Proceso de Normativización da Lingua Galega

French6.57 KB

A lingua galega e a ausencia de norma escrita

A lingua galega careceu, durante séculos, de norma escrita. No século XIX, despois de catro séculos sen recoñecemento cultural e con escaso cultivo literario, a lingua presentaba un estado lamentable. Os escritores tiñan como fonte o galego oral, usando a variedade da súa zona, ou sexa, un galego popular e dialectal sen conciencia normativizadora. O galego, ao carecer de norma escrita, presentaba moitos problemas: a lingua oral, sen norma, manexaba castelanismos, vulgarismos —é dicir, palabras que proceden da lingua oral e que presentan deformacións (*verdá ou *arradio)— e dialectalismos, ou sexa, formas características dun determinado bloque dialectal (*canciois ou *il).

Século XX: Irmandades da Fala e Xeración Nós

A principios do século XX segue sen haber un modelo único de escrita culta, pero as Irmandades da Fala e a Xeración Nós comezan a sentir a necesidade de crear un modelo de lingua escrita e axeitar esta para a expresión científica. Contribúen buscando un galego supradialectal, é dicir, que non estea baseado en ningunha variedade dialectal concreta, senón que debe integralas a todas, e ao tempo limpo de castelanismos.

Pero a vontade por parte destes escritores de exaltar a dimensión enxebre do idioma galego e afastarse do castelán para reafirmar que son dúas linguas independentes fixo que utilizasen desvíos léxicos:

  • Arcaísmos: formas da Idade Media que caeran en desuso (*vegada por vez ou *cibdade por cidade).
  • Lusismos: voces propias do portugués e non do galego (*proprio en lugar de propio).
  • Hipergaleguismos: que resultan do afán por darlles ás palabras máis aparencia galega da que realmente deben presentar (*zoa ou *primaveira).

Todas estas palabras que non se axustan á normativa oficial do noso idioma resultan da vontade de querer buscar formas correctas no camiño que se percorreu na procura dunha lingua estándar afastada do castelán.

A posguerra e a busca da norma estándar

Tras a guerra civil, vai medrando a preocupación pola creación dunha norma estándar única, simplificando a ortografía ao eliminar os apóstrofos, guións, acentos circunflexos e graves, e preservando a lingua do influxo castelán. Interese este último recorrente nos escritores, pois o castelán sempre exercera sobre o galego un contacto lingüístico ao longo dos séculos, e esta é a razón de que a gran parte das interferencias que se atopan no galego procedan do castelán, entendendo por interferencias os cambios producidos nunha lingua autóctona, neste caso o galego, debido á influencia exercida sobre ela por unha lingua allea, neste caso o castelán.

Planos afectados polas interferencias do castelán

As interferencias do castelán sobre o galego afectan a todos os planos da lingua:

  • No plano fónico: redución do sistema vocálico.
  • No plano morfolóxico: uso dos tempos compostos co verbo haber.
  • No plano sintáctico: a incorrecta colocación dos pronomes átonos.
  • No plano léxico: sendo este o máis influenciable. Nalgúns casos, a palabra galega desapareceu substituída pola castelá (*sartén no canto de tixola, ou *manzanilla substituíndo a macela); ou presentan unha falsa aparencia galega, como é o caso de *conexo ou *antoxo, en lugar dos correctos coello e antollo. Noutras ocasións, emprégase a palabra coincidente co castelán moito máis ca a propiamente galega: comprar máis ca mercar ou enfermo máis ca doente.

Democracia e fixación oficial da normativa

Coa recuperación das formas democráticas, Galicia recupera as súas institucións propias de autogoberno e con elas a lingua galega acada o rango de lingua oficial e introdúcese no sistema educativo. Isto supuxo un fito histórico para o noso idioma e a cultura, e reafirmou a necesidade de normativizar a lingua, isto é, elaborar a definitiva norma estándar creando unha Ortografía, unha Gramática e un Dicionario que propicien o uso correcto da lingua.

Para levar a cabo o proceso de normativización é preciso seguir varios pasos: seleccionar e fixar a variedade lingüística que usaremos, definir que forma escrita desexamos, e purificar e renovar o léxico para que a lingua poida ser usada para tratar calquera tema en calquera nivel e rexistro.

Por isto, o noso idioma convértese en obxecto de estudo e investigación filolóxica por parte de Departamentos e Institucións universitarias. O mellor coñecemento lingüístico axudou a atopar solucións apropiadas para aquelas desviacións que deformaban o galego escrito, eliminando desvíos léxicos e interferencias, e adaptando a lingua á vida urbana e moderna.

A consolidación da lingua estándar

Procúrase así un galego supradialectal, fiel á lingua oral, coherente coa historia e harmónico coas linguas irmás. Esta lingua estándar que servirá de modelo para a lingua escrita defínese nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, publicadas en 1982, e que foron froito do acordo entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Tras levar a cabo unha revisión no ano 1995, chégase ao actual texto no 2003, a chamada Normativa da concordia, que establece a normativa oficial.

Nelas determínase a norma estándar do galego contemporáneo, un modelo correcto e válido para todos os falantes, e que se corresponde co nivel medio ou culto da lingua e co rexistro formal. É a que se describe nas Gramáticas e se emprega na Escola, nos medios de comunicación, na Administración e en xeral en todos os usos formais.

Download

PDF Word HTML