Neolítico e Pobos Prerromanos da Península Ibérica
Neolítico
Neolítico é o período da Prehistoria no que os seres humanos realizan o paso de cazadores-recolectores a produtores de alimentos. Os cambios que esta transformación orixinou foron moi profundos e tiveron tantas consecuencias que os historiadores cualifícanos de revolución neolítica. Con respecto ao Paleolítico destacan os seguintes:
- Económicos: introdución da economía produtora baseada na agricultura e na gandaría, fronte á economía predadora* do Paleolítico. A recolección, a caza, a pesca e o marisqueo mantéñense como actividades complementarias.
- Sociais: fronte ao nomadismo do Paleolítico, a actividade agropecuaria propicia que os grupos humanos se establezan en determinados lugares, dando orixe aos primeiros poboados estables. Ademais, o sedentarismo e os excedentes agrarios do Neolítico permiten a crecente especialización das tarefas e, como consecuencia, a estratificación social.
- Técnicos: no Neolítico as ferramentas de pedra elabóranse coa nova técnica do pulido, de modo que se conseguen mellores superficies cortantes que coa técnica de lascas característica do Paleolítico. Ademais, créanse novas ferramentas necesarias para as actividades agrícolas como fouces, eixadas e muíños de man; tamén aparece a cerámica, necesaria para almacenar, conservar e transportar alimentos.
- Culturais: a necesidade de contar con boas colleitas orixina o nacemento do culto ás forzas da natureza e, con iso, as primeiras formas de relixión. O sedentarismo fai que os mortos permanezan xunto aos vivos, aparecendo outra forma de carácter relixioso: o culto aos defuntos. A rapina e a guerra tamén teñen a súa orixe nesta época polo desexo de arrebatar aos veciños os seus bens.
Os primeiros indicios da presenza de elementos neolíticos na Península Ibérica remóntanse aos inicios do VI milenio a.C. Os cambios introducidos procedían de Oriente Próximo, combinados con elementos autóctonos na súa evolución, e foron penetrando no interior a partir da costa do Mediterráneo en fases sucesivas. A primeira fase comezou no VI milenio a.C. nas zonas da costa catalá, levantina e andaluza, onde son característicos os restos da cerámica cardial (decoración impresa feita coas cunchas de berberecho, cardium edule). Na segunda fase, nos inicios do IV milenio a.C., o Neolítico expandiuse polo resto da península, destacando no interior da actual Cataluña os enterramentos individuais con enxoval cubertos con lousas de pedra (sepulcros de foxa). En Galicia, o Neolítico presenta moitas dificultades no seu estudo pola falta de vestixios claros.
Desde o punto de vista artístico
A pintura e a escultura evolucionan desde as formas naturalistas e polícromas do Paleolítico, realizadas nas paredes dos refuxios e covas (Cova de Altamira), ata o esquematismo e mesmo a abstracción, incorporando a figura humana nas representacións e realizando as pinturas con tintas planas monocromáticas (pinturas parietais da zona levantina: Cogull, Alpera, Valltorta...).
Pobos prerromanos
Os historiadores agrupan baixo o concepto de pobos prerromanos aqueles que habitaban a Península Ibérica e que entraron en contacto con Roma. Aceptando este criterio, non sería correcto incluír a pobos e culturas xa desaparecidas cando iniciaron a conquista os romanos, caso de Tartessos.
En termos xerais, os pobos prerromanos peninsulares desenvolvéronse durante a Idade do Ferro (séculos X/IX a.C.-218 a.C.) e, sobre o substrato indíxena do Bronce final, recibiron influencias mediterráneas das colonizacións fenicia, grega e cartaxinesa, así como da céltica centroeuropea. En xeral, foron pobos que habitaron en poboados fortificados e que se mantiveron independentes sen chegar a formar unha unidade política superior. Moitos dos seus trazos podemos coñecelos grazas ás descricións que deles fixeron os historiadores gregos e romanos (Estrabón, Mela, Plinio...).
Pobos do sur e do levante
Eran pobos autóctonos (turdetanos, ilercaones...) que evolucionaron influenciados polos colonizadores gregos e fenicio-púnicos, dando orixe á cultura ibérica. Os seus poboados presentan unha planificación urbanística, e algúns deses pobos posuían escritura e moeda. Entre os séculos V-III a.C. alcanzaron un gran desenvolvemento social e político, con elites que controlaban a economía e a forza militar e que actuaban a modo de monarcas. Destacan as tumbas e os seus enxovais, así como as esculturas funerarias (Dama de Elche, Dama de Baza). Estes pobos caeron, no século III a.C., primeiro baixo o dominio dos cartaxineses e despois dos romanos.
Pobos da Meseta
A tradición indoeuropea e céltica é apreciable nos pobos indíxenas do interior da Meseta, mentres que no curso alto do río Douro e no medio do Ebro tamén se detecta a influencia ibérica, polo que se denomina celtibérica. O hábitat instálase en poboados fortificados e os seus habitantes practican a agricultura de cereal e a gandaría ovina. Destacaron no dominio da metalurxia do ferro e na cerámica pintada con variadas escenas, pero a escultura é ruda e pouco realista (Touros de Guisando).
Pobos do norte e do occidente
No norte, ademais dos cántabros e ástures, destacaron os vascóns, un pobo illado xeográfica e culturalmente, no que destaca a existencia dunha lingua propia e diferenciada de todas as demais. No noroeste (co límite leste no río Sella e no sur no Douro) desenvolveuse a cultura castrexa, así chamada polo seu poboado característico: o castro*. Estaban emprazados tanto no cumio dos outeiros como nas chairas e penínsulas, e o conxunto das vivendas, construídas en pedra e a maioría de planta redondeada, están protexidas por defensas (murallas terreiras, foxos, terrapléns). Non tiñan escritura e a economía era basicamente agraria e gandeira, alcanzando un notable desenvolvemento a minaría e a metalurxia. Elaboraron unha rica e variada ourivería en ouro (torques, arracadas, diademas...), que contrasta coa escultura en pedra, de menor perfección. Coñecemos pouco do seu panteón e menos dos seus ritos funerarios. Esta cultura castrexa evolucionará ao entrar en contacto con Roma, dando lugar á cultura galaico-romana.