Novela de Ánxel Fole: Memoria e Madurez en Lugo

Greek3.22 KB

O argumento central da novela

As historias que se entrelazan nesta novela cóntanolas o protagonista preadolescente que ve alteradas as vacacións de verán por razóns que non alcanza a comprender. Aínda que sacara boas notas nos estudos, os pais envíano a pasar o verán á casa dos avós, unha fonda na estación do tren de Lugo. O que nese momento considera un castigo, quedará na memoria de adulto como unha das etapas fundamentais da súa vida.

O estado de ánimo vai mellorando grazas ás cartas que recibe da rapaza que lle gusta e da sorpresa que lle causan as novidades da casa dos avós. Neste escenario irá coñecendo mellor a súa familia, tropezará con estraños personaxes que se moven na imprecisa fronteira da ficción e a historia, aprenderá a ver a cara e a cruz da realidade. En fin, aprenderá a coñecerse mellor e a aceptar os seus como son. Madurará, nunha palabra.

Homenaxe literaria e escenarios

Para matar o aburrimento inicial, o avó recoméndalle ao protagonista que procure ler e préstalle un exemplar de Terra brava de Ánxel Fole. A novela convértese nunha deliberada homenaxe ao autor lugués e mais ao doutor Rodríguez Saa (conde de Waldemar). Unha chuvia intensa obrigará o protagonista a permanecer no marco (literario) da pensión. Cando a chuvia cansa, o marco amplíase á cidade murada, que se converte ás veces nunha especie de círculo pechado. De “A caixa dos habanos” van saír personaxes, historias de espionaxe, un medallón co elefante branco... que se mesturarán cos personaxes, historias e obxectos “reais” da novela. Mesmo o espírito narrador do mago Waldemar semella saír da caixa dos habanos.

Sinopse da trama

O inicio do verán

O protagonista remata o curso con boas notas, pero no canto de ir cos pais ao apartamento da costa, onde tamén veranea a rapaciña que lle gusta, mándano á casa dos avós. O rapaz interprétao como un castigo e encabúxase cos pais.

A vida na fonda

Na fonda que gobernan os avós atópase co curmán Vítor, un adroleiro compulsivo, soñador de torres no aire, estudante clandestino de inglés; co avó Nicasio, ferroviario vocacional; coa avoa, muller capaz, de forte carácter e gran sentido do pragmatismo; co mago Waldemar, un estraño personaxe que aínda conserva retallos dos tempos de gloria.

Relacións e descubrimentos

O protagonista-narrador bota unha man nos traballos da fonda da estación e vai collendo confianza co avó, que se lle converte nunha sorte de guía: logra inocularlle ao neto, futuro reporteiro, o gusto pola lectura. Tamén lle conta a historia de espionaxe na que participara sen querelo e vaille descubrindo aspectos do misterioso Waldemar narrados en contrapunto coa avoa.

Crises familiares

A visita dos tíos que traballan en Londres descóbrelle a verdadeira cara da emigración, así como outros aspectos da súa propia familia. Entre eles, o divorcio dos pais, que provoca unha crise no rapaz.

Desenlace

Pasa o tempo. A morte do avó reúne de novo os protagonistas, agora maduros, donos dos seus destinos e cos soños máis ou menos cumpridos. Algúns obxectos recuperados a xeito de herdanza serven para pechar a historia.

Download

PDF Word HTML