Franquismo: Política Económica, Sociedade e Nacionalcatolicismo

Employment training and career guidance11.3 KB

FET e das XONS

FET e das XONS: Siglas de Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, a organización política creada por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación, que fusionaba o movemento tradicionalista carlista coas formacións fascistas de Falanxe Española e das XONS. Foi a única formación política autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional.

Sección Feminina

Sección Feminina: Organización fundada en 1934 como rama feminina de Falanxe Española. Foi dirixida por Pilar Primo de Rivera e, durante o franquismo, monopolizou a educación das mulleres coa finalidade de formar amas de casa, subordinadas aos varóns e destinadas a ter fillos e educalos segundo as normas establecidas polo réxime. Para o seu adoutrinamento creouse en 1937 o Servizo Social, que impoñía a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.

Contubernio de Múnich

Contubernio de Múnich: Nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de ridiculizar o Congreso do Movemento Europeo celebrado en Múnic en 1962. O máximo impulsor da reunión foi Salvador de Madariaga, moi ben relacionado cos dirixentes do movemento europeo, e a ela asistiron 118 opositores ao franquismo, tanto do interior de España como do exilio, unidos por un obxectivo común: instaurar en España un sistema político democrático.

Nacionalcatolicismo

Nacionalcatolicismo: Ideoloxía que defende que a vida política, social e cultural debe estar sometida ás directrices da Igrexa católica. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime franquista, que contou co apoio e aprobación da Igrexa católica. A xerarquía eclesiástica xustificou e aceptou a autoridade de Franco como Caudillo de España pola graza de Deus, e, a cambio, impuxo o seu control sobre a moral, os costumes e a educación.


A familia no franquismo

A familia foi considerada polo franquismo como a base fundamental da sociedade. Protexida polo Estado e de acordo coa moral da Igrexa, a familia baseábase no matrimonio católico e na procreación dos fillos. Cada membro familiar tiña o seu deber: o home proporcionaba os recursos; a muller ocupábase dos labores domésticos, da educación dos fillos e de perpetuar as tradicións.

Neste sentido foi fundamental o papel da Sección Feminina (creada e dirixida por Pilar Primo de Rivera entre 1934 e 1977), que potenciou un modelo feminino baseado na pasividade política e pública das mulleres, ao “corresponderlles só por natureza as tarefas domésticas”. A Sección Feminina promoveu este rol da muller a través da educación, co fin de formar ás futuras amas de casa, con materias escolares como Fogar, Cociña ou Corte e Confección, impartidas nas escolas e institutos.

Para o adoutrinamento das mulleres na filosofía do réxime franquista, creárase en 1937 o chamado Servizo Social, no que se incluía a formación teórica e a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.

A partir da década de 1960, os cambios económicos e o crecente desenvolvemento introduciron modificacións no comportamento e na actitude respecto ás mulleres, especialmente tras a súa incorporación á educación universitaria e ao traballo remunerado fóra do fogar; aínda así, no plano legal, seguiron sometidas a pais e maridos ata o final do franquismo.


Evolución da política económica no franquismo

EVOLUCIÓN DA POLÍTICA ECONÓMICA NO FRANQUISMO

España viviu sometida ao réxime ditatorial de Francisco Franco no período comprendido entre o remate da Guerra Civil (1939) e a morte do ditador (1975).

A política económica durante o franquismo foi evolucionando e adaptándose ás circunstancias internacionais. Poden diferenciarse tres etapas: Autárquica, 1939-1959, un longo período de posguerra; Desarrollismo, 1959-1973, a partir da aplicación de medidas liberalizadoras na economía; e a Crise, 1973-1975, vinculada á crise mundial do petróleo.

A etapa autárquica

Con respecto á primeira etapa económica franquista, a autárquica, recordemos que o país quedara nunha situación desastrosa tras o remate da guerra civil (descenso da poboación activa; destrozos na rede de transportes e nas infraestruturas; destrución de gran parte das instalacións fabrís, etc.). De todos os xeitos, moitos especialistas coinciden en explicar que tal situación tan crítica da nosa posguerra non pode explicar que España tardase 20 anos en recuperar o seu nivel produtivo anterior á guerra.

Neste punto hai que falar da autarquía (Doc. 1). Esta foi a política económica da ditadura durante a posguerra (1939-1959). A principal característica da política autárquica era a forte intervención do Estado na economía. O obxectivo final da autarquía era acadar a autosuficiencia económica da España franquista, obxectivo que se viu influenciado polo modelo de orixe fascista (especialmente o italiano), e tamén pesou o illamento internacional sufrido por España ata finais da década de 1950. En xeral, a autarquía franquista foi un fracaso ao non cumprir os seus obxectivos (tal como se reflicte no Doc. 1), o que empeorou o nivel de vida dos españois.

O Plan de Estabilización de 1959

Neste sentido hai que entender o Doc. 2. A finais dos anos 1950 estaba claro o esgotamento do modelo autárquico e, ademais, coa progresiva incorporación de España ao concerto internacional era urxente cambiar a política económica da ditadura. O xeneral Franco viuse obrigado a reorientar o modelo económico, cunha tímida apertura cara ao exterior, pero o xiro radical chegou co chamado Plan de Estabilización de 1959, obra dos chamados “tecnócratas” (técnicos e economistas ligados ao Opus Dei), como Navarro Rubio, Ullastres ou o propio López Rodó. Os tecnócratas daban unha gran importancia ao progreso económico e á mellora administrativa, sen discutir a falta de democracia en España (sería o chamado “autoritarismo tecnócrata”).

A ineficacia da autarquía deixou paso á liberalización económica, que era o que representaba o Plan de Estabilización do 59. Significaba o fin do soño autárquico e o inicio dunha acelerada industrialización. Debíase modernizar o sistema económico e facer desaparecer o potente control e intervencionismo estatal. Contouse co apoio do Fondo Monetario Internacional, organizándose un novo modelo económico que funcionaría nas dúas décadas seguintes, e sendo as principais medidas aprobadas as seguintes:

  • A nivel xeral: flexibilización da economía española (liberalización dos prezos, supresión do intervencionismo estatal non necesario, restablecemento da libre competencia, reaxuste da política laboral, etc.).
  • A nivel internacional: devaluación da peseta e liberalización dos intercambios comerciais co exterior e dos investimentos estranxeiros no noso país.
  • A nivel interno: cambios na política monetaria, redución do gasto público e da inflación, mellora do sistema fiscal, etc.

O desarrollismo

O logro máis importante do Plan de Estabilización foi sentar as bases para a fase do chamado “desarrollismo” da década de 1960 e primeiros anos da de 1970, deixando definitivamente atrás o sistema autárquico. Houbo, sen embargo, aspectos negativos (reaxustes salariais, aumento do paro e unha forte emigración), pero cara a 1962 España iría entrando nun poderoso crecemento económico, o que, segundo a propaganda do réxime, sería o “milagre español”. O Plan de 1959 foi completado por unha serie de Planes de Desenvolvemento ata 1975, experimentando a nación unha profunda e espectacular etapa de crecemento económico: en dez anos, de 1960 a 1970, duplicouse o PIB, aumentando un 150% con respecto ao anterior á guerra.

A financiación do “desarrollismo” veu da man dos investimentos estranxeiros e da emigración masiva, xa que 1,3 millóns de españois marcharon a traballar ós países máis industrializados de Europa (Alemaña, Francia, Suíza, Reino Unido) e, nunha cantidade menor, a Latinoamérica. As remesas enviadas a España foron fundamentais, xunto coas outras fontes de divisas, para equilibrar o déficit da balanza comercial, ao tempo que a taxa de desemprego en España se reducía notablemente. A terceira fonte de financiamento do “milagre español” foi o turismo, cun aumento espectacular de visitantes, convertíndose o turismo na “primeira industria española”. O sector servizos, deste xeito, coñeceu un despegue fundamental, imprescindible para compensar o déficit comercial. En suma, estas tres fontes fixeron posible importar a tecnoloxía necesaria, revolucionar a produción e adquirir materias primas e enerxéticas fundamentais para a economía española.

O Estado franquista tratou de complementar os efectos positivos do “desarrollismo” cunha serie de planos económicos, con diferentes finalidades (aumento do PIB, pleno emprego, maior estabilidade política e económica, progresiva integración na economía mundial, etc.). Houbo un importante crecemento entre 1960 e 1975, pero máis que debido á planificación a razón está na favorable coxuntura económica internacional. Evidentemente, a propaganda oficial do réxime magnificou os logros como un triunfo do goberno franquista, sen recordar que foron anos dunha grande prosperidade xeral en Europa. Ademais, os planos oficiais non evitaron un dos principais problemas do desarrollismo: o desequilibrio rexional entre unhas zonas altamente desenvolvidas e industrializadas e un interior cada vez máis despoboado pola emigración e falto de tecido industrial.

Por último, hai que ter en conta que o “desarrollismo” tivo outro tipo de consecuencias sociais e demográficas, como a aparición dunha auténtica sociedade de consumo española, simbolizada polo popular utilitario Seat 600 (Doc. 3) e o fortalecemento e expansión das clases medias.

Tamén hai que ter en conta que o enorme crecemento económico repercutiu nun cambio sustancial na sociedade tradicional española (mellora do nivel de vida, tal como nos recorda o Doc. 3), que non se corresponderon con cambios políticos paralelos. Isto, evidentemente, provocaría un aumento da oposición antifranquista e de parte da sociedade, reclamando maiores cotas de liberdade e a apertura do réxime, para equipararse ao resto de Europa.

Conclusións

Durante o franquismo son facilmente identificables tres etapas do seu desenvolvemento económico. Os anos 60 foron os de maior crecemento, tras superar a longa etapa da posguerra. Pero a falta de medidas adoptadas para superar a crise enerxética mundial de 1973 supuxo que, de novo, España quedase atrasada con respecto ás economías dos países veciños de Europa.

Download

PDF Word HTML