A Ilustración no Século XVIII: Razón, Ciencia e Revolución

Greek3.47 KB

1. Factores políticos, sociais e culturais que no século XVIII conducen á Ilustración

A Ilustración é o movemento característico do século XVIII. É unha época da historia do pensamento occidental que se caracteriza pola confianza no poder da razón humana. Preséntase como unha corrente ideolóxica optimista, baseada na confianza na razón e na ciencia. Representa unha ideoloxía e unha cultura elaborada pola burguesía europea na súa loita co absolutismo e a nobreza.

Desenvólvese nun período de tempo comprendido entre a Revolución Inglesa (1688) e a Francesa (1789). E chámase “século das Luces” ou “século da Ilustración”.

É un período histórico, cultural e filosófico que se desenvolve no século XVIII. Representa un factor máis de loita contra o Antigo Réxime. Iníciase en Inglaterra, a partir da Revolución Industrial, que é un dos grandes acontecementos (xunto coa Revolución Científica) que marcan o devir do século XVIII. Xorde tamén a partir da obra de Locke (século XVII, empirismo) e de Newton. Gran Bretaña e os novos Estados Unidos foron os modelos dunha nova sociedade.

Na Ilustración inglesa predominan as cuestións de tipo científico, xunto cun talante político abertamente liberal (por obra de Newton e de Locke).

De Inglaterra esténdese máis tarde por Francia e Alemaña.

O seu acontecemento histórico máis importante é a Revolución Francesa (1789), que se foi preparando grazas ao “novo clima de opinión” que xorde polas discusións nos “salóns” e nas academias científicas. A Revolución Francesa supón o fin do Antigo Réxime e o nacemento dos modernos sistemas parlamentarios.

Neste tempo adquiriron novo protagonismo as mulleres, especialmente en Francia. A Ilustración francesa está marcada polas preocupacións sobre problemas sociais e políticos.

A Ilustración alemá é algo máis tardía. Céntrase preferentemente nunha análise dos fundamentos da razón. Ten a Kant como principal representante.

O “Século das Luces” (como tamén se coñece o século XVIII) foi unha nova época iluminada pola crítica, o progreso e a loita pola dignidade. Representa unha actitude que ten como centro o ser humano independizado das tutelas tradicionais, sociais, políticas, relixiosas, e posuído por unha fe nos seus propios medios.

A Ilustración é a primeira cultura laica da historia de Europa: unha cultura á marxe do cristianismo.

O despotismo ilustrado

O réxime político máis estendido no século XVII foi o absolutismo, que no XVIII se recicla en despotismo ilustrado. Os “déspotas ilustrados” toman da Ilustración o que lles convén e apóianse nela para introducir nos seus estados unha serie de reformas e melloras importantes:

  • Suprimen os restos que quedaban do feudalismo.
  • Protexen a agricultura coa construción de canles e pantanos.
  • Urbanizan e modernizan as cidades.
  • Introducen reformas xudiciais.
  • Crean centros educativos.

Pero sen contar co pobo (“Todo para o pobo, pero sen o pobo”). Por conseguinte, a burguesía ilustrada, que nun comezo apoiaba a reforma dos reis, termina en rebeldía contra esta nova maneira de gobernar absolutista e prodúcense as revolucións, que culminarán, como xa dixemos, coa Revolución Francesa de 1789.

Download

PDF Word HTML