As Linguas da Península Ibérica e a Literatura Galega
As linguas da península ibérica
Máis do 40% da poboación vive en territorio no que o castelán convive con outra lingua oficial. Ademais do castelán, lingua oficial en todo o territorio, hai outros idiomas que contan co status de cooficialidade nas respectivas comunidades autónomas.
A Constitución española sinala o plurilingüismo do Estado e establece a cooficialidade do castelán coas outras linguas españolas. O castelán é a lingua española oficial do Estado. As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural.
No ano 1981 apróbase o Estatuto de Autonomía de Galicia, que declara que o galego é a lingua propia de Galicia, oficial xunto co castelán. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego.
En Portugal hai dúas linguas oficiais: o portugués e o mirandés. Nove países teñen como lingua oficial o portugués.
As grandes similitudes entre o galego e o portugués facilitan a comunicación dos galegos con 250 millóns de cidadáns de Europa, África e Iberoamérica que falan esta lingua irmá.
A literatura medieval
Cantigas de Santa María
427 cantigas en honra da Virxe foron compostas na corte toledana de Afonso X o Sabio, por un equipo de trovadores dirixido polo rei. Consérvanse en catro códices, ilustrados con fermosas miniaturas e acompañados da notación musical.
Clasificación
Narrativa (milagres realizados pola Virxe) e líricas (composicións en forma de oracións, loanzas e cancións en honra de María). As cantigas de loor, que se intercalan entre cada nove cantigas narrativas, son unha especie de cantigas de amor ao xeito relixioso, nas que a Virxe é a dona a quen eloxia e ama o rei trobador.
Temática
Os temas e as situacións son moi variados. Relatan milagres intrascendentes; noutras se manifestan situacións verdadeiramente sobrenaturais. As cantigas representan todas as clases sociais e constitúen un documento realista da sociedade da época. O argumento non é inventado polos autores, como era habitual na Idade Media, senón recreacións procedentes de fontes diversas: coleccións medievais de milagres, lendas e narracións latinas, relatos orais e acontecementos persoais.
Prosa medieval
Tivo menor cultivo que a lírica. Hai dous tipos: ficción (versións ao galego de obras que circulaban por Europa e que acadaran grande éxito) e non narrativa (obras de carácter histórico).
FICCIÓN:
- Ciclo clásico: relatos sobre a guerra e destrución de Troia.
- Ciclo bretón: narran as aventuras do rei Artur e dos Cabaleiros da Táboa Redonda. Conservamos o Libro de José de Arimatea, que conta como recolle o derradeiro sangue de Cristo no Graal; un fragmento de Merlín e a Demanda do Santo Graal, que narra as aventuras dos cabaleiros da Táboa Redonda na procura do milagroso vaso. Tamén a historia dos amores tráxicos de Tristán e Isolda.
- Milagres de Santiago: versión ao galego do Codex Calixtinus, unha compilación de textos xacobeos. A obra narra os milagres do Apóstolo Santiago e describe a catedral de Santiago. O obxectivo da obra era enxalzar o Apóstolo e promover a peregrinación a Santiago.
NON NARRATIVA:
- Historiográfica: conxunto de narracións históricas.
- Xurídica e didáctica: ordenanzas municipais, tratados sobre enfermidades e coidado de animais, regulamentos dos gremios.
Literatura dos séculos XV a XVIII
XV-XVII: a situación cambia radicalmente e comeza un longo período de decadencia, que se prolongará durante os séculos XVI a XVIII. Perde o seu anterior prestixio e vese relegada ao ámbito oral e familiar. A literatura galega enmudece e vese privada dunha continuidade. As manifestacións literarias son de carácter oral, anónimo e popular.
Poesía: cantigas e romances populares (cantigas de berce, amorosas, romances de cego, coplas de maio, desafíos, regueifas, cantigas sobre tarefas cotiás; moitas sobreviven no noso folclore. A partir dos séculos XVIII e XIX comezarán a ser recollidas por escrito). Poesía de circunstancias (composicións anónimas sobre feitos históricos e sociais que causaron un grande impacto: dous poemas sobre a execución do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo, Pranto da Frouseira, as coplas do saqueo de Cangas polos turcos). Textos renacentistas e barrocos (dos séculos XVI e XVII: Soneto de Monterrei, composición anónima renacentista; décimas ao Apóstolo Santiago do crego Martín Torrado; Exequias da raíña Margarida: dous sonetos escritos con motivo da morte da raíña Margarida; Aracana Nação, soneto da condesa de Altamira; tamén os 9 romances presentados ao concurso das festas minervais). Panxoliñas e cantigas de Nadal (moi populares e interpretadas en moitas igrexas e catedrais, tanto na nosa terra como en Toledo, Coimbra e Lisboa).
Teatro: conservamos dúas pezas breves e fragmentarias. A obra máis importante deste período é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, que trata dos conflitos entre os pescadores galegos.
XVIII: os ilustrados recuperaron o cultivo literario do noso idioma. Frei Martín Sarmiento realiza importantes estudos sobre a lingua galega e reivindica o seu emprego no ensino, na Igrexa e na Administración. Diego Antonio Cernadas e Castro foi autor de 24 poemas en galego nos que fai unha loanza da nosa terra.