Glosario de Historia de España: Terzos, Unión de Armas, Valido y Reformas Borbónicas

Greek4.89 KB

Glosario de conceptos históricos da Monarquía Hispánica

18. Terzos

Tropas do exército de infantería da Monarquía Hispánica dos Austrias, formadas por arcabuceiros, piqueiros e espadachíns. Creados por Carlos I, aínda que xa perfilados polos Reis Católicos, podemos considerar a estas formacións como os primeiros exércitos profesionais ao marxe dos exércitos señoriais. Tiveron un papel moi relevante nos campos de batalla durante o século XVI. Podemos destacar os terzos dos Países Baixos (os denominados como “Terzos de Flandes”).

19. Unión de Armas

Proxecto impulsado polo valido do rei Felipe IV, o Conde-duque de Olivares, no primeiro terzo do século XVII, co fin de repartir equitativamente entre as coroas da Monarquía Hispánica o recrutamento de tropas e a recadación de tributos para facer fronte ás continuas campañas bélicas. Ata ese momento, a Coroa de Castela sostiña todo o peso fiscal e militar. O seu rexeitamento explica en boa parte as revoltas que se producirán na Coroa de Aragón e Portugal en 1640.

20. Valido

Figura dotada de amplos poderes políticos polo monarca, que delega os asuntos de goberno na súa persoa. Os validos máis relevantes da Monarquía Hispánica foron o Duque de Lerma de Felipe III e o Conde-duque de Olivares de Felipe IV. Os monarcas adicábanse a labores de representación na corte. Non é un fenómeno estritamente español; véxase o caso de Richelieu en Francia.

21. Xuntas do Reino de Galicia

Creadas no século XVI, constituíron a representación política do denominado Reino de Galicia. Dito reino formou parte da Coroa de Castela ata a reforma liberal do Estado en 1833. A Xunta estaba formada por un conxunto de deputados que representaban ás sete provincias galegas, e reuníanse para debater asuntos relacionados fundamentalmente cos tributos e levas militares esixidos polo rei de turno. Na práctica, esta institución non tiña capacidade decisoria.

22. Antigo Réxime

Período que se iniciou en Europa no século XVI e que alcanzou a súa plenitude no século XVIII. Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola Revolución Francesa.

23. Catastro de Ensenada

Minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as características demográficas, económicas e xeográficas das poboacións da Coroa de Castela co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional e substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi proposto polo marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, e foi elaborado entre 1750 e 1753.

24. Decretos de Nova Planta

Conxunto de decretos promulgados por Felipe V, entre 1707 e 1716, que impuxeron, nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña), a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra de Sucesión e por tomar partido por Carlos de Austria. Permitiron a implantación dun modelo de Estado centralista e uniforme en España, agás nas provincias vascas e Navarra.

25. Despotismo Ilustrado

Sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento do poder absoluto do rei para que, axudado das luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar a riqueza do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi “todo para o pobo, pero sen o pobo” e o mellor representante en España foi Carlos III.

26. Motín de Esquilache

Revolta popular acontecida en 1766 en Madrid, provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está no descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos.

27. Paz de Utrecht

Tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión española e que foi complementado co de Rastatt de 1714. Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos tratados se recoñecía a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais con América) e cesións territoriais a Austria (Flandes e Nápoles).

28. Regalismo borbónico

Política de control e limitación do poder da Igrexa católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o padroado real, ou dereito do rei a presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes (recoñecido polo Concordato de 1753), e o placet, ou dereito do rei a reter as bulas e provisións da Santa Sede.

Download

PDF Word HTML