Poesía Galega Contemporánea: Transición, Xeracións e Tendencias
Coa morte de Franco déronse unha serie de cambios políticos coñecidos como Transición. Un dos resultados foi a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, ano no que se constituíu a Xunta de Galicia. Dous anos despois aprobouse a Lei de Normalización Lingüística, que permitiu que o galego accedese a novos ámbitos, como a Administración, os medios de comunicación e o ensino. Isto viuse apoiado pola creación de editoriais como Edicións Xerais, a creación da AELG e a aparición de numerosos premios.
Poesía
Imperaba a liña social realista iniciada por Celso Emilio Ferreiro, pero este autor deu paso a outra temática, con “Onde o mundo se chama Celanova”. Méndez Ferrín tomou unha liña política e culturalista con “Con pólvora e magnolias”. Recuperouse a obra vanguardista de Manuel Antonio e Cunqueiro publicou “Herbas de aquí e de acolá”.
Cara á metade dos anos 70 xurdiron grupos poéticos e autores que tiñan unhas características en común. Destacaron: Rompente, Cravo Fondo e De amor e desamor.
Xeracións poéticas desde os anos 80
Desde a década dos 80, podemos distinguir tres xeracións de autores: Promoción dos 80, Promoción dos 90 e as últimas tendencias.
Promoción dos 80
A promoción dos 80 estivo marcada polo culturalismo, o cosmopolitismo e o esteticismo, ademais de que se produciu unha apertura temática grazas á desaparición da censura. Destacan: Lois Pereiro, Antón Reixa, Ana Romaní e Luisa Villalta.
Promoción dos 90
Da poesía da promoción dos 90 cabe destacar a súa utilización da linguaxe e do verso libre, a presenza do hermetismo e do simbolismo e a aparición de temas tabú. Destacan Yolanda Castaño, que trata temas feministas e culturalistas en “Elevar as pálpebras” e “Diario dunha egoísta”; Chus Pato, dentro dunha liña feminista; e Fran Alonso, que versa sobre a experiencia e o cotián. Cabe destacar que nesta época os escritores comezaron a independizarse das editoriais.
Últimas tendencias
Finalmente, nas últimas tendencias dase importancia á escrita feminista, secundada pola ecoloxía e a crítica ao consumismo. Alguns poetas comezaron a facer videopoemas. Destacan Carlos Negro e Antía Otero.
En resumo, nesta última etapa apareceu unha gran obra poética na nosa lingua de mans de numerosos autores que trataron as máis diversas temáticas.