A nova monarquía dos Reis Católicos: unión dinástica e reorganización político-administrativa

Greek5.37 KB

A nova monarquía dos Reis Católicos (unión dinástica e reorganización político-administrativa)

O matrimonio e a posterior subida ao trono de Isabel de Castela e Fernando de Aragón supuxo a creación dun novo Estado que será denominado Monarquía Hispánica. Esta entidade englobou a Coroa de Castela e a de Aragón. Trátase dunha unión dinástica, non dunha unificación política dos seus reinos. Estes tiñan en común as persoas dos reis que os gobernaban conxuntamente, pero cada reino mantiña a súa lexislación e as súas institucións propias.

Tras a conquista de Granada en 1492, o Papa concedeulles o título de Reis Católicos, e completaríase a súa expansión territorial na Península coa incorporación de Navarra á Coroa de Castela (1512), xa despois da morte de Isabel.

Os RRCC son considerados como os monarcas que inician a transición da Idade Media á Idade Moderna. Acometeron unha serie de reformas administrativas e políticas orientadas a fortalecer o poder dos monarcas fronte ao da nobreza, marcando o nacemento dunha monarquía autoritaria e forte e extinguindo a orde feudal. O proceso foi máis efectivo en Castela, en parte porque as circunstancias do acceso ao trono de Isabel, tras unha guerra pola sucesión coa súa sobriña (Xoana «A Beltranexa»), permitiron castigar á facción nobiliaria contraria (confiscación de señoríos, por exemplo).

Organización dun sistema de consellos

Comezou a organizarse un sistema de consellos para atender ás diversas áreas de goberno:

  • Reorganizouse o Consello de Castela (1480), que constituirá o principal órgano de goberno e instancia xudicial superior. A introdución de funcionarios reais con formación xurídica profesionalizou este organismo e minguou o poder da nobreza.
  • Creáronse outros consellos. Foron de dous tipos: os territoriais (Aragón, Navarra) e os temáticos (Facenda, Indias e Inquisición).

Reduciuse o papel das Cortes de Castela (onde se reunían os estamentos privilexiados e os representantes das principais cidades do reino) dado o auxe dos consellos. A súa importancia política foi decaendo e só foron convocadas para xurar aos herdeiros no seu cargo ou para reclamar algún subsidio extraordinario.

Novos cargos

  • Os secretarios reais, que se encargaban de mediar entre os diferentes consellos e os reis.
  • Os vicerreis, que representarían aos soberanos naqueles territorios que, pola súa distancia, facían imposible a presenza dos reis (como en América).

Sistema xudicial centralizado

Creouse un sistema xudicial centralizado, graduando a importancia dos tribunais: os corrixidores a nivel local, as Audiencias e as Chancelerías (con sedes en Valladolid e Granada) como tribunais reais de apelación, e o Consello Real de Castela como última instancia xudicial. O fortalecemento da xustiza real supuxo un duro golpe para a nobreza, ao impoñerse por riba do sistema xudicial feudal desempeñado polos señores nos seus territorios. En Aragón había unha audiencia para cada un dos reinos, pero alí os señores conservaban gran parte das súas atribucións xudiciais.

A nivel urbano instaurouse o cargo de corrixidor, posto de designación real que se encargaba do goberno municipal e tiña competencias administrativas, xudiciais e militares. A súa actuación freou o poder das oligarquías locais (nobreza e burguesía) en favor da autoridade real.

Seguridade e exército

A nivel de seguridade, destacan a organización da Santa Irmandade, un corpo policial creado para manter a orde pública e pacificar o mundo rural, e a creación dun exército permanente, pagado pola monarquía e independente da nobreza, aínda que esta conservaba os cargos relevantes.

Ademais, os Reis Católicos dotáronse dun corpo de embaixadores para potenciar a súa activa política exterior.

Política relixiosa

A política relixiosa foi tamén un dos medios utilizados para o reforzamento do poder real. Xunto coa figura do monarca, a única institución común aos reinos foi a Inquisición1 (1478), tribunal encargado de manter a ortodoxia relixiosa católica. Por medio dela buscábase a cohesión da poboación, e foi acompañada da represión ás outras confesións, como mostran a expulsión dos xudeus en 1492 ou as conversións forzosas de mudéxares2. Tamén fomentaron as regalías3, que supoñían, entre outras cousas, un control no nomeamento dos bispos.

A Coroa de Aragón

Na Coroa de Aragón as reformas tiveron menos importancia. A tradición pactista e a fortaleza das institucións forais limitaron a reafirmación da autoridade real. Con todo, Fernando conseguiu a fin dos malos usos nobiliarios da Sentenza Arbitral de Guadalupe e, debido ao absentismo do rei, nomeou un representante real (primeiro lugartenente, logo vicerrei) en cada estado de Aragón e creou o Consello de Aragón con amplas funcións políticas. A introdución da Inquisición, baixo o poder do monarca, reforzou as súas competencias nestes reinos. Malia a que a centralización castelá contrasta coa situación en Aragón, os Reis Católicos sentaron as bases do estado moderno e da monarquía autoritaria nos seus reinos.

Download

PDF Word HTML