Historia Contemporánea de España: Cortes de Cádiz, Primeira República e Restauración
Tema 2. As Cortes de Cádiz
Despois das abdicacións de Baiona e da revolta popular en Madrid o 2 de maio de 1808, quedou claro que a maioría da poboación española non ía aceptar o reinado de Xosé Bonaparte. Comeza así a Guerra da Independencia. O novo rei convocou Cortes en Baiona, onde aprobou un código constitucional, o Estatuto de Baiona, de carácter reformista, que abolía os privilexios e garantía a liberdade de todos os cidadáns, seguindo os principios da Revolución Francesa. Isto valeulle o apoio dalgúns españois, os chamados afrancesados.
Pero na maior parte de España a actitude fronte ó novo reinado foi de resistencia. Así, por todo o territorio xurden xuntas patriotas de defensa que se van a agrupar nunha Xunta Suprema Central, a cal asumiu a autoridade ata o regreso de Fernando VII, exiliado en Francia.
Esta institución puxo en marcha unha convocatoria de Cortes como resposta ás devanditas Cortes de Baiona. Debido á situación de guerra, non foi doado establecer os mecanismos de elección dos deputados nin o lugar de reunión. Nestas cortes íase discutir quen ocuparía o baleiro de poder debido á ausencia do rei, pero tamén se acordou discutir outras cuestións, como a limitación do poder da monarquía. Tras distintos vaivéns e confrontacións cos sectores absolutistas, sería o bispo de Ourense o encargado de convocar Cortes Constituíntes en Cádiz.
Por fin inauguráronse en setembro de 1810, tras pactar que serían Cortes unicamerais e estamentais nas que se depositara a soberanía nacional; é dicir, exercían o poder en representación dos cidadáns. Estaban formadas maioritariamente por representantes do clero, avogados e funcionarios.
Durante estes tres anos elaboráronse unha serie de leis que na práctica supoñían o fin do Antigo Réxime. Esta tarefa lexislativa podemos agruparna en dous grandes bloques: a elaboración de leis e decretos e a elaboración da constitución.
Decretos
- Para tratar de establecer un réxime liberal, a poboación deixou de estar sometida á xurisdición privada, pasando a depender da autoridade pública e da lexislación do Estado.
- Tratouse de levar a cabo unha reforma agraria, aínda que as terras mantivéronse nas mans dos señores, que se transformaron en propietarios.
- Introducíronse medidas achegadas ó liberalismo económico para impulsar o comercio e a produción. Suprimíronse, así, gremios e aduanas, ademais de fomentarse o librecambrismo.
- Destaca tamén a aprobación da liberdade de imprenta, instrumento fundamental para espallar a Ilustración e facer efectivo o control do goberno e das Cortes, logrando crear un sentimento patriótico contra Francia, que ocupara España grazas a Napoleón e ás súas estratexias de goberno.
- Aboliuse a Inquisición, pese a que os sectores máis integristas considerárana necesaria para preservar a pureza da relixión. Como resposta, os bispos impulsaron as Xuntas de Fe, que serían clausuradas posteriormente.
Constitución
Esta foi un texto de contido moi avanzado para a época, onde se definían os dereitos dos cidadáns, as liberdades civís e a igualdade xurídica e fiscal. Deste xeito, estabeleceuse que todos os cidadáns eran iguais perante a lei e tiñan os mesmos dereitos.
Declarouse o sufraxio universal masculino para os maiores de 25 anos e garantizouse a seguridade individual por medio da inviolabilidade do domicilio, os dereitos penais e a abolición da tortura.
A estrutura do Estado correspondía cunha monarquía limitada, na que se recoñecía a Fernando VII como rei, baseada na división de poderes:
- O poder lexislativo recaía nas Cortes, tendo entre outras funcións a potestade de elaborar leis, comandar o exército e aprobar orzamentos.
- O poder executivo era competencia do monarca; este posuía a dirección do goberno e interviña tamén na elaboración das leis.
- O poder xudicial destinábase aos tribunais, que estableceron os principios básicos dun Estado de dereito.
A Constitución recoñecía a confesionalidade do Estado, estabelecíase o ensino primaria obrigatorio e a creación dun exército nacional cun servizo militar obrigatorio. Creouse ademais a Milicia Nacional, un grupo de cidadáns armados que defendían os preceptos liberais.
O territorio estruturouse en provincias e municipios que se gobernaban por deputacións e concellos electivos.
Todo este amplo abano de medidas en tan pouco tempo non se puido levar a cabo na súa totalidade debido ás circunstancias da guerra e á oposición dos absolutistas. Estes pediron ao rei, mediante un escrito público denominado Manifesto dos Persas, que restaurase o poder absoluto e abolise a devandita lexislación elaborada nas Cortes gaditanas.
Tras a chegada do rei a España, apoiándose neste documento, Fernando VII aboliu todas as reformas postas en marcha nas Cortes, coma se xamais se houberan celebrado.
Tema 6. A Primeira República (proxecto de constitución federal e cantonalismo)
Tras a renuncia ao trono de Amadeo I en febreiro de 1873, polas distintas dificultades presentes no seu reinado (entre elas a crecente oposición republicana que, durante este breve reinado, tenta conseguir o apoio popular necesario para instaurar a República), o Congreso e o Senado reúnense conxuntamente, formando a Asemblea Nacional, e deciden proclamar o 11 de febreiro de 1873 a República, a pesar de ser maioritariamente monárquicos.
A mesma Asemblea Nacional asume todos os poderes e nomea presidente do poder executivo a Estanislao Figueras, quen exercería de xefe do Estado e do Goberno.
Existían fortes diferenzas entre os republicanos sobre a organización política da República:
- Os unitarios: defendían a creación dunha república unitaria.
- Os cantonalistas: defendían a configuración dunha federación construída a partir da unión voluntaria dos cantóns (unidades políticas inferiores que proclamarían a súa soberanía).
- Os federais gradualistas: dirixidos por Pi i Margall, defendían a idea de que unhas Cortes constituíntes da nación española decidisen o reparto de poderes entre o Estado federal e os estados que formasen a federación.
Ante as tensións formadas por estas diferenzas, convocáronse novas eleccións (celebradas por sufraxio universal masculino para os maiores de 21 anos) para formar unha Asemblea Nacional Constituínte. Foron gañadas polos federais, polo que se proclamou a República federal, con Pi i Margall como presidente. Consecuentemente, elaborouse un proxecto de Constitución federal, a de 1873.
Por outra banda, incrementouse a axitación social e política (do que foi partícipe a AIT, a Internacional Obreira) e xurdiu con forza o movemento cantonalista.
O cantonalismo defende a instauración da República federal dende abaixo mediante a creación de cantóns que se unirán libremente para formar un Estado federal. Este movemento derivou nunha insurrección armada que comezou en xullo de 1873, cando Cartaxena se proclama cantón independente. A Cartaxena uniranse pronto outras vilas do sur e do levante español que tamén se autoproclaman cantóns. O presidente da República, Pi i Margall, tenta combinar a represión do movemento cantonalista coa negociación e, ante o seu fracasamento, dimite, sendo substituído por Salmerón, que empezará unha dura campaña militar dirixida polos xerais Martínez Campos e Pavía para rematar co cantonalismo e a guerra carlista.
Os federais, descontentos con esta situación, deciden escoller un novo presidente no Congreso, pero impídeo o xeneral Pavía, que disolve a Asemblea Nacional. Ante esta situación de baleiro de poder, o xeneral Serrano asume o poder executivo da República, suspendendo as garantías constitucionais ata rematar con esa situación de forte inestabilidade e convocar Cortes constituíntes. Isto favorece os intentos de Cánovas del Castillo de restaurar a monarquía na persoa de Afonso de Borbón, quen se presenta como un monarca constitucional e liberal no Manifesto de Sandhurst.
Tema 7. A Restauración (retorno da monarquía e constitución de 1876)
A inestabilidade da Primeira República fai que, para substituíla, se acepte a proposta de Cánovas del Castillo de recuperar a monarquía encabezada por Afonso XII, fillo de Isabel II. É fundamental que este último, mediante o Manifesto de Sandhurst, acepte o liberalismo como sistema político e que amose un carácter diferente ó da súa nai. Este novo período, chamado Restauración Borbónica, vaise subdividir en tres etapas: o reinado de Afonso XII (1875-1885), a rexencia de María Cristina de Habsburgo (1885-1902) e o reinado constitucional de Afonso XIII (1902-1923).
Cánovas, nomeado polo rei presidente do Goberno, leva a cabo unha reforma política para crear un novo réxime acorde aos seus principios (era liberal conservador) e volver a implantar un réxime oligárquico. España regresa a un modelo de monarquía constitucional doutrinaria conservadora. O goberno era nomeado polo rei, pero tiña que contar co apoio das Cortes. O sistema de partidos estaba baseado no bipartidismo co motivo de acadar a estabilidade política; así, alternaríanse no poder o Partido Conservador, liderado por Cánovas, e o Partido Liberal, dirixido por Sagasta. Ademais, levouse a cabo unha reforma constitucional en 1876 que produce un texto mestura da constitución do 45 e do 69, onde a soberanía está compartida entre a Coroa e as Cortes.
A Constitución de 1876, claramente conservadora, foi deliberadamente ambigua para que, cando gobernasen os liberais, puidesen adaptala ó seu goberno sen necesidade de cambiala, como veremos por exemplo no tema dos dereitos ou no sufraxio.
- A soberanía: seguindo o modelo doutrinario, era compartida entre o rei e as Cortes.
- O poder executivo: residía no rei, que era xefe do exército e nomeaba o xefe de goberno. As Cortes, bicamerais, exercían o poder lexislativo, e o poder xudicial era independente.
- O sufraxio: non se regulaba na constitución, polo que cando gobernasen os conservadores era máis restrinxido e cando gobernan os liberais era máis amplo, ata que en 1890 se aprobou definitivamente o sufraxio universal masculino.
- Os dereitos: eran moi amplos pero, de novo, a súa regulación dependía de cada goberno, polo que eran máis restritivos durante os gobernos de Cánovas que durante os de Sagasta.
- A relixión: o catolicismo declarábase relixión oficial e o Estado tiña a obriga de soster o seu culto e tamén deixaba nas súas mans a educación.
- A administración local: suprimíase a autonomía municipal e das deputacións, cuxos responsables eran nomeados directamente polo goberno.
O sistema sostíñase polo fraude electoral sistemático, que utilizaba calquera recurso para falsear os resultados electorais, algo que foi criticado duramente polo rexeneracionismo. Tamén o sistema foi criticado pola oposición política, xa que unha boa parte dos electores ou das opcións políticas eran marxinadas polo fraude e non tiñan esperanza de acadar o goberno.
Todo isto leva a unha desconfianza cada vez maior no sistema e, como consecuencia, á súa crise, que se porá de manifesto durante a rexencia de María Cristina co aumento da conflictividade social e política, á que se lle suma o desastre do 98. Cando en 1902 o trono español recae en mans de Afonso XIII, o sistema está tan deteriorado que se fai necesaria unha renovación que van tentar levar a cabo políticos como Maura, aínda que con pouco éxito.