas de dereita e que supuxo, como reacción, a aproximación das esquerdas.
Chegamos así a 1933. A coalición de goberno vaise debilitando como consecuencia da falta de entendemento e da presión social. Azaña dimite e, entón, o presidente da República, Alcalá Zamora, ante a inestabilidade, convoca eleccións para novembro de 1933. Neste contexto, a dereita foise reorganizando e repoñendo do fracaso do 31. Destacan a CEDA de Gil Robles, a Falanxe de José Antonio Primo de Rivera e as JONS de Onésimo Redondo. Van ir agrupados para as eleccións nunha gran candidatura “antimarxista”, presentándose contrarios ás reformas que se estaban facendo e anunciando a “derrogación” dos “designios laicos e socializantes”, a cancelación das “disposicións confiscadoras da propiedade” e a impedición da política “anticatólica, antieconómica e antinacional” (Doc. 3).
Nas eleccións de novembro de 1933 gañaron os partidos de centro-dereita. En conxunto, o centro-dereita tiña uns 360 deputados dos 470 do parlamento. Iníciase así o Bienio conservador (1933-1936), onde Lerroux forma goberno e conta co respaldo parlamentario da CEDA. O goberno de Lerroux iniciou un proceso no que freou a reforma agraria, modificou a política relixiosa para achegarse ao Vaticano, paralizou a reforma militar e os estatutos. Este xiro conservador propiciou unha dobre tensión, pois unha parte do goberno non estaba de acordo co xiro á dereita, mentres que a CEDA quería aumentalo. Ademais, aumentou a conflitividade social pola deterioración das condicións dos traballadores (emprego, xornada, salario).
Ante a proliferación de conflitos e folgas, a CEDA reclama ao goberno unha acción máis contundente en materia de orde pública e esixe participar no goberno baixo a ameaza de retirar o seu apoio parlamentario, cousa que conseguiu en outubro de 1934. A reacción do resto dos partidos foi negativa, xa que se entregaba o goberno da República aos seus inimigos. Esta situación conduce aos sucesos de outubro de 1934 en Asturias e Cataluña.
Os gobernos radicais despois de outubro de 1934 foron moi inestables, ineficaces e, ademais, afectados por escándalos como o do estraperlo (Strauss e Perlo) e o de Nombela (pagos a unha navieira). Lerroux tivo que saír do goberno, e o Partido Radical foi incapaz de controlar a situación. O último goberno radical, presidido por Chapaprieta, dimitiu en decembro de 1935, e Alcalá Zamora nomeou a Portela Valladares como xefe de goberno, coa misión de convocar eleccións e organizar unha forza republicana de carácter centrista.
As eleccións de 1936 e o Frente Popular
A campaña electoral de 1936 foi moi tensa, con fortes enfrontamentos e dividida en dous bloques que viñan organizándose desde 1934: o Bloque Nacional (ao redor da CEDA), contrario ás reformas, e o Frente Popular, que agrupaba a republicanos, socialistas e comunistas, a favor das reformas. No programa do Frente Popular vemos que querían “conceder... unha ampla amnistía” para os presos da revolución de 1934, un regreso ás reformas agraria e do ensino, e restablecer “o imperio da Constitución”.
Nestas eleccións presentouse mellor organizado o Frente Popular. As esquerdas obtiveron uns 270 deputados e as dereitas uns 200. As eleccións deron o triunfo á esquerda e a dereita saíu derrotada. Formou goberno Azaña e tentou retomar as reformas do Bienio reformista, pero a vida política e social foise radicalizando. Ademais, prodúcese a destitución do presidente da República, Alcalá Zamora, que é substituído por Azaña, pasando a xefatura do goberno a Santiago Casares Quiroga.
A antesala do golpe de Estado
A dereita víase ameazada e os militares convertéronse en defensores das súas ideas. Un grupo de militares, dirixidos polo xeneral Emilio Mola, comezou a preparar o golpe. A idea era levantar o exército de Marrocos e despois as guarnicións das principais capitais, dirixidas polos principais mandos do exército. José Díaz, do PCE, denunciou eses preparativos ao dicir “que en moitas provincias de España se están a facer preparativos para o golpe de Estado”. Ao mesmo tempo acusou a Gil Robles de estar detrás del, pois non querían acatar “o que representou o triunfo do 16 de febreiro”.
O goberno de Casares Quiroga tivo noticias da preparación do alzamento, pero as medidas que tomou foron ineficaces: desprazar a militares sospeitosos e vixialos non abortou o golpe. No verán a situación foi máis tensa e, en xullo, prodúcense os acontecementos clave:
- O día 12, un grupo de extrema dereita asasina a José Castillo, tenente da Garda de Asalto, en represalia pola morte dun falanxista.
- O día 13, un grupo de gardas de asalto asasina a Calvo Sotelo, que xa recibira varias ameazas de morte, mesmo no parlamento. Ese foi o detonante para que, o día 17 de xullo de 1936, as tropas españolas do Protectorado de Marrocos se sublevaran contra a República, continuando o día 18 na Península.
Foi o inicio dun golpe de Estado que fracasou e que provocou o inicio da Guerra Civil.