O Movemento Obreiro en España Ata a Crise da Restauración
O movemento obreiro ata a crise da Restauración
O desenvolvemento da industrialización, o capitalismo e a transformación do réxime de propiedade e de explotación agraria provocaron o endurecemento das condicións da clase traballadora, xa que había que seguir o ritmo das máquinas e cumprir longas xornadas de traballo con baixos salarios. Así, os campesiños empobrecéronse e os xornaleiros quedaron sen medios propios. Organízanse cada vez máis en defensa dos seus intereses (salarios, redución de xornada, seguridade) e máis tarde comezan a reivindicar globalmente dereitos sociais.
Formas iniciais de loita obreira
O ludismo
Na década de 1820-1830, co comezo dos indicios de industrialización e a introdución de máquinas, teñen lugar unhas reaccións obreiras baseadas na destrución de máquinas por consideralas a causa do desemprego e da súa desgraza. Estas accións tiveron pouca repercusión ao seren puntuais e espontáneas, como as de Bonaplata e a Fábrica de Tabacos da Coruña. Anos despois aínda se recollen noticias relacionadas co ludismo, como a do DOC 1: ''O luns 7… cigarreiras (...) apenas… adoitaban (...) Alporizáronse… libros de caixa''.
As folgas e as sociedades de resistencia
As folgas foron o medio máis eficaz de loita. Realízanse cando as negociacións entre patróns e obreiros fracasan. Para que teñan éxito deben planificarse, ter o apoio dos traballadores e contar con fondos comúns para atender as necesidades dos folguistas.
As sociedades de resistencia e os sindicatos de oficio xorden tras a disolución dos gremios e a prohibición da formación de asociacións, aparecendo baixo aparencia de carácter mutualista e benéfico. En 1839 apróbase unha lei que permite ás sociedades de socorros mutuos, o que produce melloras salariais e unha redución da xornada laboral. Ademais, aparecen caixas de resistencia, cooperativas e montepíos para facer fronte ás enfermidades, á morte, aos despedimentos, etc.
No Bienio Progresista volven autorizarse e despois son permitidas e suspendidas en varias ocasións ata que en 1887 se produce a autorización definitiva (DOC 2: ''Señores Deputados das Cortes Constituíntes… individuo (...) nin que matedes a concorrencia (...) nin que carguedes sobre o Estado a obriga de socorrernos (...) Pedímosvos… atender aos nosos intereses'').
A aparición dos sindicatos xerais e partidos obreiros
Os sindicatos xerais e partidos obreiros xorden en 1864, cando se funda en Londres a AIT (Asociación Internacional de Traballadores) co obxectivo de loitar pola unión dos traballadores do mundo e pola súa emancipación. Non obstante, isto ocasiona enfrontamentos entre anarquistas e socialistas, xa que os primeiros queren a destrución do Estado mentres que os socialistas aspiran a que os traballadores tomen o control do mesmo.
O anarquismo en España
En canto ás organizacións anarquistas en España, xorden no Sexenio Revolucionario coa Federación Rexional Española, integrada na AIT e cun maioritaria presenza anarquista (seguidora de Bakunin), a cal sentía gran temor polos empresarios e políticos moderados. Os obxectivos dos anarquistas eran:
- A destrución do Estado.
- A eliminación de calquera tipo de autoridade.
- A supresión da propiedade privada.
- A instauración da propiedade colectiva.
- A eliminación das diferenzas socioeconómicas.
Para eles, a sociedade debe organizarse en comunas nas que as decisións son asemblearias.
A Restauración Borbónica dá lugar a unha represión obreira e á prohibición de actividades en 1874, tendo lugar a súa disolución en 1881. A opinión contraria ao movemento obreiro defendendo a burguesía aparece no DOC 3: ''E vencidos… Asociación Internacional''.
A finais do século XIX os anarquistas están moi activos pero desunidos. Hai distintos partidarios que actúan de diversas formas:
- Uns o fan por medio dos sindicatos (FTRE).
- Outros apoian a folga xeral revolucionaria (en 1910 fundase a CNT despois da represión da Semana Tráxica, apoiada polo campesiñado andaluz e polo proletariado industrial catalán).
- Por último, están os partidarios da acción terrorista (xorde A Mano Negra, que actúa entre 1882 e 1883).
O socialismo marxista
O socialismo marxista é introducido en España polo xenro de Marx en 1871. Os seus obxectivos principais eran a loita de clases para modificar a inxusta sociedade capitalista. O proletariado debía organizarse en sindicatos e partidos políticos para tomar o poder e realizar os cambios necesarios co fin de conseguir:
- A ditadura do proletariado.
- A expropiación da propiedade privada e dos medios de produción e financeiros, que pasarán a ser do Estado.
- A colectivización e socialización dos medios de produción para que todos os individuos teñen mellores condicións de vida e desaparezan as clases sociais, dando lugar a unha nova sociedade.
Así, Pablo Iglesias, líder desta ideoloxía, pon en marcha o socialismo en España con tres elementos básicos:
- Un partido político: PSOE.
- Un sindicato: UGT.
- Unha publicación: ''El Socialista''.
Anos despois celebrouse a II Internacional (1889), na que se estableceron acordos sobre a conquista do poder político polos traballadores, e no Primeiro de Maio decidiuse que a xornada laboral durase 8 horas. En 1919 creouse un novo congreso, a III Internacional, na que se debatiu sobre a conveniencia de seguir ou non o modelo soviético. Isto último seguíao un sector das xuventudes socialistas que acabaron separándose e formando o PCE (Partido Comunista de España) en 1921.
O movemento obreiro durante a Ditadura de Primo de Rivera
Na ditadura de Primo de Rivera as forzas obreiras sofren unha dura represión e, en consecuencia, o número de folgas diminúe. Os sindicatos son suprimidos, pero créase a Organización Corporativa do Traballo, cuxas funcións son:
- Regulamentar as relacións entre o capital e o traballo.
- Resolver as diferenzas entre obreiros e patróns.
- Restaurar a disciplina do traballo e incrementar a produción.
Ademais, créanse comités paritarios por oficios e corporacións, cun presidente nomeado polo Goberno, os cales regulan os salarios, os conflitos laborais e as obras de asistencia social para os obreiros. Como consecuencia, o mundo do traballo participa nos movementos de oposición que levan ao remate da ditadura.
Conclusión
En conclusión, ao longo do século XIX os obreiros buscan defenderse dos abusos do capitalismo e, para elo, poñen en marcha o movemento obreiro, que se desenvolve con moitas dificultades. Lamentablemente nace dividido e, unicamente en situacións extremadamente graves como na crise de 1917, busca a unión, tal como reflicte o DOC 4: ''O proletariado… goberno (...) os representantes… de vida (...) imponse que o proletariado empregue a folga xeral''.