Platón: Antropoloxía, Alma e Cidade na Súa Concepción Política

Employment training and career guidance10.24 KB

3) A Concepción Política de Platón: Antropoloxía Platónica e Vinculación da Alma á Cidade

Para os presocráticos o tema de atención preferente era a physis. Para sofistas e Sócrates, a filosofía comeza tamén a ocuparse do ser humano. Así, Platón elaborou primeiro unha teoría antropolóxica como soporte das súas concepcións éticas e políticas.

O dualismo antropolóxico

A súa concepción do ser humano é dualista: concíbeo como un composto de corpo (soma) e alma (psique). Son dúas realidades distintas, unidas temporal e accidentalmente.

O corpo é unha cárcere da alma: unha cousa sensible que se xera e corrompe. É un obstáculo para alcanzar as Ideas, por iso a misión do ser humano é tratar de purificarse do corpo ao que está encadeada a súa alma, para que esta poida ascender ao seu lugar natural: o mundo das Ideas.

A alma e a súa inmortalidade

A alma é inmortal. A súa actividade propia é a contemplación das Ideas, por iso é considerada principio de coñecemento racional. É a verdadeira esencia do ser humano e é da mesma natureza que as Ideas: simple, inmutable e invisible. Trata de purificarse para lograr a liberación do corpo e de todo o sensible, para poder acceder ás Ideas; esta liberación non será total ata o momento da morte, pero durante a vida a alma ten que controlar o corpo.

O acceso ao mundo das Ideas ten lugar a través do coñecemento, pero para Platón «coñecer é recordar». Esta é a teoría da reminiscencia ou do recordo (anámnese), que se basea en que a alma, antes de vir a este mundo, contempla as Ideas; pero ao caer no corpo, esquece todo, mais algo queda na alma como idea innata. Recordando, a persoa recupera o que xa sabía, o verdadeiro ser das cousas, as Ideas. Coa reminiscencia complétanse os procedementos para coñecer as Ideas, pero para recordar precisamos da alma e da súa inmortalidade.

Nesta concepción da alma, Platón ten claras influencias pitagóricas. Da súa inmortalidade, di Platón que temos varias probas: a primeira é a reminiscencia; a segunda é que a morte é descomposición, pero só se descompón o composto, logo a alma é simple; por último, a alma é principio de vida e fonte de movemento, móvese a si mesma e tamén move o corpo. Para o noso autor, o que se move a si mesmo é inmortal e inxénito. Polo tanto, o ser humano é a súa alma, pois esta é superior ao corpo, porque o anima, lle dá vida e o goberna.

As tres partes da alma

Así pois, a alma está estruturada en tres partes diferentes, que hai que entender como funcións e non como partes (pois sempre fala da simplicidade da alma, e o simple non admite partes).

  • Parte racional (nous): no mito do carro alado é o cocheiro-auriga, pois coñece intelectivamente. É a parte que contempla as Ideas, intelixente, inmortal e semellante ao divino. Localízase no cerebro e a súa misión é conducir, gobernar e dirixir ás outras dúas partes da alma. As súas virtudes son a sabedoría e a prudencia.
  • Parte irascible: representada polo cabalo bo e fermoso, simboliza o valor e a vontade, as paixóns nobres do corpo. Déixase guiar doadamente. Está localizada no peito, é a parte da alma que quere, e é mortal. A súa virtude é a fortaleza.
  • Parte concupiscible ou apetitiva: representada polo cabalo feo e malo, difícil de guiar, simboliza o desexo e a paixón sensible, as paixóns innobres do corpo (apetitos sexuais, desexo inmoderado de comer, de beber…). É mortal.

Platón recoñece que hai homes nos que predomina a parte concupiscible, noutros a irascible e en algúns a racional. A xustiza consiste no equilibrio ou harmonía entre as tres partes. Trátase de que cada parte cumpra coa súa función, é dicir, que a alma racional guíe e controle ás outras dúas. Nisto consiste a harmonía no individuo, que despois será reflexo da harmonía social.

Inmortalidade, purificación e virtude

A inmortalidade é a característica propia da alma (recordemos que só é inmortal a parte racional; as outras dúas morren co corpo). A alma está unida ao corpo, pero esta tende ao seu lugar natural, que é o mundo das Ideas, pois alma e Ideas son semellantes: inmateriais, simples, indivisibles, incorruptibles e, polo tanto, inmortais. Pero para iso a alma ten que purificarse, e isto conségueo por medio da dialéctica, do amor, da morte e por medio da vida virtuosa.

Platón falaba de catro virtudes: prudencia, fortaleza, temperanza e a cuarta, a xustiza, como equilibrio ou harmonía da alma. Así vemos como a ética ten os seus fundamentos na antropoloxía. As virtudes son clasificadas por Platón en referencia ás dimensións da alma, porque as virtudes consisten nun tipo de comportamento adecuado á natureza da alma (República, Fedón).

Para Platón, a ética ten como finalidade que o individuo alcance a felicidade (eudaimonía), e esta atópase na práctica da virtude (areté). A virtude é o camiño cara ao ben e á xustiza. A virtude pode equivaler á sabedoría, que consiste na contemplación das Ideas. Defende o Intelectualismo Moral de Sócrates dun xeito máis moderado; polo tanto, identifica virtude con saber e con felicidade. Pero non chega con saber que é o bo: hai que practicar a virtude.

A virtude tamén pode equivaler á purificación como saúde da alma. A persoa virtuosa é a que purifica a súa alma das paixóns e se desprende do corpo para poder ascender ás Ideas. Así, a alma purificada é aquela na que cada parte cumpre a súa función: a racional desenvolve as funcións da sabedoría e a prudencia (sofía, frónesis); a irascible, a fortaleza, sendo valerosa (andreia); e a concupiscible, a temperanza, sendo atemperada (sofrosine).

A virtude será o equilibrio ou harmonía das partes, e isto recibe o nome de Xustiza (diké), que é a virtude moral máis importante de todas.

A Teoría Política de Platón

A súa teoría política arremete contra o relativismo dos sofistas, que pensaban que a xustiza depende das leis convencionais (nomos) e non das leis naturais (physis), e que estas leis convencionais se elaboraban en función da conveniencia do máis forte. Platón propón un modelo aristocrático que pretende ser universalmente válido, porque se funda na orde eterna das Ideas.

Na súa obra República, Platón leva a cabo unha división das clases sociais paralela ás partes da alma. Alma e Estado teñen a mesma estrutura. Platón distingue as seguintes clases na polis:

  1. Os productores (demiourgoi: agricultores, comerciantes, artesáns). A súa misión é producir os bens necesarios para o Estado. Constitúen a clase inferior. Neles predomina a alma concupiscible, por iso lles corresponde a virtude da temperanza e serán dóciles aos mandatos dos gobernantes.
  2. Os guerreiros ou gardiáns (phylakes). A súa misión é a defensa da polis, pór orde nos conflitos internos e a administración e organización da mesma. Neles predomina a alma irascible, e a virtude que lles corresponde é a fortaleza. Viven comunitariamente para non estar apegados a bens concretos e verse libres de cobizas (comunismo platónico).
  3. Os gobernantes (archontes) teñen como misión lexislar, administrar e velar pola educación e organización da polis. Teñen poder sobre as outras clases. Non teñen propiedades para actuar con máis liberdade e honestidade. Neles predomina a alma racional, polo que a virtude que lles é propia é a prudencia (capacidade de gobernar de acordo co mellor e máis recto).

As formas de goberno

Na última parte da República, Platón fai unha análise dos distintos réximes políticos e establece a relación entre cidadáns e o réxime baixo o que viven. Esta análise reflicte unha das súas grandes obsesións: a construción dunha cidade xusta e feliz na realidade.

  1. A forma máis perfecta de goberno é a aristocracia. Nela os gobernantes rexen a cidade segundo a prudencia e a sabedoría, pois é un único gobernante (monarquía) ou varios homes superiores (aristocracia) os que gobernan pola súa intelixencia, educación e altruísmo. É un goberno baseado na capacidade, non na liñaxe de sangue. Os outros réximes constitúen formas decadentes deste, que é o superior e o mellor.
  2. Pode dexenerar en timocracia (timé: honra). Nesta forma de goberno domina o elemento pasional sobre o racional (domina a alma irascible). Ambicionan honores, a preeminencia social e obter un cargo.
  3. A timocracia pode dexenerar en oligarquía, o goberno no que mandan os ricos, sen que os pobres teñan acceso ao poder. Prodúcense, así, dúas grandes clases sociais: os oligarcas (minoría enriquecida) e unha masa inmensa de pobres. E os ricos buscan, ademais, incrementar a súa riqueza e o seu poder.
  4. O desexo insaciable de riqueza corrompe aos cidadáns e acaba corrompendo todo o réxime. Brota, así, unha nova organización política, a democracia, sistema no que o pobo, farto de estar sometido, toma o poder e o estende, por eleccións, a todos.
  5. A tiranía é o goberno do máis audaz e violento, que se impón aos demais. O tirano goberna para o seu propio beneficio, de forma cruel. Suprímense a liberdade, a igualdade e a xustiza. É o peor dos réximes políticos. Parece, pois, que o exceso de liberdade termina en escravitude.

Todas estas formas son cíclicas, e da tiranía pásase novamente á monarquía.

Download

PDF Word HTML