Lingua e prosa galega entre 1936 e 1975: Historia e autores

Greek8.52 KB

O galego entre 1936 e 1975

Tras a paréntese da Guerra Civil, sobrevén un longo silencio que se quebrará moi lentamente. A Guerra Civil foi acompañada dunha cruenta represión, que erradicou todo o que tivese que ver coa esquerda ou co galeguismo. Esta situación mantense ata 1975, aínda que houbo unha certa resistencia política e cultural.

1. Situación lingüística e cultural

A represión cultural foi enorme: o esforzo dun século enteiro foi destruído (editoriais, revistas, institucións... todo o que fora creando as bases da recuperación cultural de Galiza).

A política lingüística foi represiva, tanto no ensino como na Administración e nos medios de comunicación. Isto provocou unha brusca mudanza de hábitos lingüísticos nas capas máis novas da sociedade.

O novo poder político consagra o ideal de uniformización lingüística e cultural de España. Para o franquismo, o único pobo (o español) precisa dun único idioma (o español). As linguas non castelás son rebaixadas (errónea e intencionadamente) á categoría de dialectos.

A lingua cultural galega mantense en América, nos centros galegos de Cuba, Venezuela, México ou Arxentina, onde viviron escritores como Castelao, Dieste, Blanco Amor ou Luís Seoane.

Na Galiza recupérase lentamente o ritmo de publicacións en galego. Os primeiros libros son de finais dos anos 40, coa colección de poesía Benito Soto, ao tempo que o xornal santiagués La Noche inicia a publicación dun suplemento cultural con textos en galego.

En 1950 aparece a Editorial Galaxia, fundada por galeguistas da liña culturalista, que crea a colección Illa Nova, difunde as obras da chamada Nova Narrativa Galega e promove publicacións periódicas como Grial.

Nos anos 60, coincidindo cun certo aperturismo do réxime, xorden asociacións culturais (O Galo, O Facho...) e partidos galeguistas clandestinos (UPG, PSG), que reivindican o dereito á autodeterminación. En 1963 permíteselle á RAG celebrar o centenario da publicación de Cantares Gallegos, co que se instaurou a celebración do Día das Letras Galegas. En 1965 créase a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela e tres anos despois, o centro investigador do Instituto da Lingua Galega.

Nos anos 70, ao labor de Galaxia únense outras editoriais como Xerais e Sotelo Blanco, e prodúcese unha leve recuperación lingüística.

2. A lingua na sociedade do momento

A castelanización da sociedade aumenta debido a factores como:

  • Un importante número de galegos tivo que emigrar cara a América e alí adaptáronse á nova lingua e mesmo fixeron diso un sinal de progreso social.
  • A partir dos anos 60 hai un novo auxe industrial nas cidades, que fixo aumentar a súa poboación e, polo tanto, a castelanización, porque é nas cidades onde máis tiña avanzado o castelán.
  • No ensino, o español foi a lingua empregada exclusivamente, aínda que nos derradeiros anos da Ditadura se ergueron voces de protesta e apareceron profesionais que impartían as súas clases en galego.

Estes factores e outros (Igrexa, medios de comunicación...) fixeron que moitos cidadáns adaptasen o esquema diglósico castelán-galego, co emprego da lingua oficial para as funcións elevadas ou para falar cos descoñecidos, e do galego para os usos familiares ou coloquiais entre amigos ou entre iguais. Moitos educaron aos fillos en castelán, rompendo a transmisión da lingua ás novas xeracións.

A prosa entre 1936 e 1976

A Guerra Civil, que puxo fin a unha etapa cultural brillante na nosa literatura, tamén afectou á narrativa, que non reaparece ata a publicación de A xente da Barreira (1951), novela de Carballo Calero centrada no tema da fidalguía.

En 1950 créase a Editorial Galaxia. Os verdadeiros impulsores do proxecto (Ramón Piñeiro, Fernández del Riego e García-Sabell) van orientar o seu labor nas seguintes direccións:

  1. Recuperar a ligazón coa tradición cultural de preguerra (Otero, Cabanillas).
  2. Reintegrar á cultura galega autores que optaran polo silencio (Fole, Cunqueiro).
  3. Reivindicar a validez do galego como vehículo de alta cultura.
  4. Incorporar as novas xeracións ao labor galeguista (Xohana Torres, Méndez Ferrín).

Os renovadores da prosa e liñas temáticas

a. O realismo popular

Caracterizado pola ambientación rural, o marcado dialectalismo lingüístico, a sinxeleza argumental e o humorismo, ten como iniciador nos anos 50 a Ánxel Fole.

Fole publica en 1953 Á lus do candil, conxunto de 14 relatos narrados en 1ª persoa, seguindo as técnicas do contacontos. Fole recorre ao amplo repertorio da mitoloxía popular para reelaborar lendas de lobos, aparecidos, meigallos...

Outras obras de Fole son Terra brava (1955) e Contos da néboa (1975).

b. O realismo máxico

Asociado a Álvaro Cunqueiro, no conxunto da súa obra hai unha serie de trazos comúns que o converten no escritor galego dotado dun mundo literario máis persoal:

  • Disgregación da novela: construída a base de relatos que se acumulan.
  • Predominio da oralidade no estilo: o modelo estilístico é o conto de tradición folclórica, reforzado pola lingua chea de arcaísmos e dialectalismos.
  • Entrecruzamento do extraordinario co cotián: a mestura de realidade e fantasía, de personaxes populares e personaxes míticos é frecuente.

A primeira obra narrativa de Cunqueiro é Merlín e familia (1955), onde retoma personaxes de lendas medievais bretonas, pero instalados en Galicia, na terra de Miranda. Outras novelas son As crónicas do Sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961).

Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979) son pequenos relatos, semblanzas de personaxes galegos, reais ou imaxinarios, cheos de fantasía e de humor, nos que as técnicas de oralidade son frecuentes.

c. O realismo social

Ten a Eduardo Blanco Amor como máximo expoñente, quen alcanzou os máis altos cumes da literatura galega con tres obras ambientadas no seu Ourense natal:

A esmorga (1959), obra emblemática da literatura galega, iníciase cunha «Documentación» onde un narrador primeiro explica como chegou a obter información do que se relata a seguir: os sucesos ocorridos durante un día de esmorga ao Cibrán (o Castizo), ao Bocas e ao Milhomes e o seu tráxico desenlace. Novela de múltiples lecturas e interpretacións, destaca pola continuada crítica social, pola novidade temática (ambientación urbana e marxinal), polas novidades técnicas (o fío telefónico), pola innovación lingüística e polos elementos simbólicos (a chuvia).

Os biosbardos (1962) son sete relatos breves que presentan como trazos comúns a narración en 1ª persoa, o protagonismo adolescente, a ambientación urbana e a localización temporal (principios do século XX).

Xente ao lonxe (1972) é unha novela de acción complexa que trata da evolución do socialismo en Ourense e provincia a comezos do século XX, mais tamén é a crónica da familia Vilar, desde o nacemento do derradeiro dos fillos ata a inminente morte do pai. Nesta novela conflúen varias voces narradoras, que proporcionan enfoques diferentes da realidade, e multitude de personaxes.

d. O socio-costumismo

Representado por Xosé Neira Vilas quen, desde o realismo crítico, reflicte os temas da vida do neno rural e da emigración.

Memorias dun neno labrego (1961) é unha novela de estrutura moi sinxela que afonda no subdesenvolvemento dun grupo de xentes aldeás. Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977) comparten coa anterior o protagonismo infantil.

En Xente no rodicio (1965) o protagonismo adulto aparece nunha sociedade campesiña condenada á emigración e á autodestrución. Tanto pola temática como polas técnicas narrativas, esta obra insírese dentro da Nova Narrativa.

Camiño bretemoso (1967) e Historias de emigrantes (1968) céntranse na visión dos problemas xerados pola emigración forzosa.

Download

PDF Word HTML