A Nova Narrativa Galega: Características, Autores e Etapas
Principais características da Nova Narrativa Galega (NNG)
- Argumento: Desaparece a historia argumental; non existe tampouco a estrutura tradicional de presentación, nó e desenlace. O «argumento» limítase a simples anécdotas ou sucesións de acontecementos cotiáns na vida dunha persoa. Isto provoca que os diálogos sexan absurdos e incoherentes.
- Temática: A temática afástase do ruralismo, do costumismo e da realidade para centrarse na morte e en estados psicolóxicos e patolóxicos de todo tipo: a tolemia, os soños. A violencia, a tortura ou a existencia de ambientes agresivos son tamén frecuentes en Carlos Casares ou en Méndez Ferrín.
- Simbolismo: Os personaxes son símbolos do ser humano, perdidos na súa propia terra.
- O narrador: Desaparece o narrador omnisciente: prefírese a primeira persoa protagonista ou o narrador obxectalista. Mestúranse diferentes voces narrativas e predomina o monólogo interior.
- O obxectalismo: As obras outorgan un protagonismo excesivo aos obxectos, que son descritos coma se o narrador fose unha cámara cinematográfica. Este obxectalismo constitúe unha crítica á sociedade «cousificada».
- O espazo: A localización espacial é imprecisa. Abundan os ambientes urbanos. Son frecuentes os espazos pechados en contraposición con escenarios moi amplos, que tamén se dan.
- O tempo: Rexéitase a cronoloxía lineal, polo que abundan os saltos temporais (analepses e prolepses). O tempo da historia tamén se reduce.
- Os personaxes: Os personaxes son antiheroes, adoitan ser anónimos e carecen de caracterización detallada.
Etapas da Nova Narrativa Galega
- Etapa de formación (1954-1964): Predomina a temática existencialista e o influxo de Kafka. Xa se manifesta o experimentalismo nas técnicas, mais os temas son moi variados.
- Etapa de auxe (1964-1968): A experimentación técnica e formal acada o máximo protagonismo. Destaca o predominio do obxectalismo.
- Etapa de liquidación (a partir de 1968): Vaise abandonando a experimentación formal á vez que o existencialismo é substituído por temas simbólicos ou de alegoría política.
Autores e obras representativas
Gonzalo R. Mourullo
Abre a NNG con Nasce unha árbore (1954) e escribe unha das obras emblemáticas con Memorias de Tains (1956), sete cartas angustiadas dirixidas a diferentes destinatarios.
Camilo Gonsar
En Cara a Times Square (1980), o narrador-protagonista diríxese a unha segunda persoa para relatarlle os sucesos do deambular nocturno polas rúas de Nova York na compañía dun estraño personaxe denominado «o Belga», ao que acabará empurrando ao mar.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Só unha parte da súa produción narrativa se pode encadrar estritamente na NNG: O crepúsculo e as formigas (1961) e Arrabaldo do norte (1964). Creou un mundo literario moi persoal arredor de tres eixos:
- A recreación da materia de Bretaña: Amor de Artur ou Arnoia, Arnoia.
- A exploración do absurdo e a angustia da vida humana, a violencia individual e institucional: O crepúsculo e as formigas, Arraianos.
- O mundo mítico persoal de Tagen Ata: Metáfora de Galiza que loita por conseguir a independencia de Terra Ancha. Neste apartado podemos encadrar Retorno a Tagen Ata e Bretaña, Esmeraldina.
A súa narrativa é ambigua e plurisignificativa, prestándose a novas interpretacións con cada lectura. Está dotada, ademais, dun ton nostálxico e dun fondo lirismo.
Carlos Casares
A súa narrativa asenta nunha gran capacidade inventiva, pero sempre parte de supostos realistas, cunha lograda caracterización de personaxes. Sitúase nun espazo concreto, pero sen deixar de incorporar procedementos innovadores. Propiamente á NNG pertence só o seu primeiro libro, Vento ferido (1967). Ao longo da súa obra aparecen reiteradamente as figuras eclesiásticas e o sufrimento e a morte derivados das tensións humanas, ademais dunha homenaxe á propia literatura. O seu estilo caracterízase polo dominio da forma breve, a contención expresiva, unha linguaxe clara e un conseguido ritmo.
María Xosé Queizán
Pioneira do movemento feminista galego, estréase con A orella no buraco (1965), novela que, baixo as técnicas do Nouveau Roman francés, recrea o deambular dun vagabundo nunha cidade europea.