Historia do Antigo Réxime en España: Conceptos Clave

Greek3.35 KB

Unión de Armas

Foi un proxecto elaborado polo Conde-Duque de Olivares en 1625 no que, ademais da supremacía da Monarquía Hispánica, establecía un reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos que ata entón recaía no reino de Castela. Este proxecto establecía a creación dun exército permanente de 140.000 homes repartidos entre os distintos reinos en función da súa poboación e riqueza. Isto orixinou protestas e sublevacións: Portugal, Cataluña...

Valido

Secretario real ao que o soberano outorgaba a súa confianza, ata o punto de entregarlle a dirección do goberno do reino. En España esta privanza xeneralizouse no século XVII, cando os monarcas abandonaron o exercicio directo do poder. Destacan o Duque de Lerma, valido de Felipe III, e o Conde-Duque de Olivares, valido de Felipe IV.

Xuntas do Reino de Galicia

Organismo intermediario entre o reino de Galicia e a Coroa encargado de xestionar e poñer en marcha as decisións da monarquía hispánica e tamén de presentar ao rei as peticións de Galicia. Tiñan a capacidade para conceder cartos ao monarca, ordenar levas militares, distribuír cargas fiscais e aconsellar ao rei. Creáronse no século XVI e, desde 1528, eran a representación do reino de Galicia. Eran convocadas polo rei.

Antigo Réxime

Denominación que se aplica ao sistema político e social dos países europeos anterior á implantación dos réximes liberais no século XIX. Xurdiu no século XVI coa implantación da monarquía autoritaria que se superpuxo ao feudalismo medieval. Reforzouse nos séculos XVII e XVIII coa monarquía absoluta e o despotismo ilustrado. O poder estaba concentrado no monarca.

Catastro de Ensenada

Censo de fincas rústicas e urbanas feito por Zenón de Somodevilla, marqués da Ensenada e ministro de Fernando VI, para coñecer a riqueza existente no reino de Castela. Con el tentou crear un imposto único (A Única Contribución) que fracasou pola oposición das clases privilexiadas. 1749.

Decretos de Nova Planta

Serie de disposicións que suprimiron as institucións políticas propias dos reinos de Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña. Foron promulgadas por Felipe V en resposta ao apoio que estes territorios prestaron ao arquiduque Carlos na Guerra de Sucesión Española (1700-1714). Estes reinos foron convertidos en provincias e gobernados segundo o modelo castelán entre 1707 e 1716.

Despotismo Ilustrado

Variante política do absolutismo monárquico que se estendeu por Europa a mediados do século XVIII, pero entendido como un medio para incrementar a riqueza do reino e lograr a felicidade e o benestar dos seus súbditos. O seu lema era: "todo para o pobo pero sen o pobo". O seu máximo representante en España foi o rei Carlos III, que impulsou numerosas reformas.

Motín de Esquilache

Tumulto protagonizado polo pobo de Madrid en 1766 contra Esquilache, ministro de Carlos III. A causa foi a orde que prohibía o uso da capa longa e o sombreiro de aba ancha. A orixe do conflito estaba no descontento social pola subida do prezo do pan e a xenofobia provocada pola abundancia de ministros italianos. Esta situación foi manipulada por grupos nobiliarios e eclesiásticos contrarios ás reformas de Carlos III. Tivo como consecuencia a destitución de Esquilache e a ralentización das reformas.

Download

PDF Word HTML