Neolítico e Culturas do Ferro na Península Ibérica
O Neolítico na Península Ibérica
O Neolítico comeza na Península Ibérica co inicio do VI milenio a.C. É unha etapa da Prehistoria caracterizada por un desenvolvemento económico, social e cultural procedente do Próximo Oriente que se combina con trazos autóctonos na súa evolución, e penetra cara o interior en fases sucesivas desde o Mediterráneo entre o VI e o IV milenio a.C.
Esta nova etapa é posible pola confluencia do quentamento climático (fin da última glaciación) e a diversificación económica, coa recolección e o marisqueo complementando a caza, que esixe tamén diversas industrias líticas. Aparecen a agricultura e a gandaría (domesticación de animais), que é a actividade predominante na Península polas condicións favorables do terreo, e con elas a sedentarización e os primeiros poboados permanentes. Ambas tarefas e a obtención controlada de alimentos dan lugar á división do traballo e ás diferencias sociais.
Fases do Neolítico
A primeira fase do Neolítico comeza no VI milenio a.C. en Levante, Andalucía e Cataluña e desenvólvese a cerámica cardial, con decoración impresa coas cunchas de berberecho (cardium edule).
A segunda fase comeza no IV milenio a.C., cando o Neolítico expándese polo resto da Península, con asentamentos nas dúas Mesetas, no val do Ebro e no País Vasco. Destaca en Cataluña o desenvolvemento da cultura dos sepulcros de foxa, tumbas individuais con enxoval, cubertas con lousas de pedra.
Cambios respecto ao Paleolítico
- Economía: pasa de ser unha economía predatora baseada na caza e na recolección a unha economía produtora de alimentos baseada na agricultura e na gandaría. Manteñen a caza, a pesca, o marisqueo e a recolección como actividades complementarias.
- Sociedade: o poboamento paleolítico caracterizábase por pequenos grupos nómades que habitaban en covas, abrigos rochosos ou pequenas cabanas ao aire libre. No Neolítico, o novo modelo económico produce especialización e división do traballo e, por tanto, unha estratificación social. Son grupos de maior tamaño, sedentarios e agrupados en poboados, aparecendo as primeiras vilas.
- Cultura: durante o Paleolítico, a industria lítica é a pedra tallada. Destaca a arte rupestre na Cornixa Cantábrica (apenas aparece a figura humana). No Neolítico aparecen a pedra pulimentada, a madeira, o óso, o corno e a cerámica, imprescindible para o almacenamento, conservación e transporte dos alimentos. A industria diversifícase co desenvolvemento de útiles agrícolas como as fouces, as eixadas ou os muíños de man. Aparece a arte esquemática levantina, con predominio da figura humana nos abrigos rochosos, máis estilizada e abstracta que no Paleolítico.
As Culturas do Ferro
Son as chamadas Culturas do Ferro (800 a.C. ata 218 a.C., comezo da colonización romana), que reciben influencias de pobos mediterráneos como fenicios, gregos e cartaxineses, e tamén de Centroeuropa, como os celtas.
Pobos do sur e do Levante
- Tartessos: é a cultura máis antiga do I milenio a.C. Esténdese por Andalucía occidental e o sur de Portugal. O período de máximo esplendor comprende entre os séculos IX e VII a.C. A súa economía estaba baseada na agricultura e a gandaría, pero tamén na explotación mineira. Comerciaban cos fenicios, intercambiando metais por produtos elaborados que compraba a elite da sociedade tartéssica. Os fenicios influíron decisivamente nos seus ritos funerarios. A sociedade estaba estratificada. A partir do século VI a.C. entran nunha fase de decadencia.
- Iberos: a cultura ibera propágase polo levante peninsular, desde Cádiz ata o Pirineo, pero a zona de maior influencia localízase entre os vales do Ebro e o río Guadalquivir. É unha cultura homoxénea con influencias gregas e cartaxinesas, con trazos básicos procedentes da evolución autóctona dos pobos da Idade do Bronce. Vivían en poboados fortificados, xa con planificación urbanística, e a súa economía estaba baseada na agricultura, na gandaría e no comercio cos estranxeiros. Entre os séculos V-III a.C. os pobos iberos acadan un gran desenvolvemento social e político, cunha elite dirixente que controla a produción agraria e exerce o dominio pola forza militar. Nalgunhas poboacións xorden líderes, próximos quizais á figura do monarca. Nas tumbas aparecen enxovais funerarios con armas (a tradicional espada falcata ibera). Posuían unha lingua propia escrita, aínda non descifrada. Na arte destaca a súa escultura funeraria: a Dama de Elche, a Dama de Baza ou a Bicha de Balazote. Foron sometidos ao dominio cartaxinés no século III a.C., cortándose o seu desenvolvemento.
Pobos da Meseta
Celtiberos: conxunto moi variado de pobos con orixes escuras e confusas. Hai elementos culturais iberos, celtas e autóctonos. A economía é agraria. A sociedade estaba dividida en tribos, encabezadas por unha aristocracia dirixente. Habitaban en poboados pequenos e fortificados. Destacan na metalurxia do ferro.
Pobos do occidente
Castrexos: habitan nos castros, poboados defendidos por fortificacións como murallas, terrapléns e foxos, con vivendas de planta redondeada. A extensión ocupa entre o río Sella, no leste, ata o Douro, no sur. Desenvólvense durante a Idade do Ferro. Aparecen a partir dun substrato indíxena do Bronce Final sobre o que actúan influencias culturais indoeuropeas prehistóricas e célticas. A cronoloxía esténdese desde o século VIII a.C. ao I d.C. Coa romanización evolucionan á cultura galaico-romana. A economía estaba baseada na agricultura e na gandaría, ademais da minaría e da metalurxia. Sociedade estratificada.