Evolución e Historia da Lingua Galega: Dos séculos XIX ao XXI
Características da Lingua (Séculos XIX-XX)
Proceso de construción do estándar, por Henrique Monteagudo:
- Galego popularizante: Século XIX, empregado polos autores do Rexurdimento. Caracterizado por reproducir a lingua oral. O referente ortográfico vai ser a ortografía castelá e o léxico está cheo de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos. Non coñecen a tradición literaria medieval nin teñen un modelo prestixioso que lles servise como referencia; cada quen utilizaba criterios particulares dende a súa lingua natal.
- Galego enxebrista ou diferencialista: 1880-1936. Ten a súa orixe na teima das Irmandades da Fala ou do Grupo Nós por afastar o máis posíbel o galego do castelán para remarcar así a súa identidade propia. Inclúen cultismos que prestixian o idioma, hipergaleguismos, arcaísmos e lusismos. Xorde a proposta das Normas pra a unificación do idioma galego, publicadas en 1933 polo Seminario de Estudos Galegos.
- Galego protoestándar: 1936-1980. Maior simplicidade ortográfica e gramatical, solucións supradialectais e correción paulatina dos excesos diferencialistas da etapa anterior.
- Galego estándar (1981 ata hoxe): A RAG (Real Academia Galega) publica as Normas Ortográficas da Real Academia Galega e creouse o Instituto da Lingua Galega. Entre estas entidades e a partir das Normas, asentan a construción dunha norma estándar, que publican en 1982 co título de Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Estas contaron co rexeitamento da corrente reintegracionista, que considera o estándar do portugués como modelo para o galego culto. En 1995 serán revisadas as Normas e en 2003 realízase unha última revisión que dá lugar á introdución de cambios que significaron o achegamento das diverxencias existentes entre o oficialismo, o reintegracionismo e a normativa de mínimos.
Literatura en Galicia
Durante a etapa do Galego Medio a literatura culta é escasa. Arredor da corte de Diego Sarmiento de Acuña creáronse textos líricos e teatrais.
A Ilustración nace en Galicia no século XVIII con personalidades como o Padre Feixoo, o Padre Sarmiento ou o Cura de Fruíme.
O Padre Sarmiento levou a cabo unha importante defensa e reivindicación da lingua galega, sobre todo no ensino e na igrexa. Ademais, os seus traballos versaban sobre a orixe latina do galego.