Glosario de Xeografía Urbana e Territorial: Conceptos Clave
Glosario de xeografía urbana e territorial
Xeografía: nun sentido amplo pódese dicir que a xeografía estuda a superficie terrestre considerada como morada do home.
Xeografía física: parte da xeografía xeral que analiza os feitos que configuran as paisaxes terrestres nos seus aspectos inorgánicos e orgánicos, marxinando os debidos á acción humana, salvo como alteradores dos primeiros.
Xeografía humana: parte da xeografía que estuda a diferenciación da paisaxe cultural (modificada pola acción do home), así como as relacións do home e o medio.
Rexión: división espacial básica na xeografía, que vén definida por uns trazos que lle dan coherencia interna. O concepto de rexión é moi amplo e indefinido, e pode ter distintas concepcións segundo os criterios utilizados.
Provincia: área administrativa local do Estado con xurisdición sobre un grupo de concellos. A actual división provincial española data de 1833 e divide o Estado en 50 provincias.
Comunidade autónoma: unidade territorial que conta cun certo grao de autogoberno, inscrita nunha unidade territorial de ámbito maior e soberana que é o Estado. Forma parte do modelo de descentralización política e administrativa que adoptan algúns estados e que se aplica en España a partir da entrada en vigor da Constitución no ano 1978, que recoñece o dereito de autonomía das nacionalidades históricas e rexións que integran o Estado español.
Áreas de influencia e tipos de cidades
Área de influencia: territorio organizado nalgún aspecto funcional por unha cidade denominada área central ou núcleo rector. No ámbito urbano, a área de influencia comprende un espazo territorial moito máis amplo que o núcleo urbano principal.
Área metropolitana ou metrópole: termo que apareceu por primeira vez en EE.UU. para referirse ao territorio no que aparece unha cidade de máis de 200.000 habitantes e que inclúe os núcleos da súa área de influencia situados nun radio de 16 km ao redor desta. A metrópole está caracterizada por unha cidade central que ordena e administra un territorio máis amplo, a todos os núcleos satélites.
Área periurbana: espazo limítrofe a un núcleo urbano con predominio de caracteres rurais, alternando con zonas residenciais urbanas.
Arrabaldo: barrio situado extramuros dunha poboación na Idade Media. Na actualidade podemos consideralo como un barrio periférico ou un núcleo de poboación anexo a outro de maior tamaño.
CBD (Central Business District: distrito central de negocios) ou City: área urbana especializada en funcións financeiras e de xestión. Estas características están moi marcadas na City londinense e, por extensión, noutras capitais doutros países.
Cidade dormitorio: espazo urbano de uso residencial que practicamente carece de comercio e outros servizos. Localízase na área periférica das cidades centrais ou metrópoles.
Cidade xardín: área ou barrio urbano residencial de baixa densidade, con vivendas unifamiliares exentas ou aparelladas. Constan de abundante zona verde de uso privado. O modelo naceu en Gran Bretaña a finais do século XIX e o seu artífice foi o urbanista Howard.
Cidade lineal: desenvolvemento dunha área urbana ao longo dunha vía de comunicación ou dunha liña de transporte, que pode unir dous centros nos extremos da mesma, ou xerar un anel concéntrico ao redor dunha cidade para desconxestionala. É un antecedente da chamada cidade difusa do urbanismo posindustrial.
Cidade satélite: cidades de pequeno tamaño dentro do ámbito metropolitano (función residencial, industrial ou mixta).
Conurbación: unión ou fusión de dous núcleos urbanos que teñen aproximadamente o mesmo tamaño por crecemento simétrico de ambos.
Función urbana: tipo predominante de actividade que ten un núcleo de poboación. Na cidade son importantes as funcións vinculadas aos sectores secundario e, sobre todo, ao terciario (administrativa, ensinanza, finanzas, cultura, sanidade...). A maior tamaño dunha cidade, maior multifuncionalidade e especialización, sobre todo das funcións terciarias.
Hábitat e localización
Hábitat concentrado: neste tipo de hábitat as casas e as súas dependencias están unidas.
Hábitat disperso: neste tipo de hábitat as casas e as súas dependencias están separadas por terras cultivadas, prados ou montes.
Hábitat urbano: calquera entidade de poboación (fundamentalmente concentrada) que supere o limiar dos 10.000 habitantes. Ratio que se considera en España para considerar unha entidade como núcleo urbano.
Localización: espazo concreto e material sobre o que se asenta a cidade. A topografía e o soporte físico que, desde o momento da fundación e ao longo da súa evolución, condicionan en parte a paisaxe urbana e o seu desenvolvemento espacial.
Megalópole: aglomeración urbana de extensión suprarrexional constituída por diversos elementos urbanos (áreas metropolitanas, conurbacións, rexións urbanas, pequenas cidades...) con funcións distintas, que crecen e forman unha área descontinua sen fracturas importantes.
Plano: mapa a grande escala no que se representa unha superficie de extensión suficientemente reducida para que se poida prescindir da curvatura da Terra sen que por iso se produzan graves incorreccións. A disposición e combinación das superficies non edificadas.
Planificación e ordenación do territorio
Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM): plan municipal de ordenación urbana. O seu principal cometido é clasificar o solo distinguindo entre solo urbano, solo urbanizable, solo non urbanizable e sistemas xerais; e definir os elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio.
Rede urbana: conxunto xerarquizado de centros urbanos ligados entre si a través de eixes de comunicación para asegurar unha serie de servizos. A rede urbana está dominada por unha metrópole rexional que ten servizos de primeiro rango.
Rexión urbana: aglomeración urbana descontinua, integrada por cidades dispersas (nebulosa urbana), pero suficientemente densa como para que todo o territorio posúa características urbanas.
Sistemas xerais: figura contemplada no Plan Xeral de Ordenación Urbana como espazos ou terreos destinados ao funcionamento xeral dun concello (rede viaria, zonas verdes, equipamentos e servizos urbanos e infraestruturas de titularidade pública).
Situación: o contorno xeográfico no que a cidade se encadra e con relación ao que se organiza. A situación refírese ás grandes vías de comunicación e aos grandes espazos económicos.
Solo urbano: en España esta clase de solo vén definida polo Plan Xeral Municipal de Ordenación Urbana, considerando este aos terreos comprendidos en áreas consolidadas de edificación, acceso rodado, abastecemento de auga e enerxía eléctrica, evacuación de augas pluviais e alcantarillado.
Solo urbanizable: terreo rústico que nun futuro, segundo o PXOU, poderá ser urbanizado e construído ata conformar solo urbano integrado dentro da cidade.
Solo non urbanizable: terreo que, segundo o PXOU, non poderá ser urbanizado nin edificado baixo ningún concepto. Trátase de zonas protexidas polo seu valor ambiental, paisaxístico, histórico, cultural ou porque son áreas que sofren riscos naturais ou outras razóns de beneficio colectivo.
Urbanismo: proceso de planificación ou de creación física dunha cidade (trama urbana, zonificación das áreas...).
Urbanización: proceso de crecemento demográfico e de actividade económica dunha cidade.
Xerarquía urbana: proceso polo cal as cidades dunha rexión ou dun país están organizadas segundo o seu tamaño e as súas funcións, relacionándose no espazo. Nesta xerarquía sitúase á cabeza a cidade de maior categoría, e así sucesivamente.