Manuel Antonio e a Vangarda Galega: De Catro a Catro (1928)
Manuel Antonio e a poética vangardista
O que se mantén é a temática e o ton desesperanzado que xa predominaba na etapa anterior.
De modo xeral, a poética de Manuel Antonio caracterízase pola ruptura discursiva e a ausencia de argumento no poema; pola creación de imaxes autónomas con respecto á realidade; pola presenza constante dun referente mariño e polo transfondo existencial dos poemas.
A liña estética trazada por Manuel Antonio nace e morre con el, é dicir, non imitou a ninguén e viceversa, non quixo seguir mimeticamente os ismos da época, senón que asimilou con criterio propio elementos dos mesmos, principalmente do Creacionismo, como o emprego de numerosas voces estranxeiras, a procura da imaxe poética polipétala, impactante e orixinal, a introdución no poema de discursos diferentes ao poético (clave morse, fórmulas químicas, sons onomatopeicos, cantigas populares...), a presenza de elementos propios da linguaxe científica e tecnolóxica da época, a ausencia de ritmo e rima, o heterosilabismo dos versos, a parodia de certos elementos románticos...
Do cubismo e do futurismo son o valor significativo dos espazos en branco e as peculiares disposicións dos versos que presentan os seus poemas.
De catro a catro (Nós, 1928)
De catro a catro (Nós, 1928) é o único libro editado por Manuel Antonio en vida. Parece que foi escrito durante 1926-27, no transcurso das primeiras navegacións do poeta no pailebote "Constantino Candeira", en calidade de piloto, a cuxo capitán vai dirixido o libro. Sábese tamén que Dieste o axudou na selección e ordenación dos 19 poemas que compoñen o libro, que leva por subtítulo "Follas sen data dun diario de bordo".
O seu carácter vangardista vén avalado polos seguintes trazos:
- a) Ruptura temática coa literatura galega anterior.
- b) O versolibrismo e a non utilización de tipos de estrofa ríxidos.
- c) A peculiar construción rítmica dos versos e a ausencia case total de rima.
- d) A ruptura gramatical e semántica do poema.
- e) A disposición tipográfica dos versos e o emprego dun léxico novo.
- f) O predominio da imaxe de corte creacionista no poema.
Lectura e interpretación
A lectura profunda do poemario é obxecto de debate nos últimos anos entre os estudosos do mesmo. Téñense formulado dúas liñas interpretativas básicas.