Poesía Galega Tras a Guerra Civil: Xeracións do 25 e do 36
Poesía
Como consecuencia da guerra civil desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural só é posible no exilio, onde escriben poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilia Pita. Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes. Dous anos máis tarde sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Emilio Ferreiro, e no ano seguinte fórmase a Editorial Galaxia. Esta situación fai que salgan á luz as obras de varias xeracións diferentes:
Xeración do 25
- Álvaro Cunqueiro. Antes da guerra publicou tres libros, vangardistas Mar ao norde e Poemas do si e do non, e neotrobadoresco Cantiga nova que se chama Riveira. O seu primeiro poemario de posguerra será Dona do corpo delgado, con títulos como Soedades. Con Herba de aquí ou acolá dialoga con todo tipo de mitos para facer unha reflexión sobre a identidade, as experiencias, lecturas e viaxes da súa propia vida, coa morte como horizonte inevitable.
- Luís Pimentel é autor de Triscos, conxunto de textos publicados na colección Benito Soto, e Sombra do aire na herba. Foi un home de ampla cultura e gran sensibilidade artística. Participou en publicacións como Ronsel ou Yunque. Durante a posguerra sumiuse nun forzado exilio interior, con crises depresivas e a poesía como refuxio.
Estivo influenciado polo surrealismo, aínda que con un marcado lirismo intimista, de orixes simbolistas. El e a súa cidade, Lugo, están perfectamente unidos. Na súa obra frecuenta o versolibrismo, a precisión léxica, a delicadeza, o retrato de interiores domésticos e a presenza de obxectos e de instantes íntimos que tenta estar cheos de emocións e de sensacións. Non faltan poemas comprometidos como Xogo ruín, Enterro dun neno pobre e Cunetas. Outros motivos que aparecen nos seus textos son a súa admiración por Rosalía e a confianza na palabra poética como acceso á beleza.
Xeración do 36
Aínda son moi novos durante a Segunda República e apóianse no inicio en grupos anteriores (Xeración Nós e Xeración do 25). A maioría son mobilizados durante a guerra, feito que os marca humana e literariamente. O bando franquista condénaos ao exilio, ao silencio e mesmo ao cambio de idioma.
- Xosé María Álvarez Blázquez. Personaxe polifacético e promotor da revista Cristal. Inicia a súa produción en galego con Poemas de ti e de min, que presenta un claro vínculo coas escolas imaxinista, neotrobadoresca e neopopularista de preguerra. Canle segredo é a súa mellor obra. O mundo cotián, a vida familiar e a nostalxia da infancia protagonizan os seus poemas, de tema intimista e emotivo.
- Xosé María Díaz Castro. Só escribiu Nimbos, que inclúe o especial poema Penélope. O poeta reflicte a frustración histórica da sociedade galega. Atopamos unha interrogación existencialista sobre os problemas esenciais do ser humano (a vida, o tempo, a morte).
- Celso Emilio Ferreiro. Distinguimos tres liñas temáticas:
- Liña social, que ten en Rosalía, Curros e Cabanillas os precedentes máis destacados. Solidaria cos oprimidos, defensora do idioma e denunciadora dos males sociais.
- Liña intimista, na que se manifesta o seu inconformismo e desacougo existencial, a fugacidade da vida, a saudade da infancia e a vivencia do amor.
- Liña irónica e satírica, que evoca as cantigas medievais de escarnio, entre outras.