Réxime Demográfico e Sociedade no Antigo Réxime Español
Tema 4
2. Que caracteriza o réxime demográfico antigo?
As altas taxas de natalidade e de mortalidade facían que o crecemento da poboación fose moderado, xunto con bruscos descensos provocados por fames e epidemias, que producían unha elevada mortalidade catastrófica. Ao longo do século XVIII diminuíron as epidemias, pero continuaron as fames polo clima desfavorable (malas colleitas).
3. Durante o Antigo Réxime, cal foi o criterio básico de organización social?
Os criterios fundamentais de clasificación social e de prestixio viñan determinados pola función, o nacemento ou o honor que os individuos desempeñaban na sociedade. De acordo con estes criterios, a sociedade era estamental e estaba dividida en tres grupos ou estamentos: nobreza (alta e baixa), clero (alto e baixo) e Terceiro Estado (diferentes grupos: burguesía, artesáns, campesiños...). Cada estamento estaba suxeito a leis distintas, polo que non había igualdade ante a lei.
6. Sinala os dous bandos enfrontados na Guerra de Sucesión española e valora os seus tratados de paz.
Enfrontáronse os partidarios de Filipe de Borbón, duque de Anjou, futuro Filipe V, cos partidarios do arquiduque Carlos de Habsburgo.
En España, Castela, País Vasco e Navarra apoiaron a Filipe, mentres que a Coroa de Aragón apoiou ao arquiduque Carlos.
En Europa, Filipe era apoiado pola Francia de Luis XIV, mentres que Gran Bretaña, Holanda, Portugal e o Imperio austríaco apoiaban ao arquiduque Carlos.
A paz entre os contendentes asinouse nos tratados de Utrecht e Radstadt (1713-1714). As potencias aceptaron a Filipe V como rei de España, que tivo que renunciar á posibilidade de reinar tamén en Francia.
Nos tratados, España tivo que ceder importantes territorios: a Austria o Milanesado, Flandres, Nápoles e Sardeña, e Gran Bretaña recibiu Xibraltar e Menorca, xunto a privilexios comerciais na América española.
7. Que establecía o Auto acordado de Filipe V, coñecido como Lei Sálica?
As leis tradicionais dos reinos hispánicos admitían a posibilidade de que as mulleres reinasen ou transmitisen a Coroa aos seus fillos, pero a Lei Sálica de Filipe V prohibiu ás mulleres reinar, sendo escollidos os herdeiros varóns.
8. Cal era o obxectivo básico das reformas administrativas de Filipe V e a través de que medios pretendía alcanzalo?
Quería centralizar e unificar a monarquía seguindo o modelo francés (era neto de Luis XIV) e aproveitou para iso a vitoria na Guerra de Sucesión.
Algunhas medidas que tomou foron:
- Reducir o número de consellos, aumentando as funcións do Consello de Estado e do Consello de Castela.
- Potenciar as Secretarías de Despacho (antecedente dos actuais ministros).
- Crear intendentes, encargados do mantemento dos exércitos e do fomento económico do territorio.
- Iniciar a transformación dos antigos reinos, de orixe medieval, en novas provincias e capitanías.
- Diminuír o papel das Cortes.
9. Que foron os Decretos de Nova Planta e que obxectivos tiñan?
Decretos de Filipe V polos que se centralizou a monarquía, suprimindo as leis e institucións da Coroa de Aragón, pero respectando as do País Vasco e Navarra, que lle axudaran na guerra.
Eliminou as Cortes dos reinos da Coroa de Aragón, integrándoas nas Cortes de Castela, que o rei reunía só cando quería, normalmente para xurar ao herdeiro ao trono.
O obxectivo era centralizar a monarquía, dándolle unha estrutura similar ao centralismo francés, na que o rei reunía todo o poder e o exercía mediante os secretarios de despacho (antecedentes dos actuais ministros). Os antigos reinos foron divididos en provincias e a administración provincial quedou en mans de capitáns xerais e das audiencias, corrixidores e intendentes, todo baixo o control real.
10. Que foron os Pactos de Familia e cal foi a razón básica da súa sinatura?
Os Pactos de Familia foron uns tratados de alianza asinados polos Borbóns de España e Francia. A razón básica da súa sinatura foi contrarrestar a Austria e as ameazas inglesas.
11. Cales foron as características do reinado de Fernando VI?
- Neutralidade e pacifismo: Fernando VI continuou a guerra contra Austria e Inglaterra iniciada polo seu pai, pero a partir de 1748, coa sinatura da paz, os seus gobernos buscaron a neutralidade e os acordos co resto das potencias co obxectivo de manter o equilibrio existente.
- Revitalización interior: os gobernos de Fernando VI aproveitaron a paz para fomentar o crecemento e o poder económico da monarquía.
- Consolidación do regalismo: Fernando VI consolidou a política de supervisión e control da Igrexa polo rei (regalismo), iniciada por Filipe V, na que se controlaban os nomeamentos eclesiásticos, o número de efectivos e a riqueza da Igrexa.
12. A que se denomina despotismo ilustrado? Por que se considera a Carlos III un déspota ilustrado?
O despotismo ilustrado é un concepto político que xurde na Europa da segunda metade do século XVIII. Enmárcase dentro das monarquías absolutas (o poder do rei non está limitado), pero xustifícase en que se actúa polo ben do pobo, con reformas ilustradas en ámbitos como a educación e a economía.
Considérase a Carlos III un déspota ilustrado xa que, ao longo do seu reinado, impulsou numerosas reformas económicas, administrativas e culturais e apoiouse para gobernar nos partidarios da Ilustración.
13. Cando e por que se produciu o Motín de Esquilache? Que trazo teñen os xesuítas que non teñen as restantes ordes relixiosas católicas?
En 1766 produciuse o Motín de Esquilache, unha revolta popular en Madrid que despois se foi estendendo por diferentes cidades. A orixe estaba en que o ministro italiano de Carlos III, Esquilache, prohibiu a vestimenta tradicional dos madrileños, para adaptala aos gustos europeos, pero tamén no descontento social pola subida do prezo do pan e pola xenofobia ante a abundancia de ministros italianos que trouxo Carlos III.
Carlos III expulsou aos xesuítas, acusados de promover o motín. Ademais dos tres votos de obediencia, pobreza e castidade, tiñan un máis de obediencia ao Papa, o que facía desconfiar aos reis da inxerencia do papado nos seus Estados.
14. Por que Carlos III asinou un novo Pacto de Familia con Francia? Saíu beneficiada España?
Carlos III asinou un Terceiro Pacto de Familia con Francia debido a que en 1756 comezara a Guerra dos Sete Anos (Francia e Austria contra Gran Bretaña e Prusia) e Carlos III quería recuperar Xibraltar e Menorca, territorios cedidos a Gran Bretaña.
Pero a derrota ocasionou a España considerables perdas. Aínda que Francia lle cedeu o territorio norteamericano da Luisiana, España perdeu Florida, que entregou a Gran Bretaña, e a colonia de Sacramento, fronte a Bos Aires, que tivo que ceder a Portugal, polo que non saíu beneficiada.
15. Que obtivo España no tratado que puxo fin á guerra de independencia dos Estados Unidos?
Obtivo Menorca, Florida e outros territorios menores.
16. Cales foron as principais preocupacións dos ilustrados en relación coa reforma da agricultura e do comercio?
- A mellora da agricultura co obxectivo de aumentar a produción: fomentar o cultivo de novas terras, favorecendo a introdución de melloras técnicas e estendendo o regadío.
- O apoio ao comercio, considerado como o incentivo que podía estimular o crecemento de todos os sectores produtivos.
17. Por que os ilustrados defendían o fomento da industria popular e da educación?
A industria popular eran actividades artesanais que podían ser realizadas polos campesiños. Defendíanas como o mellor modelo de desenvolvemento económico, capaz tanto de complementar os recursos dos campesiños como de manter a produción.
Defendían a educación como medio para a transformación dos hábitos sociais e para incrementar a riqueza do país.