Historia do Galego Antigo: Esplendor e Declive da Lingua Medieval

Greek2.57 KB

Historia do Galego Antigo

Na primeira parte da Idade Media (séculos IX-XIII), o latín era a lingua de prestixio. A totalidade da poboación era galego-falante, mentres que o latín só o empregaba a minoría letrada nos contextos formais e na escrita (o latín só se aprendía a través do estudo académico). Nesta época atopamos unha situación de bilingüismo social na que o latín era a lingua alta e o galego-portugués a lingua baixa.

Esplendor do galego medieval

No século XIII o galego convértese en lingua de escritura e Galicia vive un período de monolingüismo. Esta é a etapa de máximo esplendor da nosa lingua, aínda que no ámbito político comeza a supeditación de Castela, que traerá consigo a introdución do castelán en Galicia. Ata o século XIII a importancia política de Galicia entre os reinos cristiáns peninsulares é enorme e a cultura galega ocupa un lugar de preeminencia en Occidente.

Este esplendor da Galicia medieval vese reflectido tamén na produción literaria: a música e a poesía das cantigas medievais marcan unha época de ouro da literatura galega. A separación das falas do norte e do sur do Miño ten a súa orixe nesta época.

Independencia de Portugal e integración de Galicia

A nobreza portuguesa únese ao redor de Afonso Henriques e consegue a independencia de Portugal. Mentres tanto, Galicia queda integrada na monarquía castelá-leonesa. No século XIII comeza a supeditación política de Galicia á coroa de Castela, e inícase o proceso de penetración do castelán en certos ámbitos.

Declive político e literario

Nos últimos séculos da Idade Media continúa a progresiva decadencia política de Galicia. No século XIV prodúcese a primeira loita dinástica pola coroa de Castela. A nobreza galega apoia a Pedro I, quen perde e, como castigo, a nobreza galega comeza a ser substituída por nobres castelás. Neste século XIV prodúcese tamén o inicio do declive da vella escola literaria galego-portuguesa.

Castelanización e marxinación da lingua

No século XV, Isabel a Católica sae vitoriosa da súa loita dinástica con Xoana a Beltraneja. De novo, a nobreza galega tomará partido pola perdedora. O posterior reinado dos Reis Católicos inflixe un castigo a Galicia: o proceso de castelanización. Comeza un período de marxinación da lingua, no que o galego se ve sometido a unha substitución lingüística polo castelán. Primeiro afástase dos ámbitos formais, quedando relegado aos ámbitos coloquiais e familiares.

Download

PDF Word HTML