Neotrobadorismo e Hilozoísmo: Vangardas na Poesía Galega

Employment training and career guidance3.31 KB

Neotrobadorismo

Neotrobadorismo

O descubrimento e a difusión da poesía medieval galego-portuguesa contribuíu á aparición dun ismo orixinal da literatura galega: o neotrobadorismo.

É un movemento fundamentalmente esteticista. O seu iniciador foi Fermín Bouza Brey, e o cultivador máis excelso foi Álvaro Cunqueiro. A poesía neotrobadoresca recupera recursos estilísticos da lírica medieval (paralelismo, refrán, leixapren) e está suxeita á estrofa, ó cómputo silábico e á rima. Esta poesía caracterízase por unha extraordinaria perfección formal.

O neotrobadorismo conecta o espírito dos Cancioneiros coa sensibilidade do século XX. As obras máis destacadas desta corrente son Nao senlleira (1933) de Bouza Brey e Cantiga nova que se chama Riveira (1933) de Cunqueiro.

O neotrobadorismo converteuse nunha moda, que continuou na posguerra, impóndose como unha actitude esteticista allea á dura realidade da ditadura franquista. Xosé María Álvarez Blázquez puxo fin a esta tendencia en 1953 coa publicación do seu Cancioneiro de Monfero, que fixo pasar por un auténtico cancioneiro do século XIII, levando ó extremo o xogo literario da imitación poética.

Hilozoísmo

Hilozoísmo

O seu iniciador e principal cultivador foi Luis Amado Carballo, poeta pontevedrés que, igual que Manuel Antonio, morreu moi novo (aos 26 anos) e só publicou un libro en vida, Proel (1927). Postumamente editouse O Galo (1928).

O hilozoísmo é unha corrente que combina a tradición paisaxística do século XIX cos recursos propios das vangardas. Os poemas aparecen como unha sucesión de imaxes plásticas encadeadas de tipo vangardista. O poeta fai unhas descricións da paisaxe onde o elemento humano case desaparece e, en troques, hai unha personificación de elementos inanimados da paisaxe, combinando, sobre todo, elementos visuais e auditivos. Isto lógrao mediante unha pintura impresionista moi rica en cores, o que lle dá ós seus poemas un aire sensorial e lúdico que conecta directamente coas escolas de vangarda.

A métrica é moi sinxela, baseada nas formas populares: versos curtos, con predominio do octosílabo, e rima asoante. Nunca prescinde do ritmo musical nin usa o verso libre.

Amado Carballo chegou a crear unha importante escola poética e o seu influxo prolongouse ata a década de 1960, cando a poesía de denuncia fai presencia na literatura galega.

Surrealismo

Xunto con Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro é o autor que máis participa dos movementos de vangarda. Co seu libro Mar ao norde (1932) xa se revela como poeta da liña vangardista. El é quen introduciu o surrealismo na nosa literatura co seu libro Poemas do si e non (1933), escrito baixo a influencia de Paul Éluard. Esta obra é a crónica dunha relación amorosa. Os poemas deste libro son profundamente abstractos e escuros. Neles rómpese a cadea sintáctica e son moi frecuentes as asociacións semánticas insólitas que producen imaxes completamente irracionais. O surrealismo de Cunqueiro é sentimental e deixa de lado o automatismo poético característico de moitos textos surrealistas.

Download

PDF Word HTML