O galego entre 1900 e 1975: cultura, lingua e represión
O galego entre 1900 e 1936
No primeiro terzo do século XX dáse unha aceleración dos procesos sociolingüísticos, que xa comezaran no século anterior: medra a conciencia idiomática, pero segue a castelanización da sociedade (clases medias e proletariado urbano).
Situación lingüística e cultural
Destacamos o labor das Irmandades da Fala. A primeira Irmandade, impulsada por Villar Ponte, foi fundada en A Coruña (1916). O obxectivo fundamental desta asociación era a exaltación e o fomento da práctica social do idioma. En 1918, na Asemblea Nacionalista de Lugo, aparece por primeira vez o termo nacionalista. En estreita relación está o xornal A Nosa Terra (1916-1936), que axudou a espallar as ideas nacionalistas.
De grande importancia cultural foi o Grupo Nós, protagonista da universalización e europeización da cultura galega e, por tanto, da súa lingua. A revista Nós, fundada en 1920, axudou á difusión da cultura da época.
O Seminario de Estudos Galegos, creado en 1923 por un grupo de mozos universitarios, tiña como obxectivo o estudo de todas as manifestacións da cultura galega.
O Partido Galeguista foi a primeira forza decididamente nacionalista na que se agruparon os colectivos galeguistas que non tiñan cohesión no país. O PG considerou a lingua como un dos trazos individualizadores máis importantes de Galiza e expresou a súa intención de defendela e contribuír á súa expansión e dignificación social, que culminaría coa inserción no Estatuto de Autonomía dun artigo no que se recoñecía a cooficialidade do galego e do castelán na Administración e se admitía un ensino bilingüe nas escolas primarias.
Por outra banda, a toma de contacto co galego medieval, pola publicación das Cantigas e outros documentos, provocou unha grande conmoción no galego literario, que recuperou moito léxico.
Tamén apareceu unha liña de achegamento ao portugués para restaurar formas que a fala popular perdera pola presión do castelán.
Non obstante, o afán de purificación da lingua levou á inclusión na literatura de numerosos arcaísmos, hipergaleguismos e invencións.
A lingua na sociedade do momento
Resulta evidente a recuperación do galego nesta fase do século. A lingua avanza nos usos culturais (literarios e científicos), mais a situación da lingua no conxunto da sociedade segue moi lonxe do ideal defendido polo galeguismo.
As publicacións seguen sendo maioritariamente en español, xa que a maior parte da poboación era analfabeta ou estaba alfabetizada neste idioma. Non se produciu a galeguización do ensino. Os partidos políticos non empregaban o galego de xeito habitual (agás o PG) e nos medios de comunicación o uso do galego non pasaba de anecdótico en comparación co español.
En resumo, o galeguismo comezou a emerxer, elevando o uso do galego a todos os ámbitos, mais sen conseguir calar fondo nunha comunidade que se castelanizaba a un ritmo maior que o do século anterior.
O galego entre 1936 e 1975
Tras o paréntese da Guerra Civil, sobreveu un longo silencio que se quebraría moi lentamente. A Guerra Civil foi acompañada dunha cruenta represión, que erradicou todo o que tivese que ver coa esquerda ou co galeguismo. Esta situación mantívose ata 1975, aínda que houbo unha certa resistencia política e cultural.
1. Situación lingüística e cultural
A represión cultural foi enorme: o esforzo dun século enteiro foi destruído. Editoriais, revistas, institucións... todo o que fora creando as bases da recuperación cultural de Galiza desapareceu.
A política lingüística foi represiva, tanto no ensino como na Administración e nos medios de comunicación. Isto provocou unha brusca mudanza de hábitos lingüísticos nas capas máis novas da sociedade.
O novo poder político consagrou o ideal de uniformización lingüística e cultural de España. Para o franquismo, o único pobo (o español) precisaba dun único idioma (o español). As linguas non castelás foron rebaixadas, errónea e intencionadamente, á categoría de dialectos.
A lingua cultural galega mantívose en América, nos centros galegos de Cuba, Venezuela, México ou Arxentina, onde viviron escritores como Castelao, Dieste, Blanco Amor ou Luís Seoane.
En Galiza recuperouse lentamente o ritmo de publicacións en galego. Os primeiros libros son de finais dos anos 40, coa colección de poesía Benito Soto, ao tempo que o xornal santiagués La Noche iniciou a publicación dun suplemento cultural con textos en galego.
En 1950 apareceu a Editorial Galaxia, fundada por galeguistas da liña culturalista, que creou a colección Illa Nova, difundiu as obras da chamada Nova Narrativa Galega e promoveu publicacións periódicas como Grial.
Nos anos 60, coincidindo cun certo aperturismo do réxime, xurdiron asociacións culturais (O Galo, O Facho...) e partidos galeguistas clandestinos (UPG, PSG), que reivindicaban o dereito á autodeterminación. En 1963 permitiuse á RAG celebrar o centenario da publicación de Cantares Gallegos, co que se instaurou a celebración do Día das Letras Galegas. En 1965 créase a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela e tres anos despois, o Instituto da Lingua Galega.
Nos anos 70, ao labor de Galaxia uníronse outras editoriais como Xerais e Sotelo Blanco, e prodúcese unha leve recuperación lingüística.
2. A lingua na sociedade do momento
A castelanización da sociedade aumentou debido a factores como:
- Un importante número de galegos tivo que emigrar cara a América e alí adaptáronse á nova lingua, e mesmo fixeron diso un sinal de progreso social.
- A partir dos anos 60 hai un novo auxe industrial nas cidades, que fixo aumentar a súa poboación e, polo tanto, a castelanización, porque é nas cidades onde máis avanzara o castelán.
- No ensino, o español foi a lingua empregada exclusivamente, aínda que nos derradeiros anos da Ditadura se ergueron voces de protesta e apareceron profesionais que impartían as súas clases en galego.
Estes factores e outros (Igrexa, medios de comunicación...) fixeron que moitos cidadáns adaptasen o esquema diglósico castelán-galego, co emprego da lingua oficial para as funcións elevadas ou para falar cos descoñecidos, e do galego para os usos familiares ou coloquiais entre amigos ou iguais. Moitos educaron aos fillos en castelán, rompendo a transmisión da lingua ás novas xeracións.