Galicia de 1936 a 1975: Historia, Lingua e Resistencia Cultural
Galicia de 1936 a 1975: Represión e Resistencia Cultural
O levantamento armado de Franco en 1936 contra a República, a súa vitoria na Guerra Civil e a instauración dunha ditadura de corte fascista laminaron todas as iniciativas galeguistas que se levaron a cabo na etapa anterior. Todo pasou a ser ilegal, salvo traballar para o Novo Réxime.
As persoas protas do rexurdir galeguista dos anos 1900-1936 foron perseguidas. Non poucos puideron librarse desta represión marchando ao exilio; o máis granado da intelixencia galeguista ficou silenciado (Castelao, Otero Pedrayo, Ánxel Casal...). Os proxectos comúns foron prohibidos ou disoltos (revista Nós, Partido Galeguista...). A cultura galega sumiuse nun pozo que se dá en chamar "os anos escuros".
A recuperación cultural nos anos 40 e 50
A finais da década dos anos 40 aparecéronse algunhas publicacións poéticas (poesía "descomprometida") e póñense en marcha algunhas editoriais. En 1950, coa fundación da Editorial Galaxia, inténtase dinamizar e fomentar a lingua a través da publicación de revistas de cultura, de economía e de libros de literatura.
Tiveron moitas dificultades coas autoridades e coa censura da época, pero a editorial foi conseguindo un obxectivo claro: achegar ás novas xeracións de galegos que non coñeceran a época de Nós os textos literarios:
- A) Dos clásicos galegos do século XIX e primeiro terzo do XX (Rosalía, Curros, Pondal, Cabanillas, Castelao).
- B) De novos autores galegos para cuxa publicación poñían a editorial á súa disposición (Férrin, Casares).
Na década dos 50 só aparece, de media, un libro de narrativa por ano. Pero van aparecendo tamén ensaios e, así, o idioma foi recuperando prestixio.
A evolución nos anos 60: factores socioculturais
Xa na década dos anos 60 déronse en Galicia varios fenómenos socioculturais que van afectar de distinta maneira á situación da lingua:
Factores negativos
- 1. Industrialización: Trouxo consigo un masivo desprazamento de man de obra desde o campo ou a periferia urbana ata esas cidades. Con el abandonouse a lingua familiar (o galego) e instalouse a lingua máis presente nas cidades (o castelán).
- 2. Ensino público: Seguiu marxinando o galego nas escolas e fixo presente exclusivamente o castelán na educación do alumnado desde os seus primeiros anos de escolarización.
Factores positivos
- 1. Reorganización do nacionalismo na clandestinidade, en torno a partidos políticos que apostan pola reivindicación idiomática, empregando exclusivamente o galego nas súas programacións ou proclamas.
- 2. Utilización do galego en actos de reivindicación política opostos á ditadura.
- 3. Celebración por primeira vez en 1963 do Día das Letras Galegas, de maneira discreta e sen ningún apoio oficial do réxime.
- 4. Creación na USC de dúas institucións: A Cátedra de Lingua e Literatura Galega (1965) e a creación do Instituto da Lingua Galega (1971).
Características lingüísticas da época
As circunstancias sociopolíticas da época non favoreceron a estandarización do galego. A Editorial Galaxia implicouse en ir unificando o galego escrito nas súas publicacións. Pouco a pouco, o galego escrito nos anos 70 vaise desprendendo de castelanismos, vulgarismos, dialectalismos e hipergaleguismos, moi presentes na década dos anos 60. Pero a unificación da escrita aínda non se logra nesta época.