A Reforma Agraria Liberal e o Desenvolvemento Industrial en España no Século XIX

Employment training and career guidance5.65 KB

A reforma agraria liberal: as desamortizacións

No Antigo Réxime, diversas normas, leis e prácticas cotiás condicionaban e limitaban a produción agrícola e a propiedade da terra. Por iso, a burguesía liberal consideraba imprescindible realizar unha reforma agraria.

A medida máis importante desta reforma foi a desamortización. A desamortización é un proceso de confiscación de bens e terras pertencentes ao clero ou dos bens propios dos concellos, coa intención de poñelos en venda en pública poxa e aumentar os ingresos do Estado, co fin de solucionar os problemas do endebedamento público.

A primeira desamortización levouse a cabo durante o goberno de Godoy en 1798, por mor das dificultades facendísticas provocadas polas constantes guerras contra Inglaterra. Esta medida afectou a unha pequena cantidade de propiedades da Igrexa, que recibiron unha porcentaxe do valor das terras vendidas.

Durante a revolución liberal, as Cortes de Cádiz promulgaron diversas desamortizacións, polo que o Estado puxo en venda os bens dos afrancesados.

Seguiu a desamortización eclesiástica de Mendizabal en 1836, que afectou ao clero regular. A finalidade era solucionar os problemas facendísticos, recadar diñeiro para financiar a guerra contra o carlismo, ampliar os apoios de Isabel II e desmantelar o poder económico da Igrexa.

En 1841 levouse a cabo a desamortización eclesiástica de Espartero, continuando a iniciada por Mendizabal. Ademais, ampliouna coa desamortización dos bens do clero secular. O seu obxectivo era de carácter fiscal, é dicir, recadar fondos para Facenda.

Por último, en 1855 tivo lugar a desamortización de Madoz, que, ademais de rematar a desamortización eclesiástica, iniciou a desamortización civil. Esta desamortización xerou un gran impacto na sociedade, xa que os campesiños non tiñan diñeiro para comprar as súas terras e acababan converténdose en xornaleiros para os novos donos.

Estas medidas supuxeron a desaparición das fórmulas xurídicas vinculadas á propiedade da terra do Antigo Réxime e a liberalización do mercado de terras. Deste proceso beneficiáronse a nobreza e a burguesía, que puideron concentrar nas súas mans grandes propiedades latifundistas, especialmente no sur de España.

Os principais sectores industriais e o papel do ferrocarril

O desenvolvemento industrial do século XIX en España presenta fortes desequilibrios rexionais, convivindo zonas industrializadas e urbanizadas con outras atrasadas e rurais.

Cataluña

Cataluña constituíu a principal zona industrial de España, onde o desenvolvemento téxtil propiciou a diversificación industrial, co crecemento doutros sectores: metalurxia, química, papeleira e editorial, así como os relacionados coa transformación de produtos agrarios.

Andalucía e Levante

Andalucía e Levante teñen en común un inicio temperá industrializador no sector siderúrxico e téxtil, que non tivo continuidade pola competencia doutras rexións máis desenvolvidas ou con menores custos de produción. Ambas rexións reorientáronse cara á potenciación do sector agrario e tamén do mineiro en Andalucía.

Asturias e País Vasco

Asturias e País Vasco tiveron como sector clave na industrialización a siderurxia, vinculada ás explotacións mineiras.

Galicia

En Galicia o panorama industrializador foi pobre debido á competencia doutras zonas. O liño, materia téxtil por excelencia, non resistiu a competencia do algodón e foi desaparecendo, mentres que a salgadura da pesca deu lugar a unha importante industria conserveira de peixe. Cabe destacar tamén a construción naval e o desenvolvemento da produción hidroeléctrica, aproveitando a abundancia de cursos de auga.

A formación do mercado interior

A lexislación liberal aboliu os obstáculos legais contrarios á liberdade de circulación e produción de bens, e procurou a construción de mellores vías de comunicación para conseguir un mercado interior cada vez máis integrado.

O ferrocarril

A introdución do ferrocarril en España, símbolo do progreso e da modernización, foi tardía. O primeiro ferrocarril inglés adicado ao transporte de viaxeiros funcionou en 1830; en España non o fixo ata 1848, nun pequeno tramo entre Barcelona e Mataró.

A Lei xeral de ferrocarrís de 1855 deseñou un trazado radial desde Madrid ata os puntos extremos da periferia, e establecía que a construción e explotación das liñas podía ser realizada polo Goberno ou por compañías privadas. Para facilitar a construción dos ferrocarrís, o Estado concedía vantaxes aos inversores privados, e para o seu financiamento contou con tres fontes de recursos: a subvención estatal, o capital dos accionistas e o líquido das obrigacións que emitían as propias compañías ferroviarias.

As características do terreo aconsellaron dar maior ancho ás vías españolas, o que ocasionou problemas á hora de unilas cos trazados europeos, máis estreitos.

Na construción dos trazados ferroviarios diferéncianse varias fases:

  • Antes de 1855: só se construíron 440 quilómetros de liñas ferroviarias, repartidos nas zonas de Barcelona, Madrid e Asturias.
  • 1855-1865: construción, a bo ritmo, das principais vías, grazas ao apoio estatal e aos investimentos estranxeiros.
  • 1866-1876: paralización da construción de novas vías, porque non se produciron os beneficios esperados, debido ao atraso xeral do país.

Download

PDF Word HTML