A Guerra Civil Española: Causas, Reformas e o Golpe de 1936
A Guerra Civil Española: causas e antecedentes
O día 17 de xullo de 1936 sublevaronse as tropas de Melilla e o 18 prodúcese na Península o golpe de Estado. O detonante destas accións foi o asasinato de Calvo Sotelo, pero as causas da Guerra Civil, que se estenderá ata 1939, son moito máis complexas. Na Guerra Civil concéntranse moitos dos problemas que viña arrastrando a sociedade. Non é só un enfrontamento entre fascismo e comunismo. O golpe significou que as reformas que se tentaban levar a cabo pola República para modernizar España chocaron coa oposición das clases dirixentes, que, temendo a revolución e a perda dos seus privilexios, optaron pola vía do golpe de Estado. A guerra tamén é resultado da dinámica social e política dos anos trinta; pero na guerra tamén estará presente o enfrontamento de clases, a contenda relixiosa, o choque entre nacionalismos e o enfrontamento entre o fascismo e o comunismo.
A proclamación da II República
O día 14 de abril de 1931 prodúcese a proclamación da II República, como consecuencia das eleccións municipais do día 12, que lle deron a vitoria nas grandes cidades ás candidaturas republicanas e socialistas. Forman o goberno os asinantes do Pacto de San Sebastián, dirixidos por Alcalá Zamora, e comezan cunha política de reformas que será continuada ata novembro de 1933 polo goberno do Bienio Reformista, con Azaña como xefe de goberno.
As reformas están defendidas polos partidos de esquerdas e republicanos e contan co apoio da pequena burguesía, das clases medias urbanas, de moitas das clases populares e de moitos intelectuais. Os partidos contrarios a elas son, sobre todo, os partidos autoritarios que se mostran contrarios á legalidade republicana, son anti marxistas e defenden a unidade de España, a orde e o catolicismo. Entre os partidos máis importantes temos a Falanxe Española de José Antonio Primo de Rivera, as Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista de Onésimo Redondo, o grupo Comuñón Tradicionalista (Carlistas) e a Renovación Española de Calvo Sotelo. Estes grupos contan co apoio da oligarquía terratenente e da alta burguesía financeira e industrial.
O triunfo do Frente Popular
Tras as eleccións de febreiro de 1936 saíu triunfante a candidatura do Frente Popular (republicanos, socialistas e comunistas), que lles permitiu tomar o poder e formar un goberno dirixido por Azaña e despois por Santiago Casares Quiroga, ao producirse o cesamento de Alcalá Zamora e o ascenso á presidencia da República de Azaña. Estes formaron un goberno validado, como nos di o Presidente das Cortes, "por unha Cámara lexítima elixida sen tacha" e "constitucionalmente designado", e rapidamente continuaron coas reformas tras a parálise do goberno de dereitas.
As reformas republicanas e a súa conflitividade
As diferentes reformas que se poñen en marcha en España intentan solucionar problemas endémicos, pero os seus resultados non van ser positivos.
Reforma laboral e agraria
Así, a reforma laboral (xornada de 8 horas, decreto de termos municipais, etc.) causará dificultades para facer a recollida das colleitas, xa que nos momentos de apuro non se pode contratar máis traballadores e pérdense. No caso da reforma agraria, que pretendía solucionar o atraso do campo e dar terras aos xornaleiros, foi moi lenta e mínima, o que provocou un gran descontento e múltiples conflitos (Arnedo, Casas Viejas, Castilblanco), que axudaron a desestabilizar a República, a desacreditar ao goberno e a alarmar aos partidos de dereitas. A esta situación alude Franco cando di que "a anarquía reina na maioría dos campos". Ademais, provocou o rexeitamento dos partidos agrarios e de dereitas, xa que as terras para repartir proviñan da expropiación aos grandes propietarios, e estas facíanse sen indemnizar ou con indemnizacións con títulos de débeda que estaban moi devalados.
Descentralización e autonomías
Outra das reformas é a descentralización do Estado e o recoñecemento á creación de autonomías. Isto foi visto pola dereita como o inicio da fragmentación de España, e Franco refírese a esta situación cando afirma que a "unidade da patria" está "ameazada pola esgazadura territorial". Por ese motivo opóñese á realización dos Estatutos de autonomía.
Reforma relixiosa
Unha das reformas que causa moitos problemas é a relixiosa. Había que diminuír o poder da Igrexa e a súa influencia na vida política e social. A política de secularización levada a cabo polo goberno ("España deixou de ser católica", dixo Azaña) incluía medidas como a supresión dos gastos de culto e clero, a liberdade de cultos, o matrimonio civil, o divorcio, etc. Pero estas reformas chocarán coa oposición da xerarquía católica, moi conservadora, e de amplos sectores católicos. Por outra banda, tamén se xerará un forte sentimento anticlerical que se traduce en ataques á igrexa. Franco criticará esta situación, pois "os monumentos e tesouros artísticos son obxecto do máis asañado ataque".
Reforma militar
Finalmente, outra das reformas que crea un forte enfrontamento é a militar. Azaña, desde o ministerio da Guerra, tentou emprender unha profunda reestruturación e reforma do exército con dous obxectivos claros: diminuír o poder político dos militares e reducir o número de corpos e oficiais, aumentando a súa eficacia. Entre as medidas adoptadas estaban a Lei de Xuramento de lealdade á II República, a supresión da Lei de Xurisdicións, a Lei do Retiro para suprimir oficiais antirrepublicanos e conseguir un exército fiel á República. O conxunto destas reformas foi visto polos militares como un ataque, o que, unido ás outras reformas (sobre todo a autonómica), fai que formen un grupo opositor moi forte e clave na realización do golpe do 36, como é a Unión Militar Española.
Dificultades económicas e tensión social
A realización destas reformas non son as únicas causas. Xunto a elas temos que citar o desenvolvemento doutros elementos que aumentaron a conflitividade durante a República. Un elemento que non se pode esquecer son as dificultades económicas da República. Desenvólvese durante a Gran Depresión, e isto provocou a diminución de recursos, a caída da produción, a falta de investimentos, etc. Todo isto provoca grandes dificultades orzamentarias e a falta de diñeiro para poñer en práctica as reformas. Por outra banda, os empresarios reducen os investimentos, e todo se traduce nun forte aumento da conflitividade social (folgas, manifestacións) e inestabilidade nos gobernos.
Tamén hai que citar o crecemento de posicións fascistas (Portugal, Italia, Alemaña) e o crecemento do marxismo e o avance do comunismo sobre Europa Occidental, que é vista como unha ameaza polos partidos de dereitas e burgueses. Finalmente, cabe citar a propia dinámica da República, con gobernos inestables e cambios ideolóxicos, cunha forte radicalización e conflitividade social que desemboca nos asasinatos do tenente Castillo e de Calvo Sotelo, que actúan de detonantes do golpe.
Preparativos do golpe e inicio da guerra
Con estes antecedentes, desde que se produce a vitoria do Frente Popular aceléranse os preparativos do golpe de Estado. Mentres o goberno recupera o programa de reforma, os partidos falanxistas, sobre todo Falanxe de José Antonio Primo de Rivera, pasan a unha política de violencia (puños e pistolas), rexeitamento e enfrontamento cos partidos de esquerda. Pola súa banda, os militares que vían ameazados os seus intereses corporativos e a súa concepción tradicional de España e da orde social comezan a preparar o golpe.
O 8 de marzo reúnense en Madrid altos militares co proxecto dun primeiro levantamento en África, secundado despois por pronunciamentos simultáneos en moitas guarnicións na Península. O pronunciamento sería dirixido por Sanjurjo (desterrado en Portugal) e nel estaban Mola, Franco, Goded, Varela, Ponte Orgaz, Saliquet, Fanjul, Queipo del Llano e Cabanellas. Ademais, contaban co apoio da UME (Unión Militar Española, grupo de militares moi descontentos coa República) e de forzas de dereitas que pretendían substituír o goberno de esquerdas. O goberno de Casares Quiroga tomou algunha medida contra os golpistas, como desprazalos de Madrid, pero foron ineficaces.
No verán a situación é máis tensa, e en xullo prodúcense os acontecementos clave. O día 12 un grupo de extrema dereita asasina ao tenente José Castillo, da Garda de Asalto, en represalia pola morte dun falanxista; o día 14, un grupo de gardas de asalto asasina a Calvo Sotelo. O día 17 de xullo de 1936 as tropas españolas do Protectorado de Marrocos sublévanse contra a República. O día 18 álzanse na Península. O golpe non triunfa e deixa a España dividida en dous bandos irreconciliables. Empezaba a Guerra Civil.
Franco presentaba o golpe como un xeito de defender "España" dos "inimigos da patria". Para o Presidente das Cortes, "trátase de substituír a vontade xeral do pobo… pola dunha clase social desexosa de perpetuar os seus privilexios".
A posguerra: autarquía e racionamento
No texto sobre os fundamentos e directrices do plan de saneamento da economía, faise mención aos problemas que se teñen, que se sintetizan na desfavorable "balanza de pagos", é dicir, compórase moito fóra pero non se compensa con vendas, polo que sae o capital de España. Nesas circunstancias é necesario reducir as compras, pero ten que seguir funcionando a economía. Para iso era necesario un férreo control do comercio exterior, para reducir as importacións suprimindo "as importacións non indispensables" e reducindo as que se poidan. Para conseguilo, o comercio exterior quedou controlado a través das licenzas de importación e reducíase ás importacións de cereais, maquinaria, petróleo e materias primas indispensables. A exportación quedaba reducida aos cítricos e ao volframio (para Alemaña), moi insuficientes para compensar a balanza de pagos. Acompañábase ese control co Instituto Español de Moeda Estranxeira (creado en 1939), para os pagos internacionais, e o establecemento do cambio da peseta por encima do prezo de mercado; desa maneira era moi difícil comerciar co exterior.
En canto ao desenvolvemento da industria, de forma rápida para garantir a autosuficiencia, promúlganse leis para facilitar a construción de industrias de bens de equipo, ao tempo que se impoñen restricións aos investimentos estranxeiros. E como non hai capital privado e non se crean industrias, na década dos 40 o Estado convértese nun gran empresario: nacionalízase RENFE e a Compañía Telefónica e, en 1941, créase o INI (Instituto Nacional de Industria). O investimento diríxese, sobre todo, á produción de enerxía (ENDESA), material de transporte (SEAT, CASA), siderurxia e construción naval (ASTANO).
Na agricultura téntase impulsala (Instituto Nacional de Colonización), pero a falta de abonos, maquinaria e produtividade, incluso a seca ("a pertinaz seca"), provocan resultados negativos e non se recuperan as producións de antes da guerra, e segue o racionamento (fame, importacións, mercado negro de todo tipo de produtos). Os resultados desta política autárquica foron negativos. As restricións, regulamentos e intervencionismo levaron a unha situación de atraso e estancamento, cunha economía pouco competitiva onde a escaseza, o tráfico de influencias e a corrupción eran frecuentes. Os niveis de produción son moi baixos. A falta de abastecementos impuxo o racionamento, vendo a poboación obrigada a acudir ao mercado negro e aos estraperlistas.
A saída do illamento
A salvación desa situación vai chegar grazas á axuda internacional e ao final do bloqueo, xunto a unhas boas colleitas na agricultura que permiten acabar co racionamento. A política anticomunista de Franco era favorable aos intereses americanos, polo que axudaron a Franco a romper o illamento, dándolle axudas e firmando o Acordo Hispano-norteamericano de 1953 para o uso das bases militares. Así, os americanos enviaron alimentos, maquinaria e centos de millóns de dólares, que permitiron recuperar a economía.