Historia de España no Século XIX: Glosario de Conceptos Clave

Employment training and career guidance7.05 KB

Abdicación de Baiona: renuncias sucesivas, acontecidas na cidade francesa de Baiona en 1808, de Carlos IV e o seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte, quen pouco despois cedeu eses dereitos ao seu irmán, que reinou co nome de Xosé I Bonaparte.

Afrancesados: reducido grupo de españois que apoiou a Xosé I Bonaparte nas tarefas de goberno. Ao finalizar a Guerra de Independencia foron perseguidos e moitos se exiliaron a Francia.

Tratado de Valençay: acordo de paz asinado en 1813 nesa cidade francesa polo que Napoleón aceptaba a suspensión das hostilidades, o retorno de Fernando VII ao trono de España, a devolución dos territorios ocupados e a renuncia de Xosé I.

Manifesto dos Persas: documento que presentaron en 1814 deputados absolutistas a Fernando VII tras o seu retorno do exilio en Francia, solicitándolle a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime.

Pragmática Sanción de 1830: disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como Lei Sálica, aprobada por Felipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres.

Pronunciamento: levantamento de parte do exército, contando co apoio dun determinado sector da sociedade, que «se pronuncia» a favor do cambio do sistema político vixente.

Estatuto Real: nome que recibe o Decreto de 1834 polo que a raíña rexente María Cristina de Borbón convocaba as Cortes do Reino de España.

Unión Liberal: partido político fundado en 1858 polo xeneral O´Donnell que agrupaba á esquerda moderada, á dereita progresista e numerosos militares.

Cantonalismo: modelo de organización territorial que defende a creación dun Estado composto por unidades políticas territoriais soberanas (os cantóns) que, mediante acordos libres («de abaixo arriba»), se unen formando a federación española.

Manifesto de Sandhurst: documento elaborado por Cánovas del Castillo e asinado, en decembro de 1874, por Alfonso de Borbón, no que se expresaba a necesidade de restaurar a monarquía borbónica en España, un sistema liberal constitucional e a defensa da orde social e da relixión católica.

Sufraxio censatario e universal: o sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos electos. O censatario limita este dereito aos cidadáns incluídos no censo en función dun determinado nivel económico e social, mentres que o universal só establece como condición para votar a maioría de idade.



Ludismo: movemento de protesta dos traballadores, nos inicios da revolución industrial, caracterizado pola destrución de máquinas e fábricas ás que culpaban de deixalos sen traballo.

Desamortización: proceso legal que, previa expropiación, puxo en venda, en poxa pública, os bens pertencentes á Igrexa («mans mortas») e aos concellos (baldíos, «comúns» e «propios»).

Agrarismo: movemento reivindicativo que organizou ao campesiñado galego en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a redención dos foros, loitar contra o caciquismo e impulsar a renovación técnica.



Sistema de quenda: mecanismo de alternancia no poder vixente durante a Restauración borbónica. Baseábase no mutuo acordo entre os dous partidos monárquicos, o Conservador e o Liberal, aceptando a sucesiva quenda no Goberno.

Caciquismo: práctica política que en España controlaba as eleccións grazas á figura do cacique, persoa que dominaba o poder local e controlaba os votos do seu territorio valéndose do seu poder económico, status social ou influencias.

Encasillado ou encadramento: proceso polo que o ministro da Gobernación elaboraba a lista de candidatos que debían ser escollidos en cada distrito electoral, colocando nas cuadrículas correspondentes os nomes dos candidatos ministeriais e da oposición.

Pucheirazo: un dos métodos de manipulación electoral empregado durante a Restauración borbónica para permitir o triunfo dun determinado candidato.

Rexeneracionismo: corrente intelectual, política e literaria de finais do s. XIX e principios do s. XX que partía da análise dos problemas que padecía España para tratar de rexeneralo e modernizalo.

Semana Tráxica: semana de violentas protestas populares que tiveron lugar en Barcelona en xullo de 1909 contra a orde de Maura de enviar tropas de reserva á guerra de Marrocos tras a derrota do Barranco do Lobo.

Expediente Picasso: informe redactado en 1922 polo xeneral Picasso baseado na investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de Annual para determinar as súas responsabilidades.

Directorio Militar: primeiro goberno da ditadura de Primo de Rivera, formado tras o golpe de estado de 1923 unicamente por militares e que durou ata 1925. A Constitución de 1876 e os partidos políticos quedaron suspendidos.

Unión Patriótica: organización cívico-política fundada en 1924 polo ditador Primo de Rivera. Pretendía agrupar a toda a sociedade como substituta dos partidos políticos tradicionais e servir de apoio social e de propaganda do réxime ditatorial.

FAI: siglas da Federación Anarquista Ibérica, fundada en 1927, fusionando a Unión Anarquista Portuguesa e a Federación Nacional de Grupos Anarquistas de España.

Pacto de San Sebastián: acordo verbal ao que chegaron, en agosto de 1930 en San Sebastián, diversas personalidades representativas de partidos republicanos de diferentes tendencias, catalanistas e socialistas, polo que se comprometían a establecer a república democrática e a recoñecer a autonomía de Cataluña, Galicia e provincias vascas.

Download

PDF Word HTML