Inglaterra Victoriana: Progreso, Política e Imperio

Greek4.64 KB

Tema 5: Estabilización e desenvolvemento dos grandes Estados nacionais

A finais do século XIX, o Reino Unido e o Imperio Alemán eran as potencias hexemónicas en Europa, mentres Francia vivía a Terceira República. Os imperios austrohúngaro e ruso evidenciaban síntomas de decadencia. Estados Unidos e Xapón configuráronse como potencias emerxentes.

Tras a guerra franco-prusiana de 1870, o foco de conflitos estivo nos Balcáns. O canciller alemán Bismarck foi o árbitro da diplomacia internacional ao establecer un sistema de alianzas para garantir a paz e manter a hexemonía alemá en Europa. Tras a súa caída en 1890, as relacións internacionais cambiaron e dos Sistemas Bismarckianos pasouse ás crises políticas e á Paz Armada (1890-1914), [antesala da Primeira Guerra Mundial].

A sociedade xurdida renovou os gustos estéticos. Do Romanticismo pasouse ao Realismo, ao Impresionismo e ao Modernismo.

As grandes potencias europeas

1.1. A Inglaterra victoriana

Durante o reinado de Victoria I (1837-1901), o Reino Unido viviu unha época de progreso material, estabilidade política e expansión ultramarina que se prolongou ata a Primeira Guerra Mundial.

As bases económicas e políticas da era victoriana

A prosperidade material foi a base económica da Inglaterra victoriana:

  • A produción de manufacturas aumentou con rapidez.
  • O liberalismo fortaleceu ao Reino Unido como primeira potencia económica.
  • A rede ferroviaria e a súa mariña mercante facilitaron o progreso comercial.

O benestar económico posibilitou o desenvolvemento do liberalismo político:

  • Monarquía constitucional
  • Parlamento elixido por sufraxio censitario
  • Bipartidismo
  • Aplicación pacífica e ordenada de reformas

O Partido Conservador (tories) e o Partido Liberal (whigs) establecían quendas no poder en función de que un ou o outro acadasen a maioría nas eleccións xerais á Cámara dos Comúns. Esta outorgaba a confianza ao primeiro ministro, que era nomeado pola raíña.

Cada partido respectaba os logros do goberno precedente, aínda que aplicaba a súa propia política. Os liberais introduciron o voto secreto, a institución pública estatal e a legalización das unións de traballadores, antes toleradas. Os conservadores ampliaron a lexislación social e promulgaron leis relativas ao traballo en minas e fábricas. A aparición do Partido Laborista (1906), de base obreira, rompeu a quenda de partidos tradicionais.

As reformas electorais

A sociedade demandaba reforma electoral, pois o número de deputados non era proporcional ao novo reparto da poboación e só os grandes contribuíntes tiñan dereito a voto. Sucesivas leis equilibraron o número de votantes e ampliaron a base electoral. A finais de século podían votar tres cuartas partes dos varóns adultos, pero quedaban excluídos os traballadores agrícolas, o servizo doméstico e as mulleres.

O problema de Irlanda

Invadida polos ingleses no s. XVII, Irlanda quedou incorporada como un novo reino a Gran Bretaña, que pasou a chamarse Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda en 1801. Os irlandeses tiñan deputados no Parlamento de Londres, pero os seus campesiños, de credo católico, estaban indefensos diante dos terratenentes ingleses e debían pagar dízimos á Igrexa anglicana.

A crise agraria de 1847 provocou a morte por fame de miles de irlandeses e a emigración doutros a Estados Unidos. Esta situación levounos a pedir un estatuto de autonomía (Home Rule) e un parlamento propio. En 1914, foilles concedida a autonomía agás os condados do norte con maioría de colonos ingleses, pero esta non chegou a aplicarse polo estalido da Primeira Guerra Mundial.

A política exterior

O primeiro ministro Benjamin Disraeli inclinouse pola expansión colonial e o dominio dos mares, ao tempo que o Reino Unido se mantiña á marxe da política europea ata o s. XX, no que se chamou o “espléndido illamento”. O imperio británico extendeuse ata converterse no máis amplo e poboado da historia.

A sociedade victoriana

A finais do s. XIX, Gran Bretaña caracterizábase polos seus contrastes sociais. Lonxe da clase obreira, entre as clases sociais altas primou o espírito victoriano: fórmula social e política baseada no orgullo nacional, a tradición, a austeridade e o culto ao diñeiro e aos convencionalismos. Caracterizábase por un certo conformismo, un puritanismo esaxerado e unha notable hipocrisía.

Download

PDF Word HTML