Historia e Literatura Galega: Irmandades da Fala, Vangardas e Grupo Nós
TEMA 9
A comezos do século XX, Galicia segue sendo maioritariamente agraria, con cambios sociais: decadencia da fidalguía, ascenso da burguesía e organización do campesiñado e do proletariado.
Impúlsase a modernización económica (agricultura, gandaría e inicio da industrialización), aínda que continúa a emigración.
Xorden movementos galeguistas (Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista) que buscan autonomía e defensa da lingua.
O galego recupera prestixio cultural e uso público, culminando no Estatuto de Autonomía de 1936 (interrompido pola Guerra Civil).
A poesía das Irmandades da Fala
Antonio Noriega Varela
Estudou no seminario da súa vila natal, aínda que máis tarde abandonaría a carreira eclesiástica para facerse mestre. Exercendo esta profesión viviu en distintos puntos de Galicia e nestes lugares foi entrando en contacto con figuras políticas e literarias do galeguismo como Antón Villar Ponte, Otero Pedrayo... Noriega xubilouse e pasou a súa vellez en Viveiro, onde morrería.
Produción poética
Pódese dicir que Noriega é autor dunha soa obra poética, Do ermo, a cal tivo varias edicións, cambios de título e ampliación e supresión de diversos poemas. Na obra de Noriega distinguense dúas liñas básicas: a poesía costumista e ruralista e a poesía lírica pura.
A poesía costumista e ruralista. Nun primeiro momento, Noriega retomou a estética decimonónica, caracterizada polo seu realismo costumista. Esta poesía caracterízase polo dominio da lingua e da métrica popular e por unha temática na que predominan os motivos paisaxísticos e a glosa dos costumes, das tradicións e da vida dos campesiños da montaña dos arredores de Mondoñedo.
A poesía lírica pura. O autor supera o realismo costumista anterior. Os motivos seguen a ser os mesmos (o campo e a vida montañesa) e tamén o é a lingua que emprega (a fala popular da súa terra); non obstante, agora é o propio poeta quen se aproxima á natureza, aos elementos máis humildes (a raiola do sol, as flores do toxo, as fontes...) e fala adoptando un ton íntimo e emotivo: é o que se coñece como franciscanismo.
A súa obra céntrase na exaltación da natureza galega e da vida labrega, cun ton sinxelo e tradicional. O texto encaixa nesa liña, polo seu tema rural e a idealización da paisaxe. Temas secundarios: paso do tempo, harmonía coa natureza, tradicións populares. O poema presenta unha estrutura dividida en partes que describen a natureza e expresan sentimentos do eu poético. O espazo é rural galego, e o tempo adoita ser atemporal ou ligado aos ciclos naturais. Emprega versos de arte menor (frecuente octosílabo), con rima consonante ou asonante e estrofas sinxelas, ás veces de tipo popular. Figuras literarias: metáforas para comparar elementos da natureza; personificacións, cando a natureza aparece con características humanas; reiteracións e paralelismos que repiten estruturas para dar ritmo; preguntas retóricas para expresar emoción. Tamén pode haber leixaprén ou ton de canción popular.
Ramón Cabanillas
Cursou estudos en Cambados e en Compostela. En 1910 foi a Cuba e alí traballou como administrador do Teatro Nacional, propiedade do Centro Galego. Tras o contacto cos galeguistas emigrados, animouse por primeira vez a escribir en galego. Regresou en 1915 e comezou a súa colaboración activa coas Irmandades da Fala (xornal A Nosa Terra, teatro...). No ano 1920, Cabanillas ingresou na Real Academia Galega e en 1929 na Española (en representación da cultura galega). No ano 1936, sufriu a guerra en Madrid. Ao final da súa vida regresou a Cambados, onde morreu en 1959.
Produción poética
Influencias de Cabanillas: a obra dos grandes poetas clásicos greco-latinos Horacio e Ovidio, a poesía das figuras do Rexurdimento (Rosalía, Pondal, Curros...), a corrente modernista de ámbito iberoamericano (Rubén Darío...), a tradición folclórica galega, etc.
Etapas
De formación (1910-1915): pertencen os seus dous primeiros libros (No desterro, Vento mareiro), con influencia de Rosalía, Curros e do modernismo de Rubén Darío no aspecto formal. Temática predominante intimista, malia que hai poemas de tipo social nos que anuncia a miseria dos labregos, o abuso dos caciques e fidalgos, e reivindica a necesidade da supresión dos foros.
Galeguista (1916-1920): Da terra asoballada, A man de santiña. Nesta última Cabanillas amosa o ideario galeguista das Irmandades da Fala: a importancia do idioma na configuración da nación, o celtismo...
Mitolóxica (1921-1930): Cabanillas pretende reconstruír o pasado mítico de Galicia, cunha lingua poética máis elaborada, cargada de referencias eruditas e de símbolos cultos. Na métrica alternan os metros clásicos cos de tipo popular (Na noite estrelecida, O mariscal).
De posguerra (1931-1959): do 1931 ao 40 Cabanillas deixa de escribir. Será a partir desta última data cando Cabanillas participe na rexeneración da cultura galega con Camiños no tempo e Antífona da cantiga; posteriormente verían o prelo Da miña zanfona e Samos. A poesía desta época destaca polo seu elevado nivel técnico, que se reflicte no emprego do verso clásico, con pareados alexandrinos, hendecasílabos brancos, silvas e sonetos.
Poesía lírica: No desterro, Vento mareiro, Da terra asoballada, A rosa de cen follas, Da miña zanfona (expresión do seu eu lírico en múltiples direccións: intimismo, costumismo...)
Poesía narrativa: O bendito San Amaro, Na noite estrelecida, Camiños no tempo (relatos épicos, didácticos, con forte carga lírica)
Poesía lírica
Distinguimos catro grandes orientacións: a reivindicación cívica, o intimismo, o costumismo e o modernismo.
A reivindicación cívica
O antecedente máis claro da poesía combativa de Cabanillas é o de Curros. As primeiras composicións cívicas do cambadés concordaban ideoloxicamente co agrarismo da época: loita anticaciquil e contra os foros, a denuncia do sufrimento do labrego... En poemas posteriores xa reflicte o ideario político das Irmandades (Morre abafada Galicia).
O intimismo
Liña herdada de románticos como Heine, Bécquer ou Rosalía de Castro. Nos versos deste autor tamén aflora a sensibilidade amorosa, a conmoción ante a natureza ou o sentimento dolorido da vida (Camiño, camiño longo).
O costumismo
Xa non se trata da vertente costumista frecuente do XIX, que se limitaba a reproducir tipos e costumes. Para Cabanillas, a temática costumista supón unha indagación e reivindicación das raíces da nosa cultura. Ademais, engádelle certas novidades formais (conexión co modernismo) e mesmo trazos de ternura e humor (Tarde baixa. Sol de outono no mar calmo fungue o lume).
O modernismo
Nalgúns poemas, Cabanillas non dubida en buscar a evasión. Neles fai primar a ambientación exótica ou medieval, e tamén a forza do sensorial (cores, sons...) e da musicalidade (Un trasno luxurioso).
Poesía narrativa
Cabanillas desenvolveu tamén unha poética de carácter narrativo: O bendito San Amaro, obra na que relata a lenda deste santo da tradición popular do Salnés; ou Samos (1958), o relato didáctico e descritivo sobre a vida e a historia deste mosteiro, onde descansou varias tempadas durante a súa vellez.
Pero o máis alto expoñente da creatividade do autor cambadés na liña da poesía narrativa é Na noite estrelecida (1926). Este título xorde no momento de máximo esplendor do galeguismo erudito e europeizante: é a época de Nós, do Seminario de Estudos Galegos... Isto explica que Cabanillas tomase a Materia de Bretaña (tema recorrente na literatura europea occidental) para relacionala con Galicia: o Grial é atopado por Galaaz no Cebreiro, a espada Escalibor está na illa de Sálvora... (Galaaz, derradeiro, colle estreita vereda). Na noite estrelecida está composta por tres sagas ou partes: A espada Escalibor, O cabaleiro do Sant Grial e O soño do rei Artur.
Malia todo, Na noite estrelecida non é tanto a narración épica das fazañas dos cabaleiros do rei Artur como, máis ben, a exaltación lírica de Galicia. A carga ideolóxica nacionalista é clara: a partir dunhas bases celtoartúricas, perséguese a dignificación do noso pasado e dos nosos valores culturais.
No tocante ao estilo, o texto está cargado de forte simbolismo (o Grial simboliza a esperanza no futuro; a luz, o ben...) e posúe unha densa adxectivación, propia das pezas de influencia modernista. No referente á métrica, as combinacións estróficas dominantes son os mancebos e longas series de pareados alexandrinos (comúns tamén co modernismo).
Outros poetas das Irmandades
- Victoriano Taibo García (Santiago, 1865-Vigo, 1966): nas súas obras Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) segue a estela dos primeiros libros de Cabanillas: costumismo, lirismo intimista e poesía cívica.
- Xerardo Álvarez Limeses (Pontevedra, 1871-1940): publicou un único libro, Antre dous séculos. Versos gallegos (1934), que continúa a temática do Rexurdimento con certa reivindicación social e denuncia agraria.
- Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963): foi poeta, narrador e dramaturgo. En poesía destacan as seguintes obras: E mais da ribeira (1911), Alento da raza (1918), Nemancos (1919) e Centixos ondas (1958). Na súa produción poética adoitan distinguirse dúas etapas: na primeira predomina a temática amorosa e a reivindicación social na liña de Cabanillas, mentres que na última a súa poesía se centra no mar e na paisaxe da súa terra (Náufragos. Pola pendente da costa costeira).
- Xosé Crecente Vega (Castro de Rei, 1896-Segovia, 1948): autor dunha única obra, Codeseira (1933), inserida nunha liña estética de tradición.
A poesía das vangardas
Coa chegada do século XX, e durante o seu primeiro terzo, producíronse importantes transformacións sociais, económicas e políticas en toda Europa. Á par destes cambios xurdiu a vangarda, movemento de renovación que se manifestou no pensamento e na creación artística, sobre todo nas artes plásticas e na poesía.
As vangardas presentan unhas características comúns: antirromanticismo e antisentimentalismo, deshumanización, busca da arte pura e innovación da lingua figurada.
▷ Os movementos de vangarda
Do ambiente cultural europeo e americano proceden os diferentes movementos estéticos vangardistas, tamén coñecidos como ismos: cubismo, dadaísmo, futurismo, surrealismo, creacionismo, ultraísmo.
▷ Neotrobadorismo
A difusión en Galicia da nosa lírica medieval fixo posible a aparición dun novo discurso poético, o neotrobadorismo, continuador da tradición medieval. Recréanse temas (amoroso...), recursos formais (paralelismo, refrán, leixaprén...) e ambientes (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...), con imaxes plenamente vangardistas. Este movemento tería continuidade na posguerra e chega mesmo aos nosos días.
Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901 - Compostela, 1973)
A súa infancia transcorreu en Vilagarcía. Estudou Filosofía e Letras e tamén Dereito na Universidade de Santiago, onde se relacionou con outros galeguistas. Con eles fundou, en 1923, o Seminario de Estudos Galegos. No ano 1929 foi nomeado xuíz, chegando a exercer na Estrada, Pontevedra e Oviedo. Tamén é autor de importantes investigacións arqueolóxicas, históricas e literarias.
Bouza Brey iniciou con Nao senlleira unha liña poética marcada pola influencia da tradición medieval: o neotrobadorismo. O libro está composto por vinte poemas que presentan unha lograda conxunción de recursos formais da lírica medieval (refrán, leixaprén, paralelismo...) con estrofas e ritmos propios da literatura popular (versos octosílabos, pareados, tríades...). Canto aos temas, predominan o mar, a soidade e o amor (Quen dera ser nao senlleira).
Seitura é un libro recompilatorio que consta de trinta e tres poemas compostos entre 1933 e 1954. A temática céntrase na natureza, a infancia, a relixiosidade e a propia poesía (Tópico no porto. Ai amor, ai amor, ai amor).
Estrutura xeralmente sinxela e directa, buscando claridade na mensaxe. O espazo é real e cotián, ligado á sociedade galega. O tempo é presente histórico (situación social da época). Emprega verso libre con rima escasa ou inexistente, priorizando o contido sobre a forma. Tema principal: denuncia social e compromiso coa realidade. Xustifícase con referencias a inxustizas, pobreza, opresión ou situación do pobo. Temas secundarios: solidariedade, esperanza, identidade galega.
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981)
Aínda que Cunqueiro cultivou todos os xéneros, a súa traxectoria literaria comezou no ámbito da lírica, con dúas tendencias básicas: a vangarda pura, que domina nas súas primeiras obras. En Mar ao norde, onde o mar é o eixe central, obsérvanse trazos de cubismo e de creacionismo (esquematismo, deshumanización...). En Poemas do si e non, obra na que dominan os poemas de contido amoroso, a crítica atopa claros trazos de surrealismo; así, utiliza, por exemplo, o verso longo e imaxes irracionais (Illa: oco insumiso infantil xogo).
En obras posteriores, como Cantiga nova que se chama riveira ou Dona do corpo delgado, Cunqueiro evoluciona cara ao neotrobadorismo e ás resonancias populares. Son poemas elegantes e sensuais, de gran musicalidade e cunha adxectivación suxestiva (A dama que ía no branco cabalo).
A súa última obra, Herba aquí e acolá, reúne poemas de diferentes datas, estilos e temas: desde o achegamento lúdico a mitos clásicos ata reflexións sobre o tempo ou a morte.
Estrutura adoita ser libre ou pouco ríxida, con partes narrativas ou descritivas. O espazo pode ser real (Galicia) pero transformado pola fantasía. O tempo é frecuentemente indeterminado ou mítico. En poesía pode empregar verso libre ou formas tradicionais, con rima variable; en prosa, estilo moi lírico. Tema principal: a fusión entre realidade e fantasía. Xustifícase con elementos irreais, máxicos ou lendarios dentro dun contexto cotián. Temas secundarios: nostalxia, paso do tempo, amor, tradición cultural galega e universal.
▷ Hilozoísmo
O elemento fundamental é a paisaxe. Preséntase unha paisaxe humanizada, cos elementos da natureza (animais, ríos, árbores) personificados, e unha frecuente sucesión continuada na composición de imaxes plásticas, visuais e auditivas (imaxinismo).
Luis Amado Carballo
Medrou nunha familia conservadora, matriculouse na carreira de Dereito pero non a rematou, contactou con personaxes do mundo literario e artístico do momento como Dalí ou Lorca nunha curta estancia en Madrid e comezou a súa labor como xornalista. X. Bautista Andrade tivo gran influencia sobre a súa poesía e enfermou dunha grave doenza que acabaría coa súa vida.
A súa obra poética foi moi ben acollida pola crítica da época e mesmo chegou a crear unha escola: o hilozoísmo ou imaxinismo, na que se integraron outros autores como Euxenio Montes, Manuel Luis Acuña...
A paisaxe é o principal trazo temático da súa poesía. Non se trata dunha paisaxe salvaxe senón a das terras do Lérez, natural, rural e humanizada (a través, sobre todo, do recurso da personificación); unha paisaxe presentada mediante unha chea de imaxes novas que dan vida aos seus elementos. Canto á forma, Amado Carballo amósase conservador na métrica (raramente usa o verso libre e decántase pola métrica regular de rima asonante e arte menor), pero vangardista na súa preferencia polas metáforas (postas de moda polo movemento ultraísta).
Estrutura libre, sen organización moi ríxida. Espazo: natureza e paisaxe, pero vistos dun xeito estético e sensorial. Tempo: pouco definido, centrado na percepción do momento. Métrica: tendencia ao verso libre ou combinación de versos, con rima pouco marcada.
▷ Creacionismo
O principal representante é Manuel Antonio. A influencia da estética creacionista doutras literaturas no poeta de Rianxo foi notable: creación dunha realidade autónoma, xustaposición de imaxes... pero a obra de Manuel Antonio conservouse persoal e orixinal.
Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930)
Procedía dunha familia conservadora. Aos once anos iniciou os estudos nun instituto de Santiago, cidade na que xurdiu nel o espírito galeguista e o seu compromiso coa nosa cultura.
Ao rematar o bacharelato, realizou estudos de Náutica en Vigo; a partir deste momento centrouse na actividade política e cultural, fundamentalmente nacionalista e na literatura.
Entre 1926 e 1929 realizou varias viaxes de navegación, entre as que destaca a feita a bordo do paquebote Constantino Candeira, xa que dela xurdiu o seu libro máis importante: De catro a catro, dedicado a Augusto Lustres, amigo seu e capitán do barco. No ano 1929 regresou a Rianxo gravemente enfermo de tuberculose, doenza da que xa non se recuperaría.
A única obra publicada en vida do autor é De catro a catro. As demais foron editadas postumamente e recollen poemas de índole e datación diversa. Distinguense tres etapas na evolución da súa obra poética.
Primeira etapa ou de formación. Integrada por uns cantos poemas soltos publicados en revistas da época e por outros recollidos en Con anacos do meu interior, Foulas e Sempre e máis dispois. Trátase dunha poesía na que se combinan elementos tradicionais (patriotismo, presenza de rima...), modernistas (ton melancólico, ritmo...) e vangardistas (imaxes suxestivas, innovacións na disposición gráfica, na puntuación...). Os temas son variados: a noite, o mar, a morte, as tebras, o fatalismo...
Segunda etapa. Constituída polo libro De catro a catro. Esta obra representou o cumio da súa voz poética e, ademais, converteuse no libro máis significativo do vangardismo galego.
Ten unha estrutura circular, con dezanove composicións que dan conta da viaxe marítima dun eu poético que vai da ilusión á saudade, pasando polas experiencias cotiás dunha aventura.
A diferenza dos libros da etapa anterior, esta obra presenta unidade temática: en todos os poemas atopamos unha presenza constante do Mar. Trátase dun mar visto desde dentro, un mar fondo, serio, alumado por estrelas, pola lúa, polo sol; un mar dotado de realidade existencial: a soidade, a monotonía, a saudade, o silencio, o desarraigamento, a vida e a morte.
Na forma, rompe case por completo cos esquemas métricos tradicionais (a rima, o ritmo, a división en estrofas...) e utiliza trazos marcadamente vangardistas: disposición irregular dos versos, uso de espazos en branco, as maiúsculas, o humor, os símbolos, a xustaposición de imaxes, o mecanicismo (radiograma, léxico propio do mar ou código morse)...
Terceira etapa. Representada pola obra Viladomar (1928), supuxo unha recuperación do ton e da forma poética tradicionais, característicos dos libros da primeira etapa. O eu lírico, xa en terra, amósase nostálxico e saudoso da infancia, do pasado.
Outros ismos
Xunto con Manuel Antonio, algúns autores galegos desta época, como Euxenio Montes, Eduardo Blanco Amor e, sobre todo, Álvaro Cunqueiro, participaron con parte da súa obra da vangarda máis rupturista, vangarda que conectaría cos principais movementos europeos: cubismo, futurismo, surrealismo...
📚 Vicente Risco: obra e características xerais
Vicente Risco é unha figura clave do grupo Nós e do nacionalismo galego. A súa obra combina narrativa, ensaio e pensamento ideolóxico, cunha forte preocupación pola identidade cultural de Galicia e unha visión crítica da modernidade. As características dos compoñentes da Xeración Nós son a súa procedencia social acomodada, a evolución ideolóxica compartida, unha gran formación intelectual e a síntese do tradicionalismo e do pensamento progresista e liberal. Hai tres etapas na Xeración Nós: o pregaleguismo (o núcleo da xeración naceu en Ourense en 1924, coñecido como o