A poesía das Irmandades da Fala: Noriega, López Abente, Taibo e Cabanillas

Greek5.98 KB

A poesía das Irmandades da Fala

No inicio do século XX, a literatura galega vive un momento de transición. Aínda que aumentan o número de obras publicadas en galego, os autores non conseguían liberarse dunha serie de liñas poéticas establecidas no Rexurdimento: o costumismo ruralista, a reivindicación social e o historicismo épico. Por outro lado, a narrativa e o teatro continuaban a ser residuais fronte á lírica.

O punto de inflexión foi a aparición das Irmandades da Fala (1916), que promoveron o recoñecemento e uso da lingua galega a través de diferentes iniciativas:

  • a) Promoción do cultivo literario da lingua galega a través de concursos e creación de novas publicacións.
  • b) Diversificación xenérica, apoiando os xéneros narrativo e dramático e creando o ensaio en lingua galega.
  • c) Creación de editoriais como Céltiga, Lar e Nós, que contribuíron a estabilizar o sistema literario galego e ampliar o círculo de lectores na nosa lingua.
  • d) Potenciación da actividade teatral e dos coros populares.
  • e) Tradución de textos da literatura e da cultura europea e universal, que contribuíron a modernizar o discurso literario galego.

Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 – Viveiro, 1947)

Noriega é autor dunha única obra poética, que foi ampliando e actualizando ao longo da súa vida. Na primeira edición leva o título de Montañesas (1904); a partir da terceira (1920) e até a definitiva (1946), pasa a denominarse Do ermo.

O chamado «poeta da montaña» parte da tradición do ruralismo costumista decimonónico. Destaca nesta primeira fase (1895-1913) polo uso da lingua e da métrica popular. A temática céntrase na descrición da paisaxe e da vida ruda dos labregos. O autor renova o seu discurso a través da lectura dos modernistas e dos saudosistas portugueses. Noriega elabora neste período unha poesía máis culta, que continúa a tratar a temática paisaxística en novos moldes. Aparece na súa poesía unha óptica franciscanista de comuñón coa natureza e o aprecio polos elementos máis humildes.

Gonzalo López Abente (Muxía, 1878 – 1963)

Autor ligado ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos. Ten unha obra ampla, entre a que destaca o poemario Nemancos (1929). Como outros poetas do período, evoluciona dunha poética decimonónica cara ás novas estéticas de principios de século. A súa orixinalidade reside na reprodución do ambiente mareiro.

Vitoriano Taibo (Compostela, 1885 – Vigo, 1966)

Seguidor de Cabanillas, particularmente da súa etapa mítico-saudosista. Publicou, en vida, un único poemario, Abrente (1922), ao que hai que engadir o opúsculo Da miña roseira (1925), que reflicte a influencia da literatura popular.

Ramón Cabanillas (1876 – 1959)

Estuda no seminario en Compostela, mais non chega a ordenarse. Na súa vila natal, Cambados, comeza a traballar de funcionario e publica dous periódicos de carácter anticaciquil, El Umia e El Cometa. En 1910 marcha para Cuba, onde coñecería a Basilio Álvarez, dirixente da organización agrarista Acción Gallega. Os seus primeiros poemarios son No desterro. Visións gallegas (1913) e Vento mareiro (1913). No aspecto formal hai unha asunción das novidades métricas e estilísticas do modernismo, así como unha asimilación das poéticas dos tres grandes autores do Rexurdimento. Canto aos temas, domina a nostalxia do desterrado e as composicións de denuncia da situación do campo galego. Poemas como «Acción Gallega», «A un cacique» ou «Lume no pazo» definen un perfil de autor civil comprometido coas problemáticas do agro galego. De volta en Galiza, Cabanillas entra en contacto coas Irmandades da Fala e adquire o estatus de «poeta da raza». A nova etapa iníciase coa publicación de Da terra asoballada (1917), en que continúa esa liña civil que incorpora elementos do discurso político das Irmandades: a defensa do idioma, o celtismo, o modelo irlandés, a reivindicación de figuras do galeguismo, etc. Á antiga oposición entre labrego/fidalgo-cacique e vila/cidade substitúese pola oposición Galiza/Castela. Participa tamén da renovación do panorama teatral coa obra A man de santiña (1921), representada na primeira función do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919). Un dos obxectivos fundamentais do autor é reconstruír o pasado histórico desde unha perspectiva nacionalista. Deste interese nace Na noite estrelecida (1926), poesía épica que trata de adaptar a materia de Bretaña en clave galega. Tamén a traxedia O Mariscal, escrita en colaboración con Antón Vilar Ponte, obra de carácter histórico que relata o enfrontamento da nobreza galega cos Reis Católicos. As últimas obras do autor na década de 20 son o poema narrativo O bendito San Amaro (1925) e o poemario A rosa de cen follas. Breviario dun amor (1927), en que se retoma a liña intimista en clave rosaliana. Despois deste poemario, Cabanillas afástase da centralidade literaria e non publica ningún libro até a recuperación da posguerra. Nesta etapa de posguerra (1939-1959) publica Camiños no tempo (1949), de corte historicista; Da miña zanfona (1954), colectánea de poemas dispersos; Versos de alleas terras e tempos idos (1955), traducións de poemas da literatura universal; e o poemario Samos (1958), escrito durante a súa estancia neste mosteiro. En conclusión, o cambadés é un poeta versátil que traballa con habilidade diferentes liñas temáticas: civil, costumista, amorosa, paisaxística, etc. Ademais, adopta as principais innovacións estéticas da literatura de principios de século, mantendo un pé na tradición literaria galega.

Download

PDF Word HTML